• Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña

  • O prazo para participar no Proxecto Youtubeir@s 2019 está aberto ata o día 27 de setembro.  

20190921 recollida premio Mil Primaveras

O alcalde da Baña recolleu hoxe en Pontevedra, en representación do Proxecto Youtubeir@s, o Premio Mil Primaveras que lle foi concedido na categoría máis innovadora ao proxecto organizado polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua. O acto celebrouse esta mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra, conducido pola regueifeira Lupe Blanco e Luís O Caruncho. 

Cando se deu a coñecer o fallo, o xurado destacou que o Proxecto Youtubeir@s “favorece que as persoas que transmiten a través de Youtube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en Youtube”.  Nesta edición, entre os 47 proxectos presentados, tamén foron premiados  o Modelo Burela, do IES Perdouro (premio ao mellor proxecto estabilizado); Falemos de ti e min, do IES de Soutomaior (premio ao mellor proxecto novo); Desafío 48 h, do IES María Casares de Oleiros (premio á mellor comunicación e impacto); Eu presumo de galego, do IES de Melide (premio ao mellor proxecto destinado á mocidade); e GCiencia (premio ao mellor proxecto dun ámbito sectorial).

Os Premios Mil Primaveras, creados neste 2019 pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, teñen como obxectivo valorar, recoñecer e difundir accións, campañas e programas que serven para fomentar a lingua e para incrementar tanto o seu uso coma o seu prestixio. A organización de Youtubeir@s, que neste 2019 acada a súa terceira edición, amosou a súa gratitude por este galardón

Os premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Foron avaliados de acordo coas bases por un xurado formado por persoal técnico do ámbito da normalización lingüística, da comunicación e da investigación sociolingüística, composto por Daniel Romero Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Fene, Rosario Pérez Magdalena, técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Ana Iglesias Álvarez, investigadora e docente na Universidade de Vigo, María Yáñez Anllo, xornalista e directora da revista dixital Vinte, e Anxos Sobriño Pérez, presidenta da CTNL.

Premios Youtubeir@s>

Os Premios Youtubeir@s, unhas das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

 Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.