• Ao espectáculo, de entrada libre, asistiron os sesenta nenos e nenas que participan no campamento de conciliación

  • Baños na piscina, xogos tradicionais, gimkanas e varias festas inclúense nun programa centrado no respecto ao medio ambiente

O espectáculo Peque Disco Moc Moc animou este mediodía a toda a rapazada que se achegou á área recreativa de Agra de Chans. Nenas e nenos, na súa maioría participantes no campamento de conciliación municipal, cantaron, bailaron, fixeron coreografías e desfrutaron con Mere Clown de números de acrobacias e malabares con lume.

A actuación, aínda que de entrada libre, foi unha máis das propostas das que nestes días poden gozar as rapazas e rapaces do campamento de verán, que cubriron as sesenta prazas dispoñibles tanto nas dúas quendas quincenais de xullo (entre o 3 e o 28 de xullo) como nesta primeira de agosto (do 31 de xullo ao 11 de agosto).

Coas miras postas na Axenda 2023 para o Desenvolvemento Sostible, a cativada desenvolve nestes días múltiples actividades lúdicas e culturais vencelladas á educación ambiental. Fixeron, así, obradoiros de reciclaxe, pero tamén puideron gozar de baños na piscina, gimkanas ou xogos tradicionais. Tiveron tamén un grande éxito a festa da auga, a festa holi e os inchables.

O campamento municipal de conciliación prosegue ata o 8 de setembro. 

28 de xuño de 2023

Faise pública a listaxe definitiva de nenas e nenos admitidos para o Campamento de Verán 2023, que pode consultarse no documento adxunto a esta nova (neste enlace).

 

20 de xuño de 2023

Faise pública a listaxe provisional de nenas e nenos admitidos para o Campamento de Verán 2023, que pode consultarse no documento adxunto a esta nova (neste enlace). Outórgase un prazo para a mellora da documentación de dous días hábiles.

Ao quedar prazas libres nas quendas de agosto, acórdase tamén que as familias poderán solicitar praza con quince días de antelación á data desexada.

 

27 de maio de 2023

Campamento de verán logos. A Baña. 2

 

O Concello da Baña vén de abrir o prazo de inscrición para participar no Campamento de Verán 2023, no que poderán participar nenos e nenas escolarizadas de entre 3 e 14 anos entre o 3 de xullo e o 8 de setembro. Con esta medida, o Concello quere facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares.

O campamento desenvolverase en Agra de Chans, en horario de 8.00 a 14.30 horas de luns a venres laborais, e terán preferencia as familias empadroadas na Baña ou que traballen no concello con necesidades de conciliación. De quedar prazas vacantes, poderán anotarse as crianzas que cumpran cos requisidos que figuran nas bases.

O prezo do Campamento de Verán 2023 para as persoas censadas na Baña  é de 100 euros mensuais (50 cada quincena) no caso de que só participe un menor da unidade familiar; 75 € polo segundo irmán ou irmá (37,5 a quincena) e 50 € polo terceiro (25 € quincena). Para as persoas non censadas, as contías a abonar serán de 193, 145 e 96 euros ao mes (a metade se acude unha quincena. Naqueles casos nos que a unidade familiar, empadroada na Baña, non conte cuns ingresos iguais ou superiores a dúas veces o IPREM (600 €/mes), e tras a emisión do informe pertinente, a contía a pagar será 40€ se só participa un menor, 30 €# polo segundo e 25 € polo terceiro, respectivamente. O prezo da primeira semana de setembro será o equivalente a media quincena, segundo cada caso. 

Segundo as bases que regulan o Campamento de Verán 2023, aprobadas polo Concello, as solicitudes deberán ir asinadas polo pai, nai ou titor\a legal. Ademais de cubrir a folla de inscrición, as persoas solicitantes deberán aportar unha fotocopia do DNI do\a menor, a fotocopia do documento de identidade da persoa titular da conta; a tarxeta sanitaria, e, de ser o caso, o informe médico que acredite calquera tipo de tratamento especial.

Unha vez cumprimentada a ficha de inscrición, esta debe presentarse, xunto co resto da documentación, ben no rexistro do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou ben por sede electrónica ata o 9 de xuño.

No baremo das prazas terán prioridade os menores cuxa unidade familiar estea empadroada na súa totalidade no municipio. En segundo lugar, os menores que sexan fillos\as do persoal que presta servizo no Concello da Baña e despois as crianzas censadas no municipio.

A listaxe de persoas admitidas no Campamento de Verán 202e publicarase tanto na páxina web do Concello como nas oficinas municipais. E, de non existir ningunha reclamación, elevarase a definitiva, é dicir, que as prazas quedarán oficialmente concedidas.

No caso de que as inscricións presentadas en prazo superen as prazas ofertadas, o Concello procederá a un sorteo público. Os\as  solicitantes que queden sen praza pasarán a formar parte dunha listaxe de agarda. Todas as inscricións presentadas fóra de prazo pasarán tamén a formar parte da listaxe de agarda pero a continuación das presentadas dentro do prazo.

As cotas pagaranse unha vez que se saiba que a persoa solicitante conta con praza, logo da publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e nun período máximo de 10 días. O pagamento farase na conta que o Concello da Baña ten habilitada no banco Santander ES26 0238 8191 8806 6000 1061.

As persoas interesadas poden consultar a bases na páxina web do Concello da Baña e tamén descargar a ficha de inscrición.

  • A finalidade deste programa é promocionar a cultura e o folclore popular

  • As actuacións adxudicaranse por orde de entrada no rexistro

As asociacións de veciños da Baña xa poden solicitarlle ao Concello a actuación de grupos de gaiteiros para as súas celebracións. A través do programa Gaiteiros polas parroquias, o Concello financiará ata oito actuacións, que se concederán por orde de presentación no rexistro. Con esta acción a concellería de Cultura busca promocionar a cultura e o folclore popular a través das festas parroquiais.

A convocatoria está aberta ata o 15 de decembro de 2023 para todas aquelas asociacións de veciños con sede no Concello da Baña. A petición deberán presentala con quince días de antelación á celebración da festa e poderán facelo a través da solicitude xeral na sede electrónica e de forma presencial ou telemática no rexistro municipal. O Concello asignaralle a cada asociación unha única actuación ao ano.

Para as asociacións, a actuación será totalmente gratuíta. Segundo as bases deste programa, o grupo de gaiteiros tocará durante a misa, a procesión e na sesión vermú; xa que logo, o pasarrúas ou alborada contémplase como unha contratación á parte e directamente cos gaiteiros.

As bases reguladoras do programa de solicitude de Gaiteiros polas parroquias, promovido pola concellería de Cultura da Baña, poden consultarse no arquivo adxunto.

  • Poden pedirse na Concellaría de Educación dende hoxe e durante todo o mes de xullo // 

O Concello da Baña convoca axudas de transporte gratuíto durante o curso 2023/24 para toda a mocidade empadroada no municipio que estea estudando Bacharelato, FP ou calquera outro tipo de educación non universitaria e non obrigatoria en centros de Negreira ou Santa Comba.

A solicitude das axudas deberá tramitarse na Concellaría de Educación da Baña. O prazo permanecerá aberto entre hoxe, 27 de xuño, e durante todo o mes de xullo chamando ao número de teléfono do Concello 981 886 501. Na petición debe indicarse o número de teléfono dos solicitantes, a súa dirección e o nome do centro no que están matriculados.

O Concello ten como obxectivo con estas achegas axudar ás familias ao tempo que lles facilita aos estudantes a posibilidade de seguir residindo nos seus domicilios da Baña durante o tempo que dure a súa formación. 

  • Actuarán tamén Axio Moura, Mekanika Rolling Band e grupos da Escola de Música e de pandereteiras e gaiteiros bañenses //

  • O actor Víctor Fábregas encargarse da lectura do pregón //

  • O programa inclúe ademais xogos populares e un espectáculo de lume //

A Baña viaxará no tempo uns cantos séculos atrás para volver á época prerromana o sábado 13 de maio, día no que celebrará no Castro a segunda edición da Festa Castrexa cun programa no que haberá moita música, xogos, espectáculo de lume e un concurso de clans no que poderán participar todos aqueles grupos que se disfracen en consonancia coa temática. O actor Víctor Fábregas, que formou parte do popular dúo Os Tonechos e percorre Galicia no programa de viaxes da TVG Sen Código Postal, será o encargado do pregón.

A II Festa Castrexa da Baña comezará pasado o mediodía coa actuación dos gaiteiros Axio Mouro, que prepararán o ambiente para a lectura do pregón. Despois da intervención de Víctor Fábregas, a música volverá ao lugar do Castro coa sesión vermú e o grupo Malvela.

Os integrantes da Escola Municipal de Música abrirán o programa vespertino, no que figuran o concurso de clans, a batalla castrexo-romana e os xogos populares, ademais das actuacións das pandereteiras e dos gaiteiros da Baña.

Un dos pratos fortes da xornada chegará xa á noitiña co concerto da cantautora de folk Sés. Despois, as persoas asistentes poderán gozar de A lenda das meigas, un espectáculo que ten como gran protagonista o lume e no que se misturan técnicas de danza con malabarismos e humor. Dende a medianoite, o desenfadado repertorio da charanga Mekanika Rolling Band despedirá a celebración para deixar un gran sabor de boca.

cartel festa castrexa

Concurso de clans

O concurso de clans está aberto a todas aquelas persoas que acudan á festa vestidas á moda castrexa e porten un estandarte en representación do seu clan. Para participar, deberán cubrir o formulario de inscrición e presentalo telematicamente na sede electrónica do Concello da Baña ou no Rexistro Xeral. A data límite é o luns 8 de maio.

Haberá tres premios para o clan mellor caracterizado (cun mesmo motivo e elaboración artesanal), para o que presente o mellor vehículo móbil (relacionado coa época, como un tear de liño, unha palloza, un carro, un útil de metalurxia...) e para a mellor teatralización (valorarase a representación dalgunha escena da cultura castrexa). Un mesmo grupo pode participar en varias categorías e os menores deberán achegar unha autorización asinada por un titor. 

As bases do concurso, o formulario de inscrición e a autorización para menores están dispoñibles nos arquivos adxuntos.