• Publicarase un audiovisual cada mes do ano, protagonizado por veciñas que se desempeñan en diversos ámbitos para reivindicar a igualdade de xénero

  • Inaugura hoxe a serie a mestra xubilada Dolores Allo, co gallo da celebración do día Internacional da Educación

Un vídeo con declaracións da mestra xubilada Dolores Allo Davila inaugura hoxe a iniciativa ‘A Baña en feminino’ coa que o Concello da Baña quere darlle visibilidade as mulleres rurais para reivindicar a igualde de xénero. Consistirá na publicación dun audiovisual ao mes ao longo deste 2021 e un acto de homenaxe as doce protagonistas en representación de todas as veciñas bañenses no 8M do vindeiro ano 2022.

Dolores Allo, natural e veciña da Castiñeira na parroquia de San Vicenzo e que foi mestra do CPI San Vincente, comeza esta serie coincidindo coa celebración onte, 24 de xaneiro, do Día Internacional da Educación.

No vídeo, de cinco minutos de duración, Dolores Allo fala das dificultades que tiñan que sortear rapazas e rapaces do rural para poder estudar ou do control que se exercía sobre as mozas cando entraban na adolescencia fronte á liberdade da que desfrutaban os mozos. “Os homes podían facer o que quixeran, mentres que as mulleres lles controlaban con quen se relacionaban e onde ían”, sostén.

Baña Feminino 01 Dolores Allo Davila1 web

Dolores Allo comenta tamén os cambios sociais que permitiron que a muller fose acadando maiores cotas de independencia, e fai un chamamento para que se repartan as tarefas no fogar entre mulleres e homes. “Sobre estudos e relacións, penso que hoxe están equilibrados. Onde non están tanto é nas casas, onde os nenos fan menos ca as nenas. Pero tampouco os pais fan igual ca as nais. Si semella que nas parellas máis novas fan os dous tarefas. Creo que antes de convivir podían poñelo como condición”, sinala.

O proxecto A Baña en feminino continuará durante todo 2021 coa publicación na canle de Youtube e do Facebook do Concello doutros once vídeos, un por mes, nos que se lles dará voz a outras veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos.

O obxectivo final da iniciativa é visibilizar as mulleres bañenses dentro dunha contorna rural que aínda é predominantemente machista, así como promover a igualdade de xénero e propiciar a reflexión na sociedade sobre cal é a situación actual da muller.

 

O Concello da Baña quere coñecer o interese existente en participar nun obradoiro de regueifa, que se impartiría a través da plataforma Zoom e sería gratuíto.

O contido do obradoiro abrangaría unha breve parte teórica, na que se falaría de que é a regueifa e se faría un percorrido pola súa historia ata o momento actual; e outra parte práctica, na que as persoas participantes poderán aprender mecanismos básicos para regueifar.

A duración do obradoiro oscilaría entre os 60 e os 90 minutos e se desenvolvería pola tarde, entre mércores e sábado e entre as 16:00 e as 21:00 horas. O obradoiro está aberto a todas as idades, aínda que se recomenda que os menores de 12 anos estean acompañados dunha persoa adulta.

A docente sería Olalla Liñares, xornalista e docente de Lingua Galega que desde o ano 2017 está vencellada á impovisión oral en verso a través de proxectos como Enreguéifate.

Podes cubrir a enquisa que aparece a continuación:

 

Con puntualidade de reloxio suízo, os Reis Magos cumpriron co prometido e chegaron ás cinco da tarde ao pavillón de San Vicenzo para saudar e coñecer os desexos de todas as nenas e nenos da Baña. Fieis a tradición, pero gardando as aconsellables distancias, puideron conversar con todos eles na tarde do 5 de xaneiro. Integrantes da Escola de Música Tradicional da Baña acompañáronos na recepción real. 

A visita das Súas Maxestades foi este ano un pouco diferente por causa do coronavirus. Rapazas e rapaces entraron no pavillón coas súas familias en tres quendas distintas segundo a parroquia onde residen. Na primeira delas, que comezou ás cinco da tarde, os Reis recibiron a cativada de Troitosende, Fiopáns, Lañas e San Cibrán. Ás seis, tiveron ocasión de conversar coas pequenas e pequenos de Corneira, A Riba, Ordoeste, Cabanas, Suevos e Ermida. E, por último, ás sete, estiveron coas cativas e cativos da Baña, Monte, Marcelle, Barro e Barcala.

Malia todos os impedimentos, as pequenas e pequenos volveron demostrar, coma fan nos colexios, que saben cumprir as normas para frear o avance da pandemia do coronavirus. Os Reis Magos deixaron constancia de que van premiar tan bo comportamento e xa alí mesmo fixéronlle entrega a cada un deles dun pequeno obsequio, ademais de asegurarlles que esta noite visitarán casa por casa con moitos máis.

Espectáculo para público familiar

Xusto antes da chegada dos Reis Magos, o polideportivo de San Vicenzo encheuse de maxia, teatro e circo co espectáculo Chop! da compañía Teatro ao Cubo. Por causa das limitacións de aforo derivadas da Covid-19, puideron asistir aquelas familias que fixeron reserva nos días previos.

Este Nadal chegou aos fogares da Baña o número da revista de actualidade municipal correspondente ao ano 2020.

As iniciativas de apoio á veciñanza e aos autónomos para facerlle fronte á crise provocada polo Covid-19, o Entroido multitudinario que se viviu na Baña ou as actividades culturais coma as da rede Apego son algúns dos asuntos que se tratan na revista. Tamén teñen protagonismo as fermosas paraxes naturais do municipio, ao falar da ruta literaria de sendeirismo ‘As rapazas de Xan’ ou do carballo de Cancelos.

No interior da revista, podemos ler asimesmo interesantes artigos coma o que recorda a figura do catedrático bañés José Manuel Pose Antelo ou o que fai un percorrido histórico polas pegadas que foron deixando os habitantes da Baña nos máis dos 4.000 anos de historia cos que conta o concello.

Todo o contido da revista pode consultarse en PDF premendo sobre esta ligazón

Os Reis Magos acudirán como cada ano á Baña na tarde do 5 de xaneiro para coñecer os desexos de todos os nenos e nenas do municipio, que poderán ver as Súas Maxestades no pavillón de San Vicenzo.

Por causa do coronavirus, a recepción real será este ano un pouco diferente. Os pequenos e pequenas entrarán no polideportivo en tres quendas, establecidas polas parroquias das que proceden. Así, na primeira queda, que comezará ás cinco da tarde, poderá acceder ao pavillón a rapazada de Troitosende, Fiopáns, Lañas e San Cibrán. A continuación, ás seis, entrarán os nenos e nenas de Corneira, A Riba, Ordoeste, Cabanas, Suevos e Ermida. Por último, ás sete, farano os cativos e cativas da Baña, Monte, Marcelle, Barro e Barcala.

O acceso ao polideportivo farase respectando a distancia e as medidas de seguridade. Na porta establecerase tamén un control de temperatura. Xa dentro do recinto, a cativada non poderá sentarse no colo dos Reis, aínda que si falar con eles gardando unha distancia axeitada e recibirá tamén un pequeno agasallo.

O Concello da Baña prega que se observen os horarios de acceso establecidos e se garden as medidas de seguridade. No pavillón, persoal municipal velará polo cumprimento das normas para que as familias poidan desfrutar con tranquilidade dunha tarde máxica.

Espectáculo para público familiar

Antes da chegada dos Reis Magos, o polideportivo de San Vicenzo encherase de maxia, teatro e circo co espectáculo Chop! de Teatro ao Cubo. A entrada é gratuíta pero, por motivos de aforo, as persoas interesadas en asistir terán que facer reserva chamando por teléfono ou mandando un guasap ao número 607 153 604. Dará comezo ás catro.