20190904 A Baña MadrugaO Concello da Baña pon en marcha este curso escolar “A Baña Madruga”, o servizo de almorzo e ludoteca para o alumnado do CPI de San Vicente.

O programa de conciliación laboral e familiar do CPI xa ten todo preparado para comezar co “A Baña Madruga” correspondente ao curso 2019/2020, que se levará a cabo nas instalacións do mesmo centro educativo de luns a venres entre as 7.30 e as 9.15 horas. Durante o mes de setembro as familias interesadas poderán probar este servizo de xeito gratuíto, para familiarizarse co seu funcionamento e decidir se, a partir de outubro, queren participar no mesmo.

Para gozar de dito servizo hai dispoñibles dous abonos mensuais diferentes segundo inclúa almorzo (50 €) ou non (40 €), mais quen queira participar días soltos tamén poderá facelo por 4 euros cada xornada. Estas cotas pagaranse as partir do mes de outubro.

Os interesados poden inscribir aos seus cativos e cativas nas oficinas do Concello.

Ligazón á resolución do BOP: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/09/10/2019_0000007204.html

20190907 Romanico ALI8489 webUn grupo de 20 persoas acompañadas polo guía de turismo Francisco González visitaron esta mañá a igrexa de Santa Baia de Lañas, na Baña, e as outras catro que os concellos da comarca inclúen na Ruta do Románico, para poñer en valor o patrimonio arquitectónico da Baña, Negreira e Val do Dubra. Esta iniciativa, que está financiada pola Deputación da Coruña, comezou na igrexa de Santa María de Paramos (Val do Dubra), e continuou pola de Santa Baia de Lañas (A Baña) e as de Portor e Gonte (Negreira).

A igrexa de Santa Baia de Lañas foi construída a finais do século XII. Pertencente ao concello da Baña (aínda que baixo o arciprestado de Val do Dubra), rende culto á martir adolescente meridana Santa Baia (Eulalia ou Olaia), martirizada e queimada viva con ramas de palma. Así é representada nos motivos dos capiteis do arco triunfal, orixinais da fábrica románica. A capela maior, xunto coa capela norte do Rosario foi reconstruída no primeiro terzo do século XVII. A sancristía data de 1754, e de 1792 a nova fachada e a espadana coas campás. Esta igrexa ten unha gran riqueza e profusión de canzorros historiados e conserva un arco con arquivoltas ao oeste desafortunadamente tapiado hoxe en día.

Un dos canzorros é un dolio, un instrumento de vento xa desaparecido –que se pode confundir cun pipo de viño– e que grazas á investigación do profesor Porras permítenos datar a igrexa de Santa Baia de Lañas na segunda metade do século XII, xa que os dolios unicamente existiron nesta época.

Santa María de Paramos (Val do Dubra) é unha igrexa do século XIII en planta de cruz latina con ábsida rectangular. Ten unha ventá con columnas e una arquivolta axadrezada. No norte ábrese unha porta en cuxas xambas hai columnas prerrománicas reutilizadas e capiteis con follas de acanto ou sogueados. O arco de medio punto desta porta esténdese alternando granito e pedra caliza de dúas cores cunha influencia clara da arte mudéxar da Mezquita de Córdoba. Destaca a cruz antefixa de adscrición aos templarios. A sancristía foi completada en 1646 e a bóveda da capela maior en 1741.

A igrexa de Santa María de Portor (Negreira), construída a finais do século XII, ten un regusto e referencias claras ao Pórtico da Gloria e á fachada de Praterías da Catedral de Santiago de Compostela tanto nos capiteis dos arcos triunfais como nos faxóns da nave principal. Os sobresaíntes arcos cegos do norte e os seus arquillos ornamentais superiores falan do gusto e do poderío económico desta igrexa monacal, da que dependía Pontemaceira.

Resaltar o amplo legado arquitectónico dos ancestros e potenciar unha variada paisaxe, con rutas que espertan admiración entre amantes do sendeirismo, son algunhas das iniciativas que promove o Concello da Baña para potenciar o turismo no municipio. Con esta idea naceu a Ruta do Románico, que promocionou conxuntamente cos concellos de Negreira e Val do Dubra, para dar a coñecer as características das cinco igrexas construídas na comarca durante esta época. No último semestre do 2018 fixéronse seis visitas guiadas para coñecer as igrexas de Santa Baia de Lañas (A Baña), Santa María de Paramos e San Román (Val do Dubra), e Santa María de Portor e San Pedro de Gonte (Negreira).

En todas as rutas realizadas ata o de agora, os técnicos de turismo contratados polos concellos foron quen explicaron aos participantes as peculiaridades de cada templo, Eutropio Rodríguez o ano apsado, e Francisco González no día de hoxe.

Para o mes de outubro, o Concello da Baña ten previsto ten previsto facer outra ruta de sendeirimos, nesta ocasión seguindo a Vía Mariana, despois da que o pasado 19 de agosto se fixo pola ribeira do Tambre dende a área recreativa de Fiopans.

20190907 ALI8477 WEB

20190830 ALI8329

Medio cento de nenos e nenas da Baña remataron hoxe o campamento urbano no que estiveron gozando e aprendendo durante todo este mes de agosto. Despois de numerosas actividades e visitas, a ‘Fantasía musical’ de Jorge e María poñía esta mañá o punto e final a unha actividade na que, hoxe, tamén participaron moitas das familias do programa Apego.

A ‘Fantasía das palabras’ foi o libro que María lles recomendou ler na biblioteca á cativada presente esta mañá de Agra de Chans, durante a festa de clausura do campamento urbano cun espectáculo no que a música, as fadas e as palabras foron as protagonistas.

Durante o mes de agosto o medio cento de nenos e nenas maiores de 3 anos que participaron no campamento urbano puideron coñecer a casa consistorial e visitar o salón de plenos e tamén a biblioteca. Noutras das xornadas foron visitar a minicentral, e tamén a explotación gandeira dos irmás Iglesias Vigo en Vilar de Suso (Lañas) ademais do taller do ferreiro, no que Diego Paredes lles explicou os pormenores deste oficio. Outro dos días recibiron a visita de membros de Cadelar, unha organización que lles ensinou a coidar e respectar aos cans. A festa da auga e moitas máis actividades farán do mes de agosto algo inesquecible para moitos dos nenos e nenas participantes.

Outra semana de campamento

O vindeiro luns, 2 de setembro, comeza unha nova edición do campamento urbano coa intención de facilitar a conciliación familiar e laboral durante a primeira semana de setembro. Os 21 nenos e nenas inscritos poderán gozar de numerosas actividades ata o día 6, antes de que comece o curso escolar 2019-2020. Entre as visitas programadas están as que se farán á escola de música e ao muíño de Nantón. Haberá un obradoiro de pasta de sal, a visita de membros da Fundación de discapacitados da comarca de Barcala.

Álbum de fotos no Facebook do Concello da Baña, neste enlace (preme aquí). 

20190830 ALI8308

20190904 Cartel Apertura Inscricion EOI

A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela conta cunha sección no IES Xulián Magariños de Negreira, á que pode acudir toda a veciñanza da Baña que pase todos os procesos de preinscrición e matrícula pertinentes para cada curso. 

Deste xeito, informamos de que a EOI xa ten na súa páxina web o procedemento de matrícula, prazos, prezos e a oferta do curso 2019/2020, que está a piques de comezar.

Para máis información, visita o IES Xulián Magariños (Rúa Castelao, núm. 23, 15893, Negreira) ou chama ao 881 867 126.

 

 

20190907 Cartel Ruta Romanico GrandeO Concello da Baña organiza o vindeiro sábado 7 de setembro, xunto a Negreira e Val do Dubra, unha visita guiada pola Ruta do Románico da Barcala e Dubra. Esta actividade promovida pola Deputación da Coruña desenvolverase na mañá do día acordado e levará as participantes ata catro exemplos do románico galego presentes nestes municipios, como son as igrexas de Santa María de Paramos, Santa Baia de Lañas, Santa María de Portor e San Pedro de Gonte.

Os Concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra xa están preparados para emprender a Ruta do Románico do vindeiro día 7 de setembro, que consistirá en realizar visitas guiadas polas igrexas románicas de Santa María de Paramos, Santa Baia de Lañas, Santa María de Portor e San Pedro de Gonte. Para o traslado dun templo a outro habilitarase un autobús, mais quen o prefira poderá desprazarse pola súa conta.

As participantes que vaian utilizar o servizo de transporte deben saber que o horario de saídas é ás 9.30 horas do Centro de Saúde de Negreira, ás 9.45 da parada de autobús do Seilán (A Baña) e ás 10.00 horas da Igrexa Parroquial de Paramos (Val do Dubra). Ao finalizar a ruta, o autobús repetirá o percorrido para deixar as participantes no seu lugar de procedencia.

As persoas interesadas poden inscribirse de xeito gratuíto ata o venres 6 de setembro ás 14.00 h chamando ao teléfono 650 79 69 56 ou na caseta de turismo de Negreira, situada na Avenida de Santiago, no horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. As prazas para asistir á ruta no autobús son limitadas.