• Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña

  • Os Premios Mil Primaveras, organizados pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL), outorgan a Youtubeir@s o premio ao proxecto máis innovador. Tamén premia noutros apartados a 'Modelo Burela', 'Falemos de ti e min', 'Desafío 48', 'Eu presumo de galego' e 'GCiencia'.

 

20190703 Youtubeiras

O Proxecto Youtubeir@s (organizado polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua) vén de recibir o Premio Mil Primaveras, na categoría de proxecto máis innovador. Recoñeceuno así o xurado ao ver en Youtubeir@s unha iniciativa que aborda “un medio prioritario para o futuro do idioma”, xa que a creación de contidos na nosa lingua a través da plataforma Youtube xera “unha grande atracción na xente nova”. O xurado, ademais, sinalou que o proxecto “favorece que as persoas que transmiten a través de Youtube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en Youtube”.

Os Premio Mil Primaveras, creados neste 2019 pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, teñen como obxectivo valorar, recoñecer e difundir accións, campañas e programas que serven para fomentar a lingua e para incrementar tanto o seu uso coma o seu prestixio. A organización de Youtubeir@s, que neste 2019 acada a súa terceira edición, amosa a súa gratitude por este galardón, que significa un “auténtico pulo para continuar a medrar” no futuro. “É un recoñecemento a todo o esforzo desenvolvido dun xeito colectivo entre os servizos de normalización lingüística de trece concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña”, sinálase dende a organización ao tempo que se destaca este elemento “fortemente colaborativo dende as institucións” como “unha característica fundamental” da iniciativa.

Tal e como apunta o xurado, Proxecto Youtubeir@s representa unha iniciativa innovadora que, dende o punto de vista da organización, “conecta coa mocidade e capta a súa atención empregando os seus mesmos códigos comunicativos”, o cal significa “unha clara adaptación aos novos tempos”. Por último, a coordinación do proxecto admite que un recoñecemento como o que a CTNL lle outorga a Youtubeir@s, garante “unha gran visibilidade” á hora de achegarse a máis público.

Premios Youtubeir@s

Os Premios Youtubeir@s, unhas das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

20190625 ALI4840

A Escola de Música Municipal da Baña pechou onte o curso 2018-2019 cun festival de verán no que o alumnado foi quen de entusiasmar ao público presente no auditorio, que aplaudiu con ganas durante as 28 actuacións, na que nenas e nenos foron quen de amosar os seus avances este ano. O alcalde, José Antonio Pereira, agradeceulle aos sete profesores a súa implicación e animou ao alumnado “a seguir traballando o curso que ven para que poidamos gozar no próximo festival”. Pereira Gil tamén tivo palabras de recoñecemento para todo o traballo feito para que a Baña conte cunha escola de música, dun “xeito especial a Alicia Blanco”, a anterior concelleira de cultura, presente entre o público.

O director da escola, Ramón Leis, reiterou en varias ocasións os avances dos 60 nenos e nenas que acoden a escola e animounos a seguir formándose e traballando, ao tempo que amosou o seu desexo de “recuperar a banda de música da Baña, algo cada vez máis factible vendo os avances deste xoves músicos”, lles dixo ás familias. No mes de setembro, Ramón Leis volverase a poñer en contacto coas familias para informar nas novidades do vindeiro curso escolar 2019-2019, que comezará o 1 de outubro.

20190625 ALI4766

O festival de verán contou con 28 actuacións, na que individualmente ou en grupos, todo o alumnado amosou os avances que conseguiu este curso interpretando diferentes pezas. Houbo ata quen tivo que estrear instrumento, despois dun percance co seu. Neste festival escoitáronse pezas de moi diferentes estilos, dende música de cine (Star Wars, Superman, Titanic ouPiratas del Caribe), clásica (Mozart), rock  (Yesterday, Sweet Child O’Mine) e de debuxos animados (Pantera Rosa),entre outros.

Ao rematar o concerto, alumnado, profesorado e familias compartiron uns petiscos para repoñer forzas.

Podes ver o álbum de fotos do festival de verán no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

 

20190625 ALI4773

20190620 Cacharela San Xoan

O Concello da Baña informa de que este ano os particulares non precisarán solicitar autorización municipal para facer as tradicionais cacharelas de San Xoán.

Só terán que solicitar autorización aquelas asociacións veciñas ou colectivos que vaian facer as cacharelas ocupando a vía pública. Nestes casos deberán solicitar o permiso nas oficinas da casa do concello ata mañá, venres, de 08.00 a 14.00 horas.

2019cineVeran

A concellería de Cultura da Baña leva o cine á praza do Concello co programa Cine de Verán. Será alí onde se emitan tres películas: o venres 28 de xuño ‘Peter Rabbit’, o 5 de xullo ‘Ralph rompe Internet’ e o sábado 13 de xullo ‘The Way’. A cativada poderá gozar cos dous primeiros filmes, de xénero infantil, mentres que o último, un drama español, vai destinado principalmente aos adultos.

Polo tanto, ‘Peter Rabbit’ é a primeira das películas que transformará a praza do Concello da Baña nunha sala de cine ao aire libre. Ás 21.00 horas do venres 28 proxectarase esta animación na que un coello rebelde e traste tenta roubarlle o control da súa horta a un granxeiro.

Na segunda xornada de Cine de Verán o venres 5 de xullo ás 22.00 horas, a emisión de ‘Ralph rompe internet’ manterá a atención das nenas e nenos posta na pantalla. Nesta animación fantástica dirixida por Rich Moore e Phil Johnston, os protagonistas, Ralph e Vanellope, embárcanse nunha aventura no máis fondo de Internet onde tratarán de atopar unha peza que necesitan para arranxar un videoxogo.

O espectáculo non quixo olvidarse dos adultos, pois a emisión de ‘The Way’ satisfará os seus desexos. Nesta drama español, un pai perde o seu fillo nos Pirineos mentres estaba a facer o Camiño de Santiago, entón decide rematar o traxecto na súa honra. A proxección está datada para o sábado 13 de xullo ás 22.00 horas.

IMG 0056 OK

 

José Antonio Pereira Gil foi elixido esta mañá alcalde do Concello da Baña no pleno de constitución da Corporación cos 4 votos do Partido Socialista e 2 de Compromiso por Galicia. Pereira agradeceu aos veciños e veciñas da Baña o apoio nas últimas eleccións, e aos concelleiros de CxG ous dous votos que lle permiten ao Partido Socialista recuperar a alcaldía da Baña tras 25 anos de goberno do Partido Popular. Andrés García Cardeso so contou cos cinco votos dos concelleiros do PP no pleno de hoxe.

“Asumo este proxecto cos meus compañeiros. Imos facer todo o que esté nas nosas mans para que o Concello da Baña volva a estar nese punto onde tiña que estar dende hai moitos anos”, asegurou José Antonio Pereira despois de prometer o seu cargo como novo alcalde da Baña. “Grazas a todos. Imos facelo ben, xa veredes”, afirmou entre unha sonora ovación de veciños e veciñas da Baña que abarrotaron o salón de plenos e, moitos, tiveron que seguir a sesión dende fora.

José Manuel Landeira, do Partido Popular, e David Gontán, de Compromiso por Galicia, foron os dous concelleiros que formaron a mesa de idade, por ser o de maior e menor idade, respectivamente, da Corporación. Landeira foi quen lle entregou o bastón de mando a José Antonio Pereira una vez ratificado o respaldo maioritario dos once concelleiros ao candidato do Partido Socialista.

Rematada a sesión, todos os membros da Corporación fixéronse unha foto de familia, antes de que a gran maioría dos asistentes felicitasen ao novo alcalde e aos outros tres concelleiros do Partido Socialista.

José Antonio Pereira é o terceiro alcalde da Baña dende que se celebraron as primeiras eleccións democráticas en 1979. O primeiro foi o tamén socialista Francisco Villaverde Marcos, que gobernou dende 1979 ata 1995, cando tomou posesión Andrés García Cardeso, do Partido Popular, quen agora lle deu o relevo a José Antonio Pereira.

IMG 0073 OK

A nova Corporación da Baña

A Corporación da Baña para a presente lexislatura queda conformada polos seguintes concelleiros:

Partido Socialista: José Antonio Pereira Gil, Mónica González Blanco, Jesús Manuel Pena Varela, Ana Páramos Cebey.

Partido Popular: José Andrés García Cardeso, Alicia Blanco Sande, José Manuel Landeira Liñares, Manuel Tourís Fernández, María José Ramos Freita.

Compromiso por Galicia: César Ramós Domínguez, David Gontán Varela.

Pódes ver o album de fotos no facebook do Concello da Baña (neste enlace)

IMG 0079 OK