imprimir
Categoría: Turismo
Visitas: 1499

20200216 Festa Filloa Pedra Pregon

Facer filloas sobre pedras de granito é unha tradición que se mantén na Baña, no Val de Barcala, nalgunhas zonas do Val da Ulla e en moi poucas lugares máis de Galicia”, dixo o pregoeiro da XVII Festa da Filloa da Pedra da Baña, Ramón Castro, quen destacou que esta tradición que pasa de xeración en xeración dende hai séculos “chegou a nós como un tesouro que temos que coidar, mimar, manter e transmitir aos máis novos”. Ramón Castro resaltou que a “filloa é o gran símbolo de algo m que vai máis aló dunha festa gastronómica. É unha festa da nosa cultura,  un xeito tan noso de ser e vivir”.

20200216 Festa Filloa Pedra Pregon alcalde GDR

E esta mañá os máis de cincuenta voluntarios e voluntarias da Asociación Filloas da Pedra deron fe de que na Baña esta tradición ten continuidade. Alí, xunto a Arita Pais, a filloeira de máis idade, estaba Aldara Grille Tomé, de 10 anos, que o ano pasado se converteu na máis nova en colaborar coa asociación e que xa ten relevo nalgunha das súas amigas que para o ano se quere sumar ao voluntariado filloeiro.

20200216 Festa Filloa Pedra Filloeiras

Entre todos estiveron atendendo as preto de 40 pedras de gratino –algunha con máis de 200 anos de antigüidade– sobre as que foron caendo os 2.000 litros de amoado feito a base de auga, fariña do pais, ovos e sal. Con todo este produto de primeira calidade e o bo facer das filloeiras e algún filloeiro puidéronse ofrecer unhas 10.000 filloas cadradas, de case medio metro de lado, que degustaron os centos de persoas que esta mañá se achegaron ata a Baña.

20200216 Festa Filloa Pedra ambiente

No polideportivo de San Vicenzo, ademais das pedras e das filloas, o outro protagonista foi o chef José Manuel Mallón, colaborador incondicional da Asociación Filloas da Pedra, e un dos impulsores da introdución da filloa da pedra na gastronomía moderna. Aínda que hoxe apostou por manter a tradición. Eso sí, dende unha food truck (camión restaurante) de 8 metros de longo que, ao lado das filloeiras, foi o lugar dende o que se despachaban as filloas da pedra acompañadas por 125 lacón e 100 caixas de grelos, 300 chourizos, 100 kg de patacas e 50 kg de orella de porco ou mel, nata, chocolate, marmelada e queixo. Unha oferta que serviu para saciar os padais máis esixentes.

20200216 Festa Filloa Pedra Pregon 2

A oferta de ocio completouse con varios expositores nos que os visitantes podían adquirir produtos de artesanía e alimentación, e tamén as camisetas, sudadeiras ou rifas coas que que o alumnado de 4º da ESO do CPI San Vicente está a recaudar fondos para a excursión de fin de curso que queren facer en abril a Barcelona.

Un taller de creación de xardíns verticais ou o taller de estampación de camisetas que pola tarde dirixiu Silvia Capelo, xunto con actividades para a cativada completaron a oferta dunha festa na que non faltou a boa música.  Os Campantes da Baña, pola mañá, e a Charanba BB+, na sobremesa, deron paso a verbena amenizada pola orquestra Finisterre, que puxo o broche de ouro a unha festa organizada pola Asociación Filloas da Pedra da Baña en colaboración co Concello.

20200216 Obradoiro Emprego Xovenes20191

Obradoiro de emprego Xóvenes 2019

Os oito alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego 2019 estiveron esta mañá impartindo un taller de xardín verticais e amosando o traballo que están a desenvolver na Baña. Na finca municipal teñen un invernadoiro e un xardín de horta ecolóxica comestible, que visitaron algúns dos asistentes a festa da filloa. A mestra Carmen Freire e a directora Alicia Blanco acompañaron ao alumnado durante as explicacións.

Album de fotos no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).