Centros de persoas degustaron hoxe na Baña filloas da pedra, unhas soas, outras con chourizo ou orella, outras con doce, durante unha xornada que serviu de homenaxe ás mulleres do rural, porque, segundo explicou a pregoeira, Marga Cancela, “non se pode falar de filloas sen mulleres, esas mulleres que son unhas auténticas malabaristas, capaces de coser, pranchar e facer os deberes cos seus fillos”, dixo a escritora barcalesa afincada en Madrid, que tivo tamén un recordo especial para Elisa Liñares Guerra, unha das impulsoras da Festa da Filloa da Pedra, que hoxe celebrou a súa décimo quinta edición.

O alcalde, Andrés García Cardeso, recordou que con esta festa quere ser unha homenaxe a muller do rural. Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, animou ao alcalde da Baña e ao de Boqueixón en promover o hirmandamento das dúas festas da filloa máis coñecidas da comarca: a de Lestedo e a da Baña, como unha forma “de manter viva e impulsar as nosas tradicións”.

Segundo explicou Marga Cancela no seu pregón, as auténticas filloas son as do Val da Barcala. “O que pasa e que aos peregrinos franceses gustáronlle tanto que copiaron a receite e levárona para a súa terra. Alí, co seu saber facer, asumírona como propia e souberon divulgala ata que alcanzou fama mundial”, sinalou a pregoeira, para quen as crêpes non teñen nada que ver coas filloas, e menos coas filloas da pedra da Baña.

A celebración da XV Festa da Filloa da Pedra acudiron centos de persoas, así como os alcaldes de Val do Dubra, Santa Comba e Carnota, o presidente de Feiraco, e veciños do concello que viven en Brasil ou Arxentina. Todos puideron degustar as 8.000 filloas que veciños e voluntarios da Asociación Filloas da Pedra da Baña estiveron preparando tanto a tarde do sábado como todo o Domingo de Ramos, día no que se celebrou a festa despois de que o concello decidise aprazar a celebración prevista para o 11 de marzo por mor do mal tempo. Esta mañá, no pavillón de San Vicenzo, trece mulleres e tres homes atenderon as corenta pedras de 40 x 40 centímetros para ofrecer filloas a todos os visitantes.

Entre as voluntarias, ata unha se animou a compoñerlle unha canción a festa. Elena López García animouse a cantar “Filloas veñen e van” (unha adaptación da “Rianxeira”) pero adicada á Festa da Filloa da Pedra da Baña, “a mellor do mundo”, dixo.

En presencia das autoridades e festeiros, Marga Cancela animouse a pedirlle aos concelleiros de Medio Rural, José Manuel Landeira, e ao de Facenda e Deportes, Manuel Tourís, que fagan un paseo á beira do río Barcala, dende Ponte Rial ata Ponte Corneira, para fomentar os hábitos saudables entre a veciñanza, onde se poidan dar paseos, andar en bicicleta e rebaixar o colesterol, afirmou.

A xornada festiva arrancaba xa as dez da mañá coa saída da segunda Ruta BTT Filloa da Pedra, na que participaron máis dun cento de ciclistas percorreron 42 quilómetros polos paraxes máis fermosos do concello. O campionato de chave e a música dos Campantes da Baña animaron as primeiras horas festivas. Xa pola tarde, e despois da entrega de premios da ruta BTT e do campionato de chave, a charanga Pena do Corvo e a orquestra Santiago encargáronse de poñer a música para seguir animando a xornada. Durante o xantar, os máis cativos puideron gozar na ludoteca habilitada no polideportivo de San Vicenzo.

Podense consultar os albunes de fotos no facebook do Concello da Baña nos seguintes enlaces:

Fotos da 15 Festa da Filloa da Pedra da Baña

Fotos dos xogos e mostra de artesaníaFotos dos xogos e mostra de artesanía

Fotos da II Ruta BTT Filloa da Pedra

Video: un voluntario facendo unha filloa da pedra