imprimir
Categoría: Turismo
Visitas: 1103

Un grupo de 140 persoas formado por veciños da Baña, Santa Comba, Mazaricos, Zas e Vimianzo saíron ás nove desta mañá da praza do Obradoiro para facer a primeira etapa do Camiño de Santiago a Muxia por Brandomil, unha iniciativa a que se suma o Concello de Muxía e sete asociación para promover a variante da ruta Xacobea por Brandomil e reclamar o recoñecemento oficial do mesmo.

Na etapa de hoxe rematou en Negreira participaron unha trintena de veciños da Baña. O vindeiro domingo, día 27, farán a etapa  dende Negreira ata Brandomil. A terceira será de Brandomil a Berdoias o 3 de xuño, e a última andaina está programada para o 10 de xuño entre Berdoias e Muxía. 

Este é o terceiro ano que se fan estas camiñadas reivindicativas promovidas polos concellos polos que discorre a ruta e as asociacións culturais Lumieira, da Baña; Os Trotasendas e San Luis da Pereira, de Santa Comba; Grandimirum de Brandomil, Zas; San Cosme de Antes, de Mazaricos; e Baíñas no Camiño e Berdoias, de Vimianzo

As asociacións sinaladas promoveron un estudio realizado polo recoñecido antropólogo e experto no Camiño de Santiago Manuel Vilar, que foi presentado o 18 de novembro do pasado ano e rexistrado posteriormente na Dirección Xeral de Patrimonio solicitando o recoñecemento oficial do Camiño por Brandomil.

Os interesados en participar nas vindeiras etapas deberán inscribirse previamente en calquera dos seis concellos promotores: A Baña, Santa Comba, Mazaricos, Zas, Vimianzo e Muxía. Cada municipio oferta un total de 50 prazas e, de non cubrirse a totalidade das mesmas, poderán anotarse tamén persoas doutros concellos. A inscrición ten un custe de 10 euros por etapa, que inclúe desprazamento, seguro, bocadillo, froita e auga.

Máis fotos no facebook do Concello da Baña

20180520 ALI1967