• Os primeiros asistentes á XVIII Festa da Filloa da Baña tiveron a oportunidade de aprender a facer filloas da pedra e de Muimenta na Escola Filloeira //

  • A animación musical correu a cargo da Foliada Filloeira e do dúo Matices //

  • O pavillón de San Vicenzo abre este domingo ás dez da mañá para acoller un completo programa gastronómico e de lecer ata ben entrada a noite //

Ao redor de dous mil litros de amoado feito con auga, fariña do pais, ovos e sal; 34 pedras; e máis dunha ducia de voluntarias da Asociación Filloas da Pedra abriron esta tarde no polideportivo de San Vicenzo a 18ª edición da Festa da Filloa da Pedra da Baña coa idea de recibir esta fin de semana milleiros de visitantes para seguir dando a coñecer un produto e unha tradición que levan pasando de xeración en xeración dende hai séculos.

20220326 festa filloa OK2 web

Como novidade desta edición, as primeiras persoas que se achegaron hoxe ao pavillón bañense tiveron a oportunidade de participar na Escola Filloeira. O cociñeiro José Manuel Mallón elaborou varias propostas á vista do público para demostrar que as filloas son unha gran base tanto para platos salgados como doces. Tamén filloeiras da localidade luguesa de Muimenta, coas súas planchas de ferro, compartiron cos asistentes cales son os seus segredos para facer filloas.

A animación da festa púxoa primeiro a Foliada Filloira, sumando á celebración gastronómica as actuacións dos gaiteiros e pandereteiras da Escola de Música Tradicional da Baña. Despois, foi o dúo Matices quen convidou a bailar ao público congregado no pavillón.

20220326 festa filloa OK7 web

Mañá, domingo, continuará a festa ao longo de todo o día e ata ben entrada a noite. Mozas e mozos da Baña nados no ano 2004, como a Festa da Filloa, serán os encargados de dar o pregón. Ademais, no pavillón, que abrirá ás súas portas ás 10.00 da mañá, todos os asistentes poderán gozar da música dos Gaiteiros da Baña (12.00 horas), a charanga Os Atrevidos (15.30 horas), a orquestra Olympus (18.00 horas) e o DjSonic (21.00 horas). Para nenas e nenos está programado o espectáculo musical infantil de Pakolas ás 17.00 horas.

José Manuel Mallón estará á fronte da food truck na que se cociñan os ingredientes cos que a Festa da Filloa convida cada ano a acompañar o manxar bañense, tales como lacón e grelos, chourizo ou orella. Para os máis lambóns, ou como sobremesa, ofértanse ademais chocolate, mel ou marmelada. E, como xa vén sendo habitual, unhas carpas pola parte de atrás do polideportivo ofrecerán polbo e churrasco. Todas as persoas que se acheguen ata a Baña atoparán tamén postos postos de venda de artesanía, churros ou rosquillas, ademais dalgunha atracción de feira para a xente miúda.

  • Percorreron 14 quilómetros entre a Carballeira do Seilán e A Costa, en Trece na parroquia da Riba

 20210828 Andaina Via Mariana pola Bana ALI1050 2

Un grupo de 25 persoas participan esta mañá na andaina para promocionar a Vía Mariana ao seu paso pola Baña. Organizada polo Concello en colaboración coa Asociación Vía Mariana Luso Galaica e a Deputación da Coruña, a camiñada saíu da carballeira do Seilán as nova desta mañá para percorrer os 14 quilómetros que pasan polo municipio.

Ao chegar á parroquia de Ordoeste, as persoas asistentes puideron repoñer forzas tomando froita e bebendo auga, antes de continuar ata a parroquia da Riba. Na Costa, en Trece, remataba esta experiencia para poñer en valor un itinerario que pasa polos principais santuarios marianos que hai entre Braga (Portugal) e A Virxe da Barca (en Muxía), cun percorrido total de 382 quilómetros.

Podes ver un pequeno vídeo na canle de Facebook do Concello da Baña (neste enlace)

 

20210828 Andaina Via Mariana pola Bana ALI1067 2

  • As vistas desde o Pico de Santa Mariña abranguen  lugares tan emblemáticos como o Pico Sacro ou os montes Pindo e Iroite

  • O acceso agora sinalizado convida a facer uns vinte minutos de camiñada dende o lugar do Barro, aínda que tamén se pode subir en coche

20220126 inauguracion mirador Santa Marina IMG 20220126 173124

O pico da Santa Mariña, o cumio de maior altura do  Concello da Baña, conta dende hoxe cun bambán e un banco desde os que admirar as espectaculares vistas (ver aquí localización en Google Maps). Pódese chegar a eles nus vinte minutos de camiñada grazas a unha nova ruta de sendeirismo de apenas 1.200 metros, que conta con sinais de madeira desde a estrada que une O Barro con Cabanas. A iniciativa, bautizada como “Desde A Baña á terra-Desde A Baña ao aire”, responde ao desexo da Concellaría de Promoción de Vida Activa e Deportiva de ampliar para a veciñanza as propostas saudables de lecer e tempo libre ao mesmo tempo que se promociona o municipio como destino turístico.

O premio da camiñada é  unha panorámica de 360 grados sobre lugares tan emblemáticos como o Pico Sacro ou  os montes Iroite e Pindo. O novo bambán e o banco comparten agora espazo no cumio bañense cun vértice xeodésico construído no ano 1981 xunto aos restos da antiga ermida de Santa Mariña, levantada posiblemente en época medieval e derrubada a finais do século XVIII. A tradición di que o propio monte tiña un carácter sagrado e orientaba ventos e choivas.

Entre os itinerarios alternativos que permiten acceder ao Pico de Santa Mariña atópase a Ruta do Progreso, un percorrido circular de preto de once quilómetros creado polo alumnado do colexio de San Vicente da Baña e que parte do núcleo urbán de San Vicenzo para pasar, entre outros lugares, pola antiga fábrica de luz e o pazo de Leis.

20220126 inauguracion mirador Santa Marina IMG 20220126 174246

O Concello da Baña xeolocalizou a nova atración do municipio en Facebook e Instagram coa dobre finalidade de facilitar o acceso e convidar a veciñanza e visitantes a etiquetar a ubicación das fotos que fagan. Un bo lugar para deixar o coche é a aldea do Barro. Pero, no caso de non poder ou non querer camiñar, o certo é que os automóbiles chegan ata o cumio. O desvío é o mesmo da ruta sendeirista.

20220126 inauguracion mirador Santa Marina ALF3422

20200804 VeranNoTambre cartelOs concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra promoven por segundo ano consecutivo a iniciativa 'Verán no Tambre', un programa de rutas de sendeirismo que busca dar a coñecer as paisaxes únicas e os enclaves singulares das proximidades do río Tambre nesta zona.

As rutas realízanse os sábados 8 e 29 de agosto e o 5 de setembro, todas elas con saída ás 9 da mañá. Estas actividades contan con prazas limitadas, polo que haberá que inscribirse previamente (no teléfono 650 796 956) e cada persoa poderá anotar un máximo de catro participantes. Ademais, será imprescindible o uso de máscara e seguir as recomendacións impostas pola situación sanitaria actual.

A ruta inaugural do 'II Verán no Tambre' terá lugar o 8 de agosto no concello de Negreira. Os camiñantes xuntaranse na praza da feira para percorrer a coñecida Ruta dos tres Pazos, de 15,5 quilómetros e circular. O itinerario conduciraos polo paseo fluvial do río Barcala, o refuxio de Covas, o monte Bergando, Ponte Maceira e os pazos do Cotón, Baladrón e Albariña, todos eles a pouca distancia do río Tambre.

A seguir, o sábado 29 de agosto percorrerase no concello da Baña a Ruta da Ribeira do Tambre, con 11 quilómetros de lonxitude ida e volta. Partindo da área recreativa de Fiopáns, os participantes subirán a carón do río deixando atrás a Portalaxe e as súas pontellas, percorrerán camiños de pescadores e labregos e desfrutarán da andaina por un bosque de ribeira con carballos centenarios, como o de Cancelos, e muíños.

A cita no concello de Val do Dubra o 5 de setembro pechará este programa. A Ruta do Remuíño, con 13 quilómetros ida e volta, partirá do colexio de Portomouro para subir río arriba pola ponte de Portomouro e pola pequena aldea abandonada das Novais e os restos da súa capela, cruzando bosques autóctonos e tamén a histórica fábrica do Remuíño que lle dá nome á ruta, pioneira desta zona na transformación da enerxía hidráulica en electricidade a mediados do século XX.