imprimir
Categoría: Xuventude
Visitas: 2072

20200206 Filloa galiciana web

Filloas da pedra da Baña con mel, chourizo e rixóns, ou acompañadas dos diferentes petiscos dos postos do mercado gastronómico La Galiciana de Santiago. Deste xeito está a promocionar hoxe en Compostela a Asociación Filloas da Pedra a festa gastronómica que se vai celebrar a vindeira fin de semana na capital da Baña. Os actos festivos comezarán o sábado, día 15, coa Foliada Filloeira dende as 16.30 horas e durante a cal, ademais de boa música, poderán degustarse filloas da pedra da Baña e filloas de Muimenta.

O día grande da XVII Festa da Filloa da Pedra da Baña celebrarase o domingo 16, dende as dez da mañá. Unha exaltación gastronómica que a Asociación Filloas da Pedra da Baña e a Concellaría de Cultura promocionan hoxe no mercado gastronómico compostelán La Galiciana.

Arita Pais, Lola Landeira, Mónica Tomé –representantes da Asociación– e Mónica González, concelleira de Cultura, estiveron pola mañá facendo filloas para que as puidesen degustar as persoas que acudiron ata La Galiciana. A promoción continuará esta tarde, de 19.00 a 21.30 horas, con degustación de filloas da pedra e dos diferentes petiscos que os postos gastronómicos presentes na Galiciana ofrecerán aos asistentes.

Ademais, a Asociación Filloas da Pedra estará mañá venres no programa ‘Luar’ da TVG para dar a coñecer esta festa en toda Galicia. A intención é que o vindeiro domingo, 16 de febreiro, milleiros de persoas participen na Baña nesta exaltación gastronómica.

Programa do día 16

O programa da XVII Festa da Filloa da Pedra comezará o domingo, ás 10.00 horas, coa apertura do recinto. Ás 11.30 haberá un obradoiro de construción de horta ecolóxica en bancais, que impartirán os participantes no obradoiro de emprego Xóvenes2019. A música matinal correrá a cargo dos Campantes da Baña (12.30 horas), antes de que o director do programa radiofónico ‘+d1 Compostela’, de Onda Cero, Ramón Castro, pronuncie o pregón.

Para xantar, os asistentes poderán degustar filloas da pedra da Baña con lacón con grelos, chourizo, orella, e filloas doces para a sobremesa. Ás 15.30 horas, a Charanga BB+ animará a bailar aos asistentes e, ás 16.30, Silvia Capelo impartirá un taller de estampación e creación de camisetas. A verbena coa orquestra Finisterre, dende as 18.00 horas, permitirá continuar a festa.

A Asociación Filloas da Pedra da Baña, que conta coa colaboración do Concello, ten programadas diferentes actividades para que todos os asistentes poidan gozar dunha xornada festiva. Tirolina, rocódromo e outros divertimentos. Postos de artesanía e gastronomía e os polbeiros tampouco faltarán a esta cita.