20190617 apego

Un ano máis volta a festa do Apego, promovida polos concellos da Baña e de Negreira para fomentar a crianza na nosa lingua. Nesta ocasión, o venres 28 na área recreativa de Chans da Baña, as familias poderán gozar dende as 17.00 horas cos espectáculos do circo de Peter e o seu paiaso, de Garabato de Xogos Obradoiros, e posteriormente coa representación de “Puño puñete” de Baobab Teatro. Ademais, o concello organiza tamén unha sesión de cine ao aire libre coa proxección de “Peter Rabbit” ás 21.00 horas na praza do concello da Baña.

A celebración conxunta do Apego estase a converter nunha tradición nos dous concellos. Este proxecto, promovido polos servizos de normalización lingüística da Baña e Negreira, pretende incentivar a socialización entre nenas e nenos en galego dende o seu nacemento.

20190617 peter rabbit

Nesta ocasión, conta con dúas funcións independentes para a diversión da cativada. Dende as 17.00 horas ata as 20.00 horas do venres 28, o paiaso Peter e o seu circo enredarán aos presentes coa súa divertida representación. Ás 20.00 chegará o momento da peza teatral do grupo Baobab, chamada “Puño puñete”.A obra é un espectáculo para toda a familia con música en directo, cancións e contos na que a tenrura é a principal protagonista do relato. Unha experiencia chea de sensacións e emocións que manterán ás nenas e nenos cos seus cinco sentidos postos no escenario. A peza teatral, baixo a dirección de Óscar Ferreira, conta como elenco con Andrea Bayer e Davide González.

As representacións do Apego terán lugar na área recreativa de Chans da Baña e rematará aproximadamente ás 20.45 horas, aínda que en caso de choiva trasladaríase ao pavillón polideportivo da Baña para asegurar a celebración do evento.

Ademais, as pequenas e pequenos poderán continuar coa troula, pois ás 21.00 horas o cine ao aire libre chegará á praza do concello da Baña para emitir a película infantil “Peter Rabbit”. A película estadounidense é unha adaptación ao conto tradicional de Beatrix Potter, na que un coello rebelde e traste intenta facerse co control da horta do seu dono. Con este fío condutor, o filme, que ten unha duración aproximada dunha hora e media, asegura as gargalladas da cativada.

20180621 Apego 2

Familias da Baña e de Negreira participaron onte na primeira festa que organiza no Val de Barcala o proxecto Apego, unha iniciativa que ten como obxectivo incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia.

No refuxio de Covas, preto de cen persoas, entre crianzas e maiores, puideron gozar coa máquina do tempo que levou ata esta área de recreo Teatro de Ghazafelhos. A biblioteca móbil ofreceu, xunto co seu catálogo de libros, un obradoiro de marcapáxinas no que participaron moitos nenos e nenas. Para fomentar a socialización no noso idioma, a ludoteca ambulante dos Biosbardos presentou xogos que fomentan a colaboración, tanto entre pequenos coma destes cos maiores. O fin de festa protagonizouno Lidia Botana co seu espectáculo musical ‘De aquí para alá’, co que moitos se animaron a bailar e a cantar.

Dende a organización realizan unha boa valoración da participación que tivo esta primeira edición da festa do Apego. Por iso, prevén repetila para o ano, desta volta no Concello da Baña. 

20180621 Apego 3

Entre as familias que asistiron á celebración había moitas que tamén participan en Maimiños e Furabolos (A Baña) e Avelaíñas e Rebuldeiros (Negreira), iniciativas dirixidas a estimular a socialización en galego das crianzas de 0 a 6 anos.

Na actualidade, unhas 75 familias están anotadas en Apego nos concellos da Baña e Negreira. En total, 30 municipios galegos forman parte do proxecto, que promove a socialización en galego e propón o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia e para asentar o arraigo á terra, porque, aseguran dende Apego, “a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura dos nenos e nenas”. Por esta defensa e uso do noso idioma, o proxecto Apego recibiu o ano pasado o Premio Rosalía de Castro de Lingua, que concede a Deputación da Coruña, e o Premio da Cultura Galega 2017 na modalidade de lingua.

O centro social e da terceira idade da Baña acolle o mércores 9 de maio o segundo obradoiro de regueifa que organiza o Concello, a través do Servizo de Normalización Lingüística e coa colaboración da Deputación da Coruña e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta. O taller, dirixido a público adulto, será impartido por Olalla Liñares.

Liñares, unha regueifeira das máis destacadas da comarca da Barcala, xa impartiu o pasado xoves outro obradoiro similar, desta vez para mozos e mozas de primeiro e segundo da ESO do CPI San Vicente. Na cita do mércores serán os adultos os que aprendan as técnicas desta sorte de combate cantado. O obradoiro comeza ás 18.00 horas.

O ciclo de obradoiros de regueifa rematará o xoves 10 de maio cun enfrontamento entre as dúas xeracións participantes. Maiores e promesas recitarán as súas disputas no centro social bañés ás cinco da  tarde.

Podes ver máis imaxes na páxina web do Servizo de Normalización Lingüistica da Baña.

A regueifa, o canto ou cantiga entre dúas ou máis persoas seguindo unha melodía determinada para disputar sobre un determinado tema, foi a protagonista durante a última semana na Baña. Un encontro interxeneracional puxo fin o xoves aos talleres que impartiu Olalla Liñares, primeiro no CPI San Vicente entre o alumnado da ESO e despois entre os usuarios e usuarias do Centro Social e da Terceira Idade.

Unha das primeiras cousas que aprenderon os participantes nestes talleres e que a regueifa serve “para dicir en broma o que non se pode dicir en serio” tal como explicou Olalla Liñares. Para encontro desta tarde, no que participaron catro mozas e unha duci­­­­a de maiores, utilizaron a melodía “Pasodobre do carneiro”, do grupo Os Carapaus de Emilio Lois. Despois duns pequenos ensaios e de compoñer un total de 16 estrofas durante a xornada, os participantes animáronse a gravar un vídeo no que cantaron as coplas que acababan de inventar e que se pode ver no canal de Youtube do Concello da Baña (https://youtu.be/uXfY2hNbbo8)

A maioría dos participantes nestes obradoiros sabían o que era a regueifa e algunhas, incluso, recordaban ver, hai moitos anos, regueifar nas festas. Falando, falando, foron recordando un lote de cantigas que manteñen a mesma estrutura. As coplas da regueifas teñen catro versos, na que o segundo rima co cuarto en consonancia ou en asonancia.

Algunhas das coplas que se cantaron nos talleres foron as seguintes:

  • Indo para Santa Comba / metín un pé nunha poza, / agarreime a unha vella / pensando que era unha moza.
  • Nós aquí e vós alá /somos tantos coma vós, / nós comemos o carneiro / e os cornos son para vós.
  • Despedíronse de todos / e tamén do señor cura/ marcharon para a cidá /d’acabalo dunha burra.
  • Voulles dicir unha cousa /a estas mulleres da Baña / e tamén a estes homes /son a regueifeira Olalla.
  • Pois moitas grazas Olalla / por nos vires ensinare / non te olvides que as da Baña / tamén queren regueifare.