• Esta moza do Seilán fala da presión que sufriu cando deixou a hostalaría para converterse en soldadora. “Tes que demostrar moitísimo máis”, di

  • “Chegáronme a dicir que non compensaba ter unha muller do metal nunha empresa porque lles faltan infraestruturas”, engade 

“As xeracións máis novas veñen con outra mentalidade, pero A Baña ten unha poboación bastante avellentada e o sentir maioritario é que unha muller que non casa e non ten fillos non é válida. É unha cuestión educativa e cultural que hai que ir cambiando”, sostén Nerea Vázquez, moza do Seilán e protagonista neste Día do Traballo do quinto vídeo da serie ‘A Baña en feminino’ coa que o Concello convida a reflexionar sobre o papel da muller e a igualdade de xénero nun municipio rural.

Nerea era consciente de que o camiño ía ser díficil cando decidiu dar o paso de deixar a hostalaría para converterse en soldadora, un oficio tradicionalmente de homes, e lembra a presión social que sentiu cando comezou a súa formación. “Se non remataba a FP, sabía que o que me ían dicir era para que me metera nisto se xa se sabía que non valía. Tes que demostrar moitísimo máis”, subliña.

Hoxe en día é técnica en soldadura e caldereiría e estuda o ciclo superior de Construcións Metálicas. “No metal -comenta- hai máis mulleres do que se pensa, pero seguimos sendo poucas e estamos moi pouco visibilizadas”. Incide así mesmo nas dificultades que se atopan as mulleres para incorporararse ao mundo laboral neste sector, “malia contar con subvencións”. “A min chegáronme a dicir que non compensaba ter unha muller nunha empresa porque lles faltan infraestruturas”, recalca.

De cara ao futuro, Nerea Vázquez estima que para conseguir a igualdade hai que incidir na educación, tanto para que mulleres e homes compartan os labores cotiáns dunha casa como para que se coñezan os traballos. Neste sentido, sinala que “o metal é un traballo limpo e fino, pero a maioría da xente descoñéceo”.

A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce audiovisuais que se publicarán na canle de Youtube do Concello ao longo deste ano. A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie o pasado mes de xaneiro falando das súas vivencias e os avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade. En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais. Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar. Na mesma liña, coincidindo co Día do Libro o pasado 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela abogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados.