Os Concellos da Baña e Melide e máis o municipio búlgaro de Pavlikeni celebran ata o día 5 de outubro un intercambio de boas prácticas e de busca común de solucións no eido laboral, como parte dun proxecto financiado pola Unión Europea. No marco deste encontro, A Baña acolleu hoxe unha sesión de traballo na que se falou de políticas e servizos de emprego.

O intercambio enmárcase no proxecto “Alianzas transnacionais para o emprego e o crecemento”, financiado polo Programa Operativo “Desenvolvemento dos recursos humanos 2014-2020”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. O obxectivo desta iniciativa é que municipios de diversos puntos da Unión Europea intercambien impresións e estratexias exitosas en innovación social e boas prácticas, na procura de solucións comúns. Neste caso, no horizonte están a mellora do mercado laboral e a loita contra a pobreza e a exclusión social.

Neste primeiro acto no Concello da Baña a encargada do relatorio principal foi a axente de emprego e desevolvemento local, Dolores Landeira Liñares. Pola súa banda, o técnico de Xuventude do Concello de Santa Comba falou das oportunidades de emprego para os menores de 30 anos nos concellos rurais.

A delegación de Pavlikeni, un municipio de 11.000 habitantes no norte de Bulgaria, está encabezada polo alcalde, acompañado por concelleiros e outros funcionarios locais.