20190221 Voluntarios Filloeiros web

 

Unha foliada con música tradicional galega é a gran novidade da XVI Festa da Filloa da Pedra da Baña, que amplía a súa programación a dous días de exaltación da cociña tradicional galega. O sábado pola tarde, de cinco a nove no polideportivo de San Vicenzo, haberá música tradicional e degustación de filloas. A Asociación da Filloa da Pedra da Baña mobilizará 100 persoas voluntarias para facer filloas nas 36 pedras de 50x50 centímetros habilitadas para a ocasión cos 1.400 litros de amoado que se prepararán nos dous días. Outra das novidades deste ano é que o domingo a filloa poderá degustarse coa súa parella preferida: o cocido.

A exaltación da festa da filloa da pedra nacía en 2004 promovida polo Concello da Baña, ata que en 2007 nace a Asociación Filloas da Pedra da Baña, que dende entón coorganiza co concello esta exaltación gastronómica que viaxou xa a diferentes países. “Hoxe o Concello da Baña é coñecido en moitos lugares grazas a esta festa. A filloa quere devolverlle parte dese esforzo e axudar a mellorar o futuro do noso concello”, sinalaba Mónica Tomé, secretaria da asociación, no acto de exaltación da filloa celebrado no Pazo de Cores, no que se deron cita tamén as festas das filloas de Lestedo, Zas e Muimenta.

Nesta decimosexta edición, os actos comezarán o sábado, día 23, ás cinco da tarde no polideportivo de San Vicenzo. Alí estarán xa os voluntarios da asociación preparando filloas cuns 400 litros de amoado, para ofrecer como degustación e ir gardando algunhas para o día seguinte. Sobre as 17.30 comezará a Foliada Filloeira, na que intervirán as Pandeireteiras da Baña, As Xoubas e os Viracunchos do COT Ultreia (de Santiago), Tíralle do Aire (Negreira), a charanga Os Sentenarios (de Muros) e os integrantes da Escola de Gaita da Baña. 

E entre peza e peza, baile e baile, os asistentes poderán ver traballar en directo as filloeiras e filloeiros preparando este produto típico da gastronomía galega, ademais de degustar as ricas filloas da pedra. Eso si, o sábado serviranse soas.

O domingo 24 será o día grande da XVI Festa da Filloa da Pedra no polideportivo de San Vicenzo, que abrirá ao público a partir das 10.00 horas. Durante todo o día os asistentes poderán degustar as excelentes filloas da pedra que elaborarán as voluntarias e voluntarios da Asociación e que se servirán soas, con chourizo, nata ou mel, coma todos os anos. A novidade desta edición é que as filloas serviranse tamén acompañadas da súa parella perfecta: o cocido.

Os Campantes da Baña e a agrupación Sarillo de Aiazo serán os encargados de poñer a música pola mañá, con actuación ás 12.30 e 14.30 horas, respectivamente. Os máis pequenos terán un espectáculo dedicado para eles as 16.30 horas cos Animacreques, e a partir das seis da tarde a Orquestra Charlestong Big Band animará a verbena.

O Estudo obradoiro de cerámica Alén das Olas impartirá talleres de cerámica durante todo o día, e para repoñer forzas, ademais de degustar as ricas filloas da pedra da Baña, os asistentes poderán achegarse ata os postos de polbo e churrasco que se instalan nas inmediacións do polideportivo municipal.