imprimir
Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
Visitas: 425

20190305 Muiño FacebookA mellora das comunicacións cos municipios limítrofes, para facilitar a mobilidade da veciñanza, sobre todo con Val do Dubra e Santa Comba, a reforma da piscina municipal de San Vicenzo son algunhas das obras que ven de adxudicar o Concello da Baña por un montante superior aos 750.000 euros, no que se inclúe tamén a rehabilitación do muíño da Calexa, que acaba de rematar. A este investimento hai que engadir outros 400.000 euros que concedeu en febreiro o Ministerio para a Transición Ecolóxica para substituír a iluminación pública actual por tecnoloxía LED en todo o municipio co fin de fomentar o aforro enerxético.

As principais actuacións viarias que vai acometer o Concello da Baña refírense á pavimentación da estrada que vai do límite de Val do Dubra ata Vilacoba (que supón un investimento de 171.191 euros) e a pavimentación da estrada na Ermida e dende o límite de Santa Comba ata o cruzamento de Hedreira (135.525 euros). Unhas actuacións que se complementan co asfaltado e pavimentación de vías públicas nos núcleos de San Cibrán e O Espiño (59.696 €), Agromaior, Ferraces, Vilacova e Folgueira (60.510 €); Nantón e San Mamede (73.933 €), Prousor (46.379); a reforma da piscina de San Vicenzo (73.546 €) ou a humanización do adro en Santa Cristina de Marcelle (76.848 €).

Entre as obras recentemente adxudicadas figuran a colocación de sinais verticais en San Vicenzo e Marcelle (18.181 €) e a subministración e colocación de contedores de lixo e vidro (22.756 €).

Estas actuacións están incluídas no Plan de Obras e Servizos 2018, o primeiro que se tivo que facer polo procedemento de contratación electrónica, un requisito legal que retrasou considerablemente a contratación de obras na práctica totalidade dos concellos galegos.

Ademais destas obras que se acaban de adxudicar, o Concello da Baña vén de rematar a rehabilitación integral na parroquia de Fiopáns do único muíño que segue activo no municipio, o da Calexa, restauración que representou un investimento de 15.637 euros de fondos propios municipais. O Concello substituíu a madeira do interior, puxo un novo tellado e encintou a parede exterior para garantir a conservación deste muíño, no que a veciñanza continúa moendo como hai anos. A rehabilitación do muíño da Calexa xa se intentara hai anos por parte do Concello, cando a Deputación da Coruña sacara o Plan de arquitectura popular. Agora, a veciñanza asinou a cesión necesaria para que o goberno municipal puidese acometer as obras, pero mantendo a titularidade do inmoble. A cambio desta rehabilitación, a veciñanza comprometeuse a permitir a visita dos escolares do municipio, para que poidan coñecer o funcionamento do muíño e o oficio de muiñeiro.

Aforro enerxético

Ademais destas actuacións, o Concello da Baña renovará as instalación e dotacións da rede de iluminación pública do municipio cunha achega de preto de 400.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A axuda solicitada polo Concello en xullo de 2017 financiará unha boa parte da actualización de instalacións de iluminación e sinalización exterior, cuxo custo total será de 493.183 euros.

Os 394.546,96 euros concedidos polo ministerio representan o 80% do investimento, a contía máxima concedida polo FEDER. Con esta actuación, o Concello poderá renovar 2.281 puntos de luz dos 2.327 existentes, cambiando as lámpadas actuais por outras de tecnoloxía LED, que incrementan a iluminación e diminúen o consumo eléctrico. O aforro enerxético estimado é dun 73%, ao pasar a potencia dos 230,82 KW actuais a 81,08 KW cando rematen as obras. As actuacións faranse tanto na substitución das lámpadas como nos cadros eléctricos.

O Concello ten agora un prazo máximo de 6 meses para contratar e adxudicar as obras, e de 18 meses para a súa execución. Unha vez rematadas, máis do noventa por cento da iluminación da Baña será de tecnoloxía LED, o que suporá un considerable aforro enerxético, e permitirá cumprir tamén co Pacto polo clima promovido pola Unión Europea, que vén de asinar o Concello da Baña. Nunha actuación anterior, que estivo financiada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), xa se substituíran lámpadas por unha tecnoloxía de baixo consumo. A praza do Concello foi unha das zonas nas que xa se colocou iluminación pública de baixo consumo.