imprimir
Categoría: novas
Visitas: 938

 

As familias da Baña poderán utilizar este curso o servizo ‘A Baña madruga’ para deixar os seus fillos ou fillas dende as 07.30 horas no CPI San Vicente, unha vez que o Pleno da Corporación aprobou esta noite por unanimidade a ordenanza reguladora deste servizo, que volveu ser demandado tanto pola dirección do colexio como pola directiva da ANPA. No Pleno, que durou hora e media, a oposición volvía deixar sen soldo ao alcalde e á concelleira de Cultura cos mesmos argumentos que veu utilizando nas tres sesións anteriores. José Antonio Pereira aclarou que tanto el como Mónica González teñen previsto incorporarse os seus postos de traballo o 15 de setembro, decisión que farán publica nun bando no que se establecerán os días e horario de atención á veciñanza. O vídeo íntegro da sesión pódese ver no canal de Youtube do Concello da Baña (neste enlace). 

Nun Pleno no que se volveron manifestar posturas totalmente contrapostas entre os tres grupos políticos na maioría dos temas, só se chegou a un acordo para aprobar o servizo de madrugadores, para favorecer a conciliación familiar e laboral nas familias con alumnado no colexio público. O secretario do Concello explicou que se elaborou unha ordenanza sinxela para establecer o prezo público do servizo ‘A Baña madruga’, de xeito que as familias poderán deixar os nenos e nenas dende as 7.30 horas no colexio. O alumnado poderá almorzar e participar en diferentes actividades ata que comecen as clases. O prezo establecido será de 40 ou 50 euros, en función de se as crianzas almorzan ou non no centro.

O Concello sacará a licitación este servizo, e no prego de contratación estableceranse algunhas das medidas que propuxeron esta tarde os grupos da oposición. Tanto PP como CxG coincidiron en que este servizo é necesario para facilitar a conciliación familiar. César Ramos pediu que o concurso para adxudicar o servizo a unha empresa sexa transparente e se informe a oposición.

20190828 pleno Madrugadores ALI8230 web

O alcalde, José Antonio Pereira, sinalou que tanto a dirección do centro como a directiva da Asociación de Nais e País pediron que se puxese en marcha neste curso. Así mesmo indicou que unha empresa do sector considera necesario ter polo menos 10 usuarios para que o servizo non resulte deficitario. “Dende o Concello asumiremos o déficit se é necesario, grazas ao aforro que estamos a facer coa reestruturación dos gastos nas liñas telefónicas”.

Onde non volveu haber acordo foi á hora de aprobar o salario do alcalde e da concelleira de Cultura, Mónica González. Tanto Compromiso por Galicia como o PP criticaron que o goberno variase a súa proposta dende a comisión informativa celebrada o luns. O alcalde propuxo esta noite 34.000 euros brutos anuais en vez dos 36.000 que levou aos Plenos anteriores e tamén á comisión do luns. Para a concelleira de Cultura mantén os 12.000 euros anuais por unha dedicación parcial.

Andrés García Cardeso mantivo o voto en contra do PP cos mesmos argumentos que xa manifestou nos Plenos anteriores.

Pola súa banda, César Ramos volveu insistir en que non se lle permitiu consultar a declaración da renda do equipo de goberno, e que a proposta de CxG é a de que o alcalde manteña “un salario acorde coa media do concello da Baña”, polo que propuxo un 10% máis do que cobraría na empresa privada. “Déixenos ver a declaración da renda, chámenos ao seu despacho para negociar e chegaremos a un acordo”, insistiu Ramos en varias ocasións.

José Antonio Pereira replicoulle que a declaración da renda entregouse cando o secretario do Concello a pediu (o que non sucedeu ata hai uns días). Así mesmo reiterou que propón un salario acorde coa responsabilidade que está a asumir. “Na miña empresa nin xestionaba 3,5 millóns de euros de presuposto nin un equipo de 26 traballadores”, replicou o alcalde.

Mónica González, pola súa banda, volveu insistir en que dende que tomaron posesión (o pasado 15 de xuño) están a traballar no concello “a xornada completa, e todos temos que vivir de algo” para poder pagar as facturas. “Eu dende logo non deixaría o meu traballo sen ter outro”, respondeulle César Ramos.

O alcalde adiantou que a partir do 15 de setembro teñen previsto incorporarse de novo aos seus postos de traballo. “Publicaremos un bando indicando os días e horas de atención á veciñanza, que vai ser a máis prexudicada”, afirmou José Antonio Pereira, que volveu recoñecer que os funcionarios e o persoal do Concello levarán adiante os trámites ordinarios, pero a veciñanza recibirá unha peor atención.

A abstención de Compromiso por Galicia (2 concelleiros) e o voto en contra do PP (5) impediu que se aprobasen os salarios propostos polo equipo de goberno (4 edís).

No capítulo de rogos e preguntas houbo tensión en diferentes momentos. O alcalde leu as respostas ás preguntas formuladas por PP e CxG no Pleno anterior e logo abriuse unha quenda de debate. Tanto César Ramos como Andrés García Cardeso solicitaron que as respostas se lles faciliten polo menos con 48 horas de antelación aos Plenos. 

Na sesión de hoxe, a oposición volveu formular máis de 30 preguntas. O Pleno rematou pasadas as 21.30 horas e volveu contar con numerosas persoas seguindo a sesión.