20200406 FonteSeguindo as instrucións da Consellería de Sanidade, o Concello da Baña recoméndalle á veciñanza que non utilice as fontes con billa situadas no termo municipal, como medida de prevención contra a expansión do coronavirus. Ante a imposibilidade de asegurar a desinfección total destes elementos, o consistorio está a sinalizar todas as fontes con billa ou pulsador, desaconsellando o seu uso.

A sinalización responde a unha instrución do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade, enviada a todos os concellos da provincia da Coruña. A medida tómase para apoiar o esforzo colectivo para atallar a emerxencia de saúde pública provocada pola pandemia de COVID-19. En elementos urbanos como as fontes con billa resulta moi difícil atender unha desinfección sistemática e regular, polo que o seu uso está desaconsellado.

Para acollerse á moratoria do pago da hipoteca, aprobada polo Goberno no Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo de 2020, a cidadanía interesada en beneficiarse desta medida debe presentar un certificado de empadroamento. Dado que os concellos suspenderon a atención presencial ao público tras a declaración do estado de alarma, e tendo en conta que algúns cidadáns e cidadás non dispoñen de sistemas de identificación e firma electrónica para acceder á sede electrónica dos concellos, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) propón un sistema alternativo para solicitar os certificados de empadroamento, que garanta a seguridade de que quen o solicita é o propio interesado/a.

Neste sentido, a FEMP propón pedirlle á persoa interesada que lle envíe por correo electrónico ao Concello a seguinte documentación:

  • A copia cifrada dun documento acreditativo da súa identidade (DNI, pasaporte...), para o que abondaría con comprimila cun contrasinal robusto que logo se enviaría nun correo á parte.
  • Se o certificado que se solicita é colectivo, deberanse enviar polo mesmo sistema copias dos documentos de todas as persoas empadroadas no domicilio. No caso dos menores de idade, achegarase unha copia do certificado de nacemento ou do libro de familia.
  • Un escrito asinado pola persoa solicitante no que indique os seus datos (nome e apelidos, enderezo, nome e apelidos das outras persoas empadroadas, correo electrónico, motivo da solicitude, teléfono de contacto...)
  • No caso de certificados colectivos, un escrito asinado por todas as persoas maiores de idade empadroadas no domicilio no que autorizan a persoa solicitante do certificado.

Unha vez confirmada a identidade, o Concello remitirá tamén por correo electrónico o certificado de empadroamento. De igual xeito, farao cun documento cifrado cun contrasinal que se enviará nun correo á parte.

Pode consultar a nova sobre Certificados de empadronamiento para Moratoria Hipotecas na páxina web da FEMP. Nela inclúese un acceso ao documento "Nota sobre a tramitación de certificados de empadroamento para solicitar a moratoria no pago de cotas hipotecarias de colectivos vulnerables como consecuencia do Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19".

20200326 MedioRuralA Consellería de Medio Rural deseñou un protocolo coas instrucións a seguir no ámbito agrogandeiro durante a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus. A suspensión dos permisos de queima, os prazos para solicitar a PAC, o coidado dos animais e cultivos ou os teléfonos de consulta de Medio Rural son algúns dos temas que se detallan neste documento informativo.

Unha das medidas adoptadas pola Administración en todos os ámbitos, e tamén no rural, é a suspensión dos prazos para tramitar procedementos administrativos. A suspensión supón que non "corren" estes prazos, desde a entrada en vigor do estado de alarma, retomarase o seu cómputo cando finalicen os 15 días de duración deste e a expensas dunha prórroga, se a houbese. No caso de presentación telemática dunha solicitude de subvención, esta forma de tramitación segue operativa, se ben os prazos non corren.

Hai que facer unha mención á parte para as axudas europeas da Política Agraria Común (PAC). Así, se ben os prazos marcados pola Administración autonómica ou estatal están suspendidos ou interrompidos polo Real decreto de declaración de alarma, non é así cos prazos europeos. Porén, a Unión Europea vén de ampliar o prazo de solicitudes da PAC para a campaña 2020 ata o 15 de xuño.

Medio Rural informa tamén de que a realización de queimas controladas en terreos rústicos está prohibida ata novo aviso. Tamén quedan sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas e suspéndese a solicitude de novas autorizacións. Xa que logo, non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.

No referido aos mercados, está prohibida a apertura de mercados gandeiros, agrarios e tradicionais; a excepción dos establecementos de venda de subministracións agrícolas e de alimentos para animais.

No documento de preguntas e respostas publicado por Medio Rural trátanse cuestións de todo tipo. Á pregunta de se é posible saír pasear se se vive no rural rodeado de monte, a resposta é que só se pode saír da casa a pasear un animal de compañía dando só paseos curtos. Figuran tamén as respostas a consultas sobre compartir vehículo para desprazarse ao lugar de traballo, ir alimentar os animais que hai na segunda vivenda, os requisitos no coidado dos terreos de autoconsumo, etc.

A Consellería tamén informa dos protocolos de actuación para as granxas e para o sector agroindustrial e dispón de servizos mínimos para loitar contra os incendios, atender as necesidades de gandeiros e agricultores e coidar dos animais e cultivos dos seus centros de investigación.

Neste enlace pode consultar as preguntas e respostas referidas ás instrucións, protocolos e medios de contacto da Consellería do Medio Rural durante a emerxencia sanitaria.

O alcalde da Baña acaba de asinar un decreto polo que se suspende o cobro dos recibos daquelas actividades promovidas polo Concello e que están paralizadas dende mediados de marzo debido ao decreto de estado de alarma pola pandemia do coronavirus Covid-19. Aínda que non lle pasará o recibo á veciñanza, o Concello da Baña si lles pagará o mes de marzo íntegro a aquelas empresas que impartían estas actividades, sempre que non presenten ERTE, como medida para axudar as pequenas empresas e autónomos.

O Concello da Baña, igual que ocorre en todo o país, decretou a suspensión das actividades culturais, sociais, deportivas e lúdicas promovidas polo Concello, que non se realizan dende o pasado 16 de marzo, seguindo as indicacións e estipulacións incluídas no Real decreto que declara o estado de alarma en España e da resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta.

Agora, o decreto da Alcaldía exime de pagar os recibos correspondentes, dende o 16 ata o 31 de marzo e mentres dure o estado de alarma, a todas as persoas e familias que estaban acudindo ao Punto de Atención á Infancia (PAI), ao servizo A Baña madruga (madrugadores do colexio público), curso de robótica, actividades para maiores, Escola Municipal de Música e actividades deportivas (patinaxe, baloncesto, xadrez e tiro con arco).

Aínda que as persoas usuarias non pagarán os recibos da segunda quincena de marzo, e mentres dure o estado de alarma, o Concello da Baña decidiu pagarlles íntegro o mes de marzo ás empresas e autónomos que imparten estas actividades, como medida para contribuír ao mantemento de pequenas empresas e autónomos.

Unha vez que se levante o estado de alarma, se poida recuperar a normalidade e se volvan a impartir as actividades suspendidas, o Concello volverá a pasarlles os correspondentes recibos ás persoas usuarias.

20200323 Desinfeccion CentroSaude ABaña web

 

O Concello da Baña procedeu nas últimas horas a realizar traballos de desinfección nalgúns dos lugares máis concorridos do municipio, como fórmula para previr a expansión do coronavirus Covid-19. A cuadrilla municipal de obras actuou en lugares como as farmacias ou o centro médico, sitios aos que a poboación pode acudir nestes días malia o confinamento decretado polo Goberno.

O consistorio agradece especialmente o esforzo dos operarios da cuadrilla, que están a realizar un labor fundamental na loita que todos e todas mantemos para derrotar a pandemia.