O Concello da Baña informa de que non é necesaria autorización municipal para facer as tradicionais cacharelas de San Xoán en recintos privados. Porén, aquelas asociacións veciñais ou colectivos que queiran facer as cacharelas en espazos públicos deberán solicitar un permiso (mediante sede electrónica) e presentar ademais un seguro de responsabilidade civil que cubra os posibles danos ocasionados no lugar da celebración.

A data límite para pedir a autorización é o mércores 21 de xuño de 2023. Só se permitirán as cacharelas en terreo público lousado, asfaltado ou pintado. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou a sardiñada.

O Concello da Baña lembra ademais as normas de obrigado cumprimento para garantir o correcto desenvolvemento da celebración:

  • As fogueiras deberán separarse como mínimo 15 metros das vivendas e 50 das masas árboreas ou zonas vexetais. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo dos tendidos eléctricos ou telefónicos.
  • A hora límite para rematar a celebración é as 03.30 h da madrugada, de acordo co disposto no art. 5f da Lei 10/ 2017 de 27 decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.
  • Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, aceites, e en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se queimarán recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases de presión, incluidos os baleiros.
  • Sobre terreos con vexetación herbacea, previo ó inicio do lume, farase unha devasa do material combustible nunha franxa de polo menos 9 metros de ancho, rodeando o perímetro.
  • Será vixiada polas persoas responsables ata a súa total extinción, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante o vento, suspenderase de inmediato.
  • Recupera o mando que logrou nas municipais de 2019 e que perdeu hai ano e medio por unha moción de censura //

  • A edil do BNG sumouse aos votos favorables dos cinco concelleiros que os socialistas obtiveron nas municipais //

  • O exrexedor Andrés García Cardeso, do PP, queda á fronte da oposición con outros cinco edís //

 

Pasaban apenas dez minutos do mediodía cando José Antonio Pereira Gil era elixido esta mañá como alcalde do Concello da Baña para o período 2023-2027. Pereira contou no pleno de constitución da Corporación cos votos favorables dos cinco concelleiros socialistas e da única edil do Bloque Nacionalista Galego, o que lle permitiu volver facerse coa alcaldía tal e como acontecera tralas municipais de 2019, daquela co apoio de Compromiso por Galicia.

“Síntome moi orgulloso de volver ser alcalde” foron as primeiras palabras que pronunciou José Antonio Pereira logo de coller o bastón de mando e xusto antes de recordar a “inxusta e inxustificada” moción de censura que presentaron Partido Popular e os seus socios de Compromiso por Galicia para desaloxalo da alcaldía en decembro de 2022. “Eu creo que o tempo pon a cada un no seu sitio e aquí hoxe podemos ver quen está na oposición e quen vai ter o goberno”, sinalou.

Ademais de agradecer o apoio do BNG e de todas as persoas que votaron ao PSdeG, Pereira recordou no seu discurso ao seu equipo e á súa familia e celebrou que a veciñanza bañense poida contar outra vez cun goberno progresista, que ten como prioridade “traballar arreo para lograr que A Baña sexa un concello con futuro”.

20230617 ABanha Corporacion 2

O alcalde saínte, o popular Andrés García Cardeso, e a concelleira socialista Vanessa Gil foron os dous concelleiros que formaron a mesa de idade, por ser o maior e a menor da Corporación. Foi precisamente esta última a que lle entregou o bastón de mando a José Antonio Pereira unha vez ratificado o apoio maioritario dos once concelleiros da Corporación.

20230617 ABanha Entrega baston 2

O acordo entre PSdeG e BNG que posibilitou a investidura de Pereira asinouse o pasado xoves pola mañá e fai tenente de alcalde á nacionalista Mónica González Blanco. Quedan en mans do BNG as áreas de Servizos Sociais, Igualdade, Benestar, Cultura e Educación. O reparto do resto das áreas entre os socialistas establecerase no pleno de organización. Estas áreas son: Contas e Persoal; Obras, Urbanismo, Patrimonio e Servizos Básicos; Formación, Emprego e Novas Tecnoloxías; Medio Rural e Medio Ambiente; e Deportes.

20230617 ABanha Goberno coalicion

Dende as primeiras eleccións democráticas, celebradas en 1979, na Baña sucedéronse só tres alcaldes. O primeiro foi o tamén socialista Francisco Villaverde Marcos, que gobernou ata 1995. Tomou o relevo o popular Andrés García Cardeso, que ostentou o cargo durante 24 anos ata que un acordo entre o PSdeG e Compromiso por Galicia levou a José Antonio Pereira á alcadía tralas eleccións municipais de 2019.

Con Pereira de novo alcalde, García Cardeso volve agora a poñerse á fronte da oposición con cinco concelleiros.

A nova Corporación da Baña

A Corporación da Baña para a presente lexislatura queda conformada polos seguintes concelleiros:

Partido Socialista de Galicia (PSdeG): José Antonio Pereira Gil, Jesús Manuel Pena Varela, Vanessa Gil Vilacoba, Álvaro Silva Suárez e Ana Pensado Louzao.

Bloque Nacionalista Galego (BNG): Mónica González Blanco.

Partido Popular (PP): José Andrés García Cardeso, Alberto Blanco Fajín, Patricia Lois Carballeira, Francisco Pérez Redondo e María Belén Capeáns Gómez.

Attachments:
Download this file (20230617_ABanha_Corporacion_1.jpg)20230617_ABanha_Corporacion_1.jpg[ ]667 kB
  • O alcalde, Andrés García Cardeso, e o tenente de alcalde, César Ramos, acompañaron a un cento de voluntarios da entidade

  • Castiñeiros e carballos plantáronse no monte da Eiroa, onde hai anos se clausurou o antigo vertedoiro

 

20230513 Banha plantacion arbores Caixabank

CaixaBank elixiu na provincia da Coruña ao concello da Baña para realizar unha reforestación do monte coa plantación de 69 árbores autóctonas como parte da celebración do ‘Mes Social’ da entidade financeira. O alcalde, Andrés García Cardeso, e o tenente de alcalde, César Ramos, acompañaron aos voluntarios durante o inicio desta iniciativa social que ofrece a empregados, familiares e clientes de Caixabank a posibilidade de realizar actividades de voluntariado.

 A plantación de árbores desenvolveuse en catro concellos galegos, sendo o da Baña o único da provincia da Coruña. No monte de Eiroa, na parroquia de San Vicenzo, plantáronse esta mañá 69 exemplares de carballo e castiñeiro na zona na que hai anos se clausurou o antigo vertedoiro de lixo. CaixaBank persegue un triplo obxectivo con esta iniciativa: colaborar na protección do medio ambiente rexenerando a cuberta vexetal, favorecer unha maior biodiversidade e reducir a pegada de carbono.

A marxe destas accións medioambientais, voluntarios de CaixaBank colaborarán, tamén no marco do ‘Mes Social’, con entidades galegas que traballan na prevención da pobreza infantil, na atención a persoas maiores ou na inserción de persoas con difícil acceso ao mercado de traballo. Dende a entidade programáronse máis de 20 actividades na que poden participar empregados do banco así como persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa e converterse en voluntarios por un día.

Mediante a organización do ‘Mes social’, CaixaBank facilita a oportunidade de vivir o voluntariado en primeira persoa á vez que contribúe a dar visibilidade ao traballo que moias entidades sociais realizan a nivel local cos colectivos máis vulnerables.

20230513 Banha plantacion arbores Caixabank 00001

  • O galardón recoñece o seu traballo como músico e mestre na Escola de Música Tradicional da Baña dende 1998 ||

  • Fundador da Festa Rachada, impulsou varias agrupacións musicais no municipio como Os Campantes, os Pequenos ou as Pandeireteiras da Baña ||

  • O alcalde, Andrés García Cardeso, salientou a figura humana e profesional do homenaxeado e agradeceu o entusiasmo co que sementou a música tradicional da terra entre as persoas mozas e as crianzas ||

  • Emilio Lois: “Foi fácil traballar aquí porque sempre tiven un apoio moi grande por parte de toda a xente” ||

  • A concelleira de Cultura, Lorena Trillo, enxalza o compromiso do Concello na defensa da lingua e a cultura galegas ||

20230517 Banha entrega Premio Letras Galegas a Emilio Lois 6

O gaiteiro e músico Emilio Lois, máis coñecido como Emilio da Baña, recibiu esta mañá, na Casa da Cultura da Baña O II Premio Daniel García Ramos, instituído polo Concello co gallo do Día das Letras Galegas para recoñecer o traballo en favor da lingua e da cultura galegas. Coa entrega deste galardón, o Concello quere recoñecer o traballo levado a cabo por Emilio Lois como mestre na Escola de Música Tradicional da Baña, formando dende 1998 a varias xeracións de bañense nas clases de gaita e de percusión e gran defensor da cultura, da lingua e da tradición musical da terra. O acto, presidido polo alcalde, Andrés García Cardeso, quen estivo acompañado da concelleira de Cultura, Lorena Trillo, contou coa presenza do tenente de alcalde, César Ramos, de membros da Corporación e dun nutrido grupo de veciños e de veciñas.

20230517 Banha entrega Premio Letras Galegas a Emilio Lois 7

O alcalde, Andrés García Cardeso salientou a figura humana e profesional do homenaxeado e subliñou que “é unha persoa moi querida na Bañan onde formou durante máis de dúas décadas a varias xeracións de bañense nas clases de gaita e de percusión”. O mandatario bañense tamén destacou a súa implicación e a súa colaboración con diversas actividades do municipio, especialmente no que atinxe a creación de varios grupos de música tradicional como Os Campantes da Baña, os Pequenos da Baña e as Pandeireteiras da Baña ou a creación da Festa Rachada.

Facetas estas que tamén destacaría a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, na apertura do acto de entrega do II Premio Daniel García Ramos, no que tamén se proxectou un vídeo homenaxe protagonizado por diversos alumnos e alumnas ao gaiteiro natural de Santa Comba, pero bañense de adopción.

No seu discurso, a concelleira de Cultura reafirmou neste 17 de maio, Día das Letras Galegas, o compromiso do Concello para coa lingua e a cultura galegas. “Seguiremos sendo teimudos en formar as crianzas en galego, para construír un futuro para o noso idioma e por iso queremos celebrar con fachenda o día de hoxe”, dixo. Tras agradecer ao homenaxeado co premio bañense deste ano, Lorena Trillo indicou que “temos que estar enormemente agradecidos a mestres e profesionais que loitan pola cultura e a lingua galega como o fai Emilio Lois”.

20230517 Banha entrega Premio Letras Galegas a Emilio Lois 9

Precisamente este compromiso coa lingua e a cultura galegas é un dos puntos destacados polo Concello na creación do premio Daniel García Ramos, galardón que leva o nome do xuíz e fillo Predilecto da Baña, pioneiro en ditar unha sentenza en galego.

Pola súa banda, Emilio Lois, xalleiro de nacemento pero bañense de adopción, agradeceu o galardón, que fixo extensivo ao alumnado e a todas aquelas persoas que o acompañaron (e o seguen a facer) ao longo da súa traxectoria como gaiteiro. “Este premio non é so para min, senón para todos e todas os que estades aquí”, dixo Emilio Lois. O homenaxeado remarcou que “só fixen o meu traballo, aínda que foi fácil traballar aquí porque sentín sempre un gran apoio de toda a xente”. Visiblemente emocionado, Emilio Lois tivo palabras de agradecemento para a súa muller e a súa familia e confesou que “en Santa Comba tocaba a gaita pero na Baña fíxenme gaiteiro”.

O acto rematou coa actuación dos Gaiteiros da Baña que interpretaron o Himno Galego diante da Casa da Cultura para continuar coa foliada ata a escultura de Daniel García Ramos.

20230517 Banha entrega Premio Letras Galegas a Emilio Lois 14

  • O organismo provincial aportará 200.000 euros e o Concello os 50.213 restantes

 

20230428 Pleno Diputacion Corunha estrada Lanhas

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou esta mañá o convenio de colaboración co Concello da Baña polo que se instrumenta unha subvención nominativa para cofinanciar as obras de arranxo da pavimentación da estrada entre Vilar da Torre e Lañas.

Esta obra ten un orzamento de 250.213 euros, dos que a Deputación aportará 200.000 euros e o Concello os 50.213 euros restantes.