• O segundo galardón recaeu no ‘cocido en camisa’ do bar O Muíño

  • O xurado decidiu outorgar o premio simpatía á ‘empanada de millo’ de Casa Morena 

  • Elvis Rodríguez Fernández e Sofía Vázquez Mayo foron os gañadores dos sorteos para o público dunha noite de aloxamento nunha casa de turismo rural do municipio 

  • O alcalde, Andrés García, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, entregarán hoxe os premios 

20221212 xurado ABana Tapas pola esquerda guillermo gomez e Jose manuel Mallon

O primeiro concurso de tapas ABaña Tapas xa ten gañador. A votación do xurado profesional (que valía un 55% da nota) e do público (que representaba o 45% restante) designou como mellor tapa a proposta culinaria presentada pola Taberna do Barro (O Barro) co nome de empanadilla de Marina. O gañador recibirá os 450 euros co que está dotado este primeiro premio. O segundo galardón recaeu no cocido en camisa, do bar O Muíño (San Vicenzo), que percibirá 250 euros.

Segundo explica a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, o xurado, tanto o profesional como o do público, tiveron dificultades á hora de elixir a tapa do segundo premio, “dada a calidade das preparacións, polo que o Concello decidiu outorgarlle o premio simpatía á empanada de millo que presentou ao concurso Casa Morena”, subliña a concelleira. Este establecemento hostaleiro recibirá unha peza de artesanía galega.

O Concello da Baña tamén deu a coñecer aos ganadores dos dous sorteos premiados cunha noite de aloxamento para dúas persoas na casa rural A Ribeira do Tambre (Troitosende) e na Casa do Folgo (Ordoeste). As persoas afortunadas foron Elvis Rodríguez Fernández e Sofía Vázquez Mayo. O requisito imprescindible para poder participar neste sorteo, destinado ao público, era ter selado o Pasaporte de tapas en todos os locais que participaron neste primeiro concurso ABaña Tapas.

O alcalde, Andrés García Cardeso, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, visitarán hoxe os locais gañadores para entregarlles os seus respectivos premios. Tamén obsequiarán cun agasallo ás persoas propietarias das dúas casas de turismo rural que se implicaron no sorteo para o público participante no concurso de tapas, agradecéndolles deste xeito a súa colaboración.

Cómpre subliñar que o xurado profesional contou con recoñecidos expertos como José Manuel Mallón Ardións, cociñeiro do espazo gastronómico Remollo e embaixador de Experiencias de Calidade de Galicia; e Guillermo Gómez Lestón, director de operacións de Oca Hoteles.

ABaña Tapas celebrouse durante as tres primeiras fins de semana de novembro e tiña por obxecto incentivar o produto de tempada e de proximidade, poñer en valor a gastronomía do municipio e revitalizar o turismo.

Nesta primeira edición do concurso gastronómico participaron un total de cinco locais de distintos puntos do municipio. Taberna do Barro (O Barro) ofreceu follado de rinchas e empanadilla de Marina; Casa Morena (Corneira) elaborou follado e empanada de millo; Parrillada O Barro (O Barro) preparou parrilla; O Arranca (Ordoeste) apostou por empanada de millo con xoubas e croquetas de champiñóns con xamón, e O Muíño (San Vicenzo) optou por cocido en camisa e bruschetta.

  • A proposta foi aprobada polo equipo de goberno na sesión desta mañá e comunicado de inmediato a Deputación por ser o último dia de prazo

  • Os concelleiros do PSdeG non asistiron ao pleno

  • Hoxe fíxose efectiva a dimisión de Mónica González como concelleira

  • Aprobada a pavimentación da estrada entre Vilar da Torre e Lañas e pedir unha subvención nominativa de 200.000 euros á Deputación da Coruña

O equipo de goberno da Baña, formada por Partido Popular e Compromiso, aprobou hoxe por unanimidade conxelar o recibo do lixo para o vindeiro ano, polo que o Concello non aplicará o incremento do IPC e a veciñanza pagará as mesmas cantidades que este ano. O acordo tomouse no pleno ordinario de hoxe, ao que non asistiu ningún dos tres concelleiros socialistas. Na sesión ratificouse o convenio de Atención Temperá con Santa Comba e fíxose efectiva a renuncia de Mónica González como concelleira da Corporación, que nos últimos meses formaba parte do grupo de non adscritos, tras abandonar o socialista. O Concello comunicará a decisión á Xunta Electoral Central, que se espera remita as credenciais do seguinte candidato na lista do PSdeG, Álvaro Silva Suárez. (vídeo do pleno neste enlace).

O goberno municipal da Baña tomou a decisión de non aplicarlle a subida do IPC á taxa de actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana (o recibo do lixo) para aliviar a economía das familias “nun contexto de forte inflación e cunha subida do IPC de setembro a setembro do 8,9%”, explicou o alcalde. Deste xeito, a veciñanza da Baña pagará en 2023 a mesma cantidade que este ano polo recibo do lixo.

O a cordo tomouse por unanimidade do equipo de goberno nun pleno ao que non asistiu ningún concelleiro do PSdeG. O alcalde, Andrés García Cardeso, xustificou que o pleno ordinario de hoxe se celebrase ás 13.30 en vez de ás 20.00 horas para poder subir o acordo plenario á plataforma Ágora e poder beneficiar así ás familias. “Tras recibir o escrito da Deputación indicando que o 30 de novembro pola tarde se pechaba a plataforma, o pasado día 21 púxenme en contacto cos portavoces dos grupos políticos para celebrar o pleno pola mañá e que puideramos subir o acordo á plataforma pola tarde. O cambio de hora do pleno foi por causa de forma maior e para beneficiar á veciñanza”, afirmou Andrés García Cardeso. 

Rematado o pleno, comunicouse o acordo á Deputación para que entre en vigor de forma inminente.

Na sesión de hoxe tamén se aprobou o proxecto para pavimentar a estrada entre Vilar da Torre e Lañas, cun orzamento de 250.213,99 euros, e  solicitar unha subvención nominativa a Deputación da Coruña por importe de 200.000 euros, polo que o Concello deberá aportar 50.213,99 para executar a obra.

García Cardeso explicou que este expediente modificouse en varias ocasións para actualizar prezos e cumprir requisitos solicitados pola Deputación, e agarda que agora se poida executar. Esta obra vai mellorar a comunicación nun tramo entre Vilar da Torre e Paramos, que é de titularidade municipal (a estrada entre Seilán e Vilar da Torre é de titularidade da Deputación).

Tamén por unanimidade se ratificou o convenio de colaboración entre A Baña e Santa Comba para financiar o servizo de atención temperá. “Houbo que modificar o convenio varias veces”, explicou o alcalde, quen asegurou que, nestes momentos, na Baña non hai ningún neno en lista de agarda que precise deste servizo.

Así mesmo, deuse conta ao pleno da renuncia como membro da Corporación de Mónica González Blanco, que foi concelleira de Cultura co goberno socialista e se pasou ao grupo mixto hai uns meses. O Concello comunicará esta decisión a Xunta Electoral Central, e solicitará as credenciais do seguinte candidato socialista nas últimas municipais, Álvaro Silva Suárez. Cando chegue a documentación, e de aceptar o cargo, Álvaro Silva incorporarase á Corporación no pleno seguinte.

Aínda que non estaba presente ningún concelleiro socialista, o secretario considerou que procedía debater a moción presentada polo PSdeG solicitando que o Concello presente un contencioso administrativo ante o TSXG, no caso de progresar a autorización para a construción do parque eólico de Troitomil, e chegar ás últimas instancias para evitar que se constrúa este parque.

A moción foi rexentada polo equipo de goberno, argumentando o alcalde que “esta moción non se atén a realidade”. García Cardeso sostén que na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 22 de novembro a “aprobación da declaración de impacto ambiental está condicionada a que a empresa presente documentación complementaria e se cumpran os requerimentos que figuran no documento” (a resolución pódese ler na web do Concello da Baña neste enlace).

O tenente de alcalde, César Ramos, apoiou os argumentos do alcalde e asegurou que “se o grupo socialista non ven defender a moción ao pleno non vale a pena contestarlles”.

A concelleira de Igualdade, Lorena Trillo, informou ao pleno que dende o mes de xaneiro vanse desenvolver talleres de educación emocional e educación sexual dirixidos a familias e para todo o alumnado do CPI San Vicente,  dende educación infantil. “Seguiremos traballando todos os días para fomentar a igualdade e loitar contra a violencia machista”, dixo.

Lorena Trillo fixo este anuncio durante o debate da moción presentada polo PP con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, na que insta ao Concello da Baña a comprometerse a elaborar un estudo xurídico sobre as reformas que deberán implantarse, no ámbito das ordenanzas municipais, para que teñan perspectiva de xénero e así evitar discriminacións cara as mulleres nas políticas públicas locais e nos orzamentos.

A moción, que foi aprobada por unanimidade, pide no segundo punto que dende o concello se impulse e apoie a creación e continuidade de asociacións de mulleres como espazo de participación e empoderamento feminino e apoio a outras mulleres en risco de vulnerabilidade ou violencia de xénero. A proposta inclúe tamén peticións para o Goberno central e a Xunta de Galicia.

20221130 pleno Bana recibo lixo sen grupo socialista 1

  • O Concello traballa nos modelos de alegacións que porá a disposición das persoas afectadas nos vindeiros días //

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou na súa edición de onte, mércores 16 de novembro, o anuncio do acordo da Xefatura Territorial da Coruña polo que se somete a información pública a solicitude de utilidade pública, coa conseguinte necesidade de urxente ocupación do proxecto do parque eólico de Vilartoxo, que afecta aos concellos da Baña e Val do Dubra, así como a listaxe de persoas propietarias de bens afectados.

As persoas interesadas poderán presentar as súas alegacións no prazo dun mes, a contar dende hoxe, mércores 17 de novembro, e ata o 30 de decembro.

Dende o Concello da Baña, o alcalde Andrés García Cardeso, subliña que os técnicos municipais e a Asesoría xurídica están xa traballando nos modelos de alegacións, que se porán a disposición das persoas interesadas nos vindeiros días.

No portal de transparencia da Xunta de Galicia neste enlace pódese consultar o estado actual do proxecto, en fase de suxestión, así como o plano xeral e os planos individuais dos predios afectados polo proxecto.

  • O alcalde  remarca que o informe da Xunta non é unha aprobación, porque está condicionado a que se cumpran os requisitos que figuran no documento publicado no DOG

 20221123 DIA PE Troitomil

 

 

Os técnicos municipais do Concello da Baña está na analizar en profundidade o informe de 30 páxinas coa declaración de impacto ambiental (DIA) formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e que saíu onte publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG). O informe íntegro pode descargarse dende a páxina da Consellería (neste enlace) ou dende o arquivo adxunto.

O alcalde, Andrés García Cardeso, remarca que o informe da Xunta non representa unha aprobación formal do mesmo, senón que a súa aprobación está supeditada a que se cumpran os condicionados que figuran ao longo do documento.

Na declaración publicada no DOG, a Dirección Xeral resolve “Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Troitomil, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto” nesta declaración de impacto ambientel.

Na mesma resolución, a xunta establece que “ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas” no documento, “se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental poderá ditar, do xeito que proceda, os condicionados adicionais que resulten oportunos”.

Andrés García Cardeso pediulle aos técnicos municipais que analicen en profundidade esta declaración de impacto ambiental para poder presentar as reclamacións que sexan necesarias cando sexa o momento oportuno.

  • A Consellería de Educación vai cambiar cuberta e ventás e mellorar as fachadas de todo o edificio //

  • Solicitoulle ao Concello a licenza para unhas obras que se prevé duren cinco meses e que poderían comezar en primavera //

  • Responde a solicitude do alcalde e da comunidade educativa //

20220113 Indalecio Cabana visita colexio Bana

A vicesecretaria xeral da Consellería de Educación remitiulle onte ao alcalde da Baña unha carta solicitándolle ao Concello que conceda a licencia de obras para acometer a rehabilitación integral do CPI San Vicente. Xunto coa petición, a Xunta remite tamén o proxecto básico e de execución dunhas obras que ascenden a 1.161.179,44 euros e que permitirán cambiar a cuberta e ventás e mellorar a impermeabilización do centro para conseguir unha mellor eficiencia enerxética.

A previsión do alcalde e que a reforma poida comezar na vindeira primavera, unha vez conclúa a período de licitación. As obras teñen un prazo de execución de cinco meses, polo que poderían estar rematadas cando comece o vindeiro curso escolar.

As obras fóranlle solicitadas ao xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, nunha reunión que mantivera no seu despacho co alcalde, Andrés García Cardeso, e o tenente de alcalde, César Ramos, o pasado 3 de xaneiro.  Dez días despois, o propio Cabana fixera unha visita ao colexio para ver o estado do centro, durante a cal a directora do centro, Mar Sueiro, xunto co alcalde e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, lle amosaron a necesidade de acometer esta reforma integral.

Durante o verán, técnicos da Consellería estiveron tomando medicións no centro para elaborar o plan de actuación. Agora, a Xunta remítelle ao concello o proxecto das obras que a Consellería sacará a licitación de forma inminente, e que inclúen as melloras nas cubertas e impermeabilizacións, fachadas, carpintería exterior, acabados interiores e instalacións co obxectivo de incrementar o illamento e mellorar a eficiencia enerxética do edificio e o confort do alumnado. Con esta actuación o edificio adaptarase ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia.