imprimir
Categoría: Desenvolvemento local
Visitas: 565

 20210902 Manifestacion Coruna ABanca 06

A veciñanza dos concellos de A Baña, Vimianzo e Zas mobilizouse esta mañá nunha nova concentración, esta vez diante da sede central de Abanca na Coruña, para evitar o peche de oficinas nos seus respectivos municipios.

Os tres concellos puxeron a disposición das veciñas e veciños autobuses para efectuar os desprazamentos desde as tres localidades ata a capital da provincia, efectivos aos que se sumaron as persoas que se moveron ata A Coruña nos seus vehículos particulares. En total, máis de 500 persoas se deron cita nos Cantóns, ata onde acudiron alcaldes e veciños de Cerdido e Fene, e doutros municipios da provincia para apoiar as reivindicacións.

En total son nove as oficinas que Abanca ten previsto pechar en Galicia neste vindeiro setembro. Ás da Baña, Baíñas e Zas únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra) San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).

20210902 Manifestacion Coruna ABanca 04

“É un atentado contra o rural, manifestou pola súa parte o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, quen lembrou que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio.  O peche conleva deixar de facer vida no noso concello. Non só os veciños xa non van poder facer xestións, senón que é un pau tamén para o comercio que temos. Ademais, moita da nosa poboación e moi maior e o día que vai cobrar a pensión aproveita para facer compras e outros trámites. Agora vai ter que desprazarse oito quilómetros para sacar cartos, explicou.

Manuel Muíño incidiu en que a decisión de Abanca de pechar as oficinas da Baña, de Baíñas (Vimianzo) e de Zas o vindeiro 8 de setembro obedece só ao interese de incrementar as súas ganancias. Non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas. A única fin que ten é aumentar os beneficios da entidade a costa de prexudicar directamente 10.000 persoas nestes tres concellos e noutros limítrofes”, sinalou, e lembrou que Abanca gañou no primeiro trimestre deste ano 137,4 millóns de euros, un 8,2% máis que no mesmo periodo de 2020.

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, subliñou o feito de que Abanca non comunicara a decisión. Foron os empregados das oficinas os que empezaron a chamar aos veciños para informalos do peche. Botamos moito de menos que non houbera comunicación e se establecera un diálogo. Súmenos na impotencia. Onde quedan o asesoramento e esa cercanía co cliente da que presumen na súa publicidade? A banca electrónica non o fai todo e hai quen non sabe manexarse coas tecnoloxías. Diminúen os horarios, pechan oficinas, botan empregados, suben comisións... trátase dun grave problema que afecta tamén outros concellos, indicou. Isto vai supoñer, ademais de que as persoas se vexan na obriga de desprazarse e perder tempo e cartos para acudir a unha sucursal, que as outras oficinas se vexan colapsadas. Unha situación que tamén vai afectar moi negativamente ao comercio local. Estas políticas son contrarias á necesaria dinamización do rural, non podemos permitir este desmantelamento”.

20210902 Manifestacion Coruna ABanca 02 copia