imprimir
Categoría: Desenvolvemento local
Visitas: 129

20210907 sinaturas 1

 

20210907 sinaturas 2Máis de 5.500 persoas firmaron nas follas habilitadas para tal fin para esixirlle a Abanca que non peche as oficinas de Zas, Baíñas e A Baña. As peticións promovidas polo Concello de Zas, o Concello de Vimianzo e o Concello da Baña entregáronse esta mañá na sede central de Abanca na Coruña por Manuel Muíño (alcalde de Zas), Mónica Rodríguez (alcaldesa de Vimianzo) e José Antonio Pereira (alcalde da Baña).

Os tres rexedores anunciaron que continuarán realizando accións conxuntas despois de que Víctor Esmorís, xefe de zona de Abanca, lles confirmase a decisión unilateral da empresa de pechar mañá, 8 de setembro, as oficinas de Zas, Baíñas e A Baña. Neste sentido nos vindeiros días establecerase unha nova liña de accións conxuntas debido a que estes peches afectan directamente a uns 10.000 veciños e veciñas da zona.

Dende o momento en que coñeceron a decisión, os rexedores destes tres municipios trazaron unha serie de accións conxuntas para evitar estes peches. Ata o momento solicitaron unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, reuníronse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), promoveron unha concentración no mesmo día e á mesma hora diante de cada unha destas oficinas e convocaron unha manifestación diante da sede de Abanca na Coruña á que acudiron máis de 500 veciñas e veciños afectados.