imprimir
Categoría: Desenvolvemento local
Visitas: 1975

A partir da semana que vén comezará a despregarse no concello da Baña unha rede ultrarrápida de fibra óptica grazas a un convenio de colaboración que o Concello asinará nos vindeiros días coa teleoperadora neutra de comunicacións Rede Aberta. Este despregamento permitirá dotar á Baña das infraestruturas precisas para que calquera compañía poida logo prestar o servizo coa maior calidadecomar.

Responsables de Rede Aberta visitaron A Baña hoxe pola mañá para reunirse co alcalde, Andrés García Cardeso, e o concelleiro César, e aseguraron que comezarán a traballar a semana que vén para despregar o servizo ao longo da AC-444, que une Negreira con Santa Comba, e iniciar a instalación no Seilán e San Mamede. Ademais, Concello e empresa de telecomunicacións establecerán un mapa de áreas prioritarias de actuación para cubrir as chamadas zonas brancas, ás que non chega a fibra nin entran nos plans de execución.

En resposta á petición de Rede Aberta para utilizar as infraestruturas municipais coa fin de acelerar o proceso de dixitilización, o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, manifestou o seu compromiso de “poñer todo da nosa man para facilitar os traballos e axilizar todos os trámites, tanto no que se refire a dotar as parroquias de cobertura 4G como de acceso a fibra óptica”.

“Ter un bo acceso a internet e cobertura móbil é prioritario para os veciños e veciñas e para o desenvolvemento do noso concello”, engadiu o concelleiro e tenente alcalde César Ramos, quen incidiu en que “niso levamos traballando desde que entramos no goberno, co obxectivo de cubrir todos os puntos da nosa xeografía".

Á xuntanza de hoxe cos responsables de Rede Aberta, súmase a que mantiveron ámbolos dous mandatarios locais coa directora de Amtega, Mar Pereira, o pasado 9 de febreiro. Na devandita reunión, alcalde e concelleiro pregáronlle á responsable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia unha axilización dos prazos previstos de cara a mellorar a cobertura móbil e dotar todos os puntos do Concello de fibra óptica.

 20220209 xuntanza amtega Mar Pereira