imprimir
Categoría: Desenvolvemento local
Visitas: 854

O compromiso do Concello da Baña de pór á súa disposición todas as infraestruturas necesarias para desenvolver os traballos no menor tempo posible, permitiu que o operador neutro de telecomunicacións galego Rede Aberta estea nestes momentos a despregar unha rede ultrarrápida de fibra óptica nos lugares limítrofes ou que están próximos á estrada AC-444 que une Negreira con Santa Comba.

Esta primeira fase, que se desenvolve durante os meses de febreiro e marzo, supón en concreto o despregamento dunha rede troncal de fibra óptica por San Mamede, Duomes, Ceilán, Nantón, San Vicenzo, Guende, Xasoso, Salvande, Fampousa, Canlís, Vilarnovo, Señor, Castro, Vesía, Liñares, San Salvador, Paredes, Barro de Abaixo, O Sino, Barro de Arriba e O Campo.

Así mesmo, e sempre que as infraestruturas existentes o permitan, Rede Aberta ten previsto acometer nos vindeiros meses unha ramificación desta rede troncal que dará servizo aos lugares de Buchaín, Lañas, Vilar da Torre, Valiña, Castro, Meimendre, Prousor, Mundrís, Guimaráns, Cabanas, Cantalarrana, Marcelle, Quinteiro, Vilar, Suevos, Cruz, Faxín e Reguengo.

Unha vez rematados estes traballos, Concello e empresa reuniranse novamente para analizar a posibilidade de darlle cobertura ás chamadas zonas brancas, é dicir, aquelas que non están recollidas nos distintos plans de telecomunicacións tanto estatais como autonómicos. Nestes momentos, localízanse zonas brancas en San Xoán da Riba, Ferreiros, Folgueira, Vilanova, Ordoeste, Ceilán, Xanín, Valiña, Prousor, Guimaráns, Cabanas, Fiopáns, Vilacoba, Quintáns e Vilela.

Ao respecto cabe subliñar que, en relación á cobertura móbil, a Xunta de Galicia inclúe nas súas liñas de actuación os núcleos de Valiña e Vigobó. Por este motivo, o Concello da Baña púxose en contacto coa empresa adxudicataria do servizo e está a buscar os terreos máis acaídos para a construción de torres en ambos os dous lugares que darán cobertura nun amplo radio de acción e que tamén ofrecerán a posibilidade de contratar nesas zonas o servizo 4 G na casa.

En España é o Goberno central a administración competente en materia de telecomunicacións e tamén quen conta actualmente co maior número de fondos europeos para o financiamiento de iniciativas que incrementen a cobertura no territorio. Grazas a eles impulsa o Plan Único que, na súa convocatoria de 2021, incluíu actuacións na Igrexa, no Pazo, Guimaráns, Vilacoba, Vilanova, Vilela e Folgueira. O prazo de execución remata o 31 de decembro de 2023.

Por outra banda, tanto o Goberno de España (co Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración) e a Xunta de Galicia (co Plan de Banda 2020) financiaron o despregamento de fibra óptica en distintos núcleos bañenses. Xa cubertos, co programa autonómico, quedaron os de Nantón e Lañas. As outras actuacións que debe desenvolver Telefónica, neste caso co apoio estatal, afectan aos núcleos de Ferreiros, Estivadiña, Barro de Abaixo, Xasoso, Vilarnovo, Vilariño, Vilar de Suso, Vilar, Vesía, Trece, Tarroeira, Seoane, Señor, San Xoán, San Salvador, San Cibrán, Rial, Reguengo, Ponte Corneira, Piolla, Paredes, Outeiro (Corneira), Outeiro (Marcelle), Liñares, Guende, Francos, As Foxas, Ferraces, Faxín, Fampousa, Faílde, Ermida, Cruz, Corneira, Choupana, Chantada, Castro, Canlís, Barro de Arriba, Barreiros, Agramaior e San Vicenzo. O Goberno de España prolongou o prazo de execución, previsto para o periodo 2020-2022, durante un ano máis.