imprimir
Categoría: novas
Visitas: 365

20220113 Indalecio Cabana visita colexio Bana

A vicesecretaria xeral da Consellería de Educación remitiulle onte ao alcalde da Baña unha carta solicitándolle ao Concello que conceda a licencia de obras para acometer a rehabilitación integral do CPI San Vicente. Xunto coa petición, a Xunta remite tamén o proxecto básico e de execución dunhas obras que ascenden a 1.161.179,44 euros e que permitirán cambiar a cuberta e ventás e mellorar a impermeabilización do centro para conseguir unha mellor eficiencia enerxética.

A previsión do alcalde e que a reforma poida comezar na vindeira primavera, unha vez conclúa a período de licitación. As obras teñen un prazo de execución de cinco meses, polo que poderían estar rematadas cando comece o vindeiro curso escolar.

As obras fóranlle solicitadas ao xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, nunha reunión que mantivera no seu despacho co alcalde, Andrés García Cardeso, e o tenente de alcalde, César Ramos, o pasado 3 de xaneiro.  Dez días despois, o propio Cabana fixera unha visita ao colexio para ver o estado do centro, durante a cal a directora do centro, Mar Sueiro, xunto co alcalde e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, lle amosaron a necesidade de acometer esta reforma integral.

Durante o verán, técnicos da Consellería estiveron tomando medicións no centro para elaborar o plan de actuación. Agora, a Xunta remítelle ao concello o proxecto das obras que a Consellería sacará a licitación de forma inminente, e que inclúen as melloras nas cubertas e impermeabilizacións, fachadas, carpintería exterior, acabados interiores e instalacións co obxectivo de incrementar o illamento e mellorar a eficiencia enerxética do edificio e o confort do alumnado. Con esta actuación o edificio adaptarase ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia.