imprimir
Categoría: novas
Visitas: 422

 

20230513 Banha plantacion arbores Caixabank

CaixaBank elixiu na provincia da Coruña ao concello da Baña para realizar unha reforestación do monte coa plantación de 69 árbores autóctonas como parte da celebración do ‘Mes Social’ da entidade financeira. O alcalde, Andrés García Cardeso, e o tenente de alcalde, César Ramos, acompañaron aos voluntarios durante o inicio desta iniciativa social que ofrece a empregados, familiares e clientes de Caixabank a posibilidade de realizar actividades de voluntariado.

 A plantación de árbores desenvolveuse en catro concellos galegos, sendo o da Baña o único da provincia da Coruña. No monte de Eiroa, na parroquia de San Vicenzo, plantáronse esta mañá 69 exemplares de carballo e castiñeiro na zona na que hai anos se clausurou o antigo vertedoiro de lixo. CaixaBank persegue un triplo obxectivo con esta iniciativa: colaborar na protección do medio ambiente rexenerando a cuberta vexetal, favorecer unha maior biodiversidade e reducir a pegada de carbono.

A marxe destas accións medioambientais, voluntarios de CaixaBank colaborarán, tamén no marco do ‘Mes Social’, con entidades galegas que traballan na prevención da pobreza infantil, na atención a persoas maiores ou na inserción de persoas con difícil acceso ao mercado de traballo. Dende a entidade programáronse máis de 20 actividades na que poden participar empregados do banco así como persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa e converterse en voluntarios por un día.

Mediante a organización do ‘Mes social’, CaixaBank facilita a oportunidade de vivir o voluntariado en primeira persoa á vez que contribúe a dar visibilidade ao traballo que moias entidades sociais realizan a nivel local cos colectivos máis vulnerables.

20230513 Banha plantacion arbores Caixabank 00001