imprimir
Categoría: Servizos sociais INICIO
Visitas: 585

Mapa informacion andaina Terras Compostela

"O rural contra a violencia de xénero" é o lema da campaña que neste mes de novembro, coincidindo coa conmemoración do 25N, van levar a cabo os 24 grupos de desenvolvemento rural de Galicia. Coordinada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e Turismo de Galicia, a campaña inclúe un amplo programa de actividades no que destaca unha andaina contra as violencias machistas na que participarán todos os GDR.

Así, o vindeiro sábado, 13 de novembro, membros dos 24 GDR sairán a camiñar á mesma hora dende outros tantos puntos diferentes do Camiño de Santiago, cada un no seu territorio. O GDR Terras de Compostela, no que se integra o Concello da Baña, elixiu un treito de arredor de seis quilómetros entre a igrexa de Trasmonte (Ames) e o auditorio de Negreira. Trátase dun itinerario comprendido na ruta xacobea entre Santiago e Fisterra. 

Unha vez en Negreira, establecerase unha videoconferencia na que participarán os demais GDR e representantes da Xunta de Galicia. Por mor dos requisitos da andaina, só poderán participar na mesma aquelas persoas inscritas previamente polo GDR Terras de Compostela. Por parte do Concello da Baña, asistirán o alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Política Social, Mónica Gónzalez.

Programa andaina

-Ás 10:15 horas. Punto de encontro no aparcadoiro da zona de A Restreva, na entrada ao Centro Sociocultural. Entregarase a cada participante unha prenda identificativa para levar durante a andaina.

-Ás 11:00 horas terá lugar a saída en autobús ata a igrexa de Trasmonte, no concello de Ames.

-Ás 11.30 horas. Comezo da andaina dende a igrexa de Trasmonte ata a vila de Negreira, cun percorrido aproximado de 6 quilómetros.

-Finalmente, a partir das 13:00 horas realizarase unha conexión por videoconferencia cos demáis GDR de Galicia e con representantes do Goberno galego.