O alcalde, José Antonio Pereira Gil, remitiu un escrito no que expón que no municipio superáse o prazo de 5 días hábiles acordado pola administración || 

vespa velutina

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, remitiu á Concellería de Medio Rural e a Seaga un escrito no que esixe a retirada dos niños de vespas velutinas no municipio segundo os prazos estipulados pola propia administración.

O Concello da Baña expón as numerosas queixas recibidas por parte dos veciños e veciñas pola tardanza na retirada de niños de vespas velutinas no municipio, con prazos superiores ao mes, cando se trata de domicilios particulares. Esta circunstancia supón un grave risco para as persoas.

Na nota, recordar que a Dirección Xeral de Administración Local, con data 18 de xaneiro, indicaba que o convenio de retirada de vespas velutinas coa empresa Seaga implicaba que a retirada de ditos niños, unha vez recibida a alerta no servizo 012, tería un prazo medio de 5 días hábiles. No Concello da Baña este compromiso non se está a cumprir.

Deste xeito, o Concello insiste na súa esixencia de que se tomen as medidas oportunas para o cumprimento de ditos prazos de retirada de niños de vespas velutinas.