• O alcalde e a primeira tenente de alcalde reuníronse na Coruña co xefe territorial da Consellería para recibir información de primeira man

  • A previsión era que finalizase en setembro a rehabilitación integral do centro escolar, presupostada en 1,16 millóns

20231004 Obras CPISanVicente web

20231004 Obras CPISanVicente 03O xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, afirmou que o seu departamento terá rematadas ao longo deste mes de outubro as obras que se están executando no CPI San Vicente. Na reunión mantida este martes, 3 de outubro, co alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e coa tenente de alcalde e concelleira de acción social, cultural e servizos á cidadanía, Mónica González, o responsable provincial comprometeuse tamén a estudar a viabilidade de proxectos como a creación dun corredor seguro no centro mentres duren as obras ou a unificación de horarios en Primaria e Secundaria.

Pereira e González reuníronse con Cabana para recibir información de primeira man sobre unhas obras que, segundo recoñeceu o xefe territorial de Educación, levan algún retraso, pois estaba previsto que finalizasen en setembro. Cun presuposto de 1.161.179,44 euros, estase actuando na mellora de impermeabilización da estrutura, tanto en fachadas como en cubertas, e na carpintería exterior. Tamén se están renovando os acabados interiores e as instalacións (aseos, instalación eléctrica e iluminación), e mudando un total de 121 ventás e de 300 luminarias. Cabana comprometeuse a que as obras rematen ao longo deste mes de outubro.

As reformas están a provocar alteracións na vida diaria da comunidade educativa, sobre todo nas entradas e saídas, o que complica a circulación en xornadas de chuvia. Neses días, o alumnado debe saír do centro e rodealo por completo para acceder ao pavillón, por exemplo. Por isto, José Antonio Pereira e Mónica González solicitáronlle a Educación que se amañe unha saída do centro que comunique as aulas directamente co polideportivo mentres duren as obras, unha actuación que Indalecio Cabana asegurou que se estudará por parte da unidade técnica do servizo que dirixe.

20231004 Obras CPISanVicente 04Alcalde e tenente de alcalde reclamaron tamén a unificación de horarios entre Primaria e Secundaria para dar un servizo mellor e máis racional á comunidade. Na actualidade, o alumnado de Primaria xanta no comedor todos os días da semana e despois desprázase aos seus domicilios en autobús. Mentres, o de Secundaria só ten acceso a comedor e transporte os mércores, xornada na que ten actividade lectiva polas tardes. A idea do Concello da Baña é que a rapazada e Secundaria poida utilizar o comedor os luns, martes, xoves e venres do mesmo xeito que o usan os mércores, e logo empregar os mesmos buses que a de Primaria, para evitar que os buses circulen semibaleiros e, ao tempo, favorecer a conciliación laboral e familiar.

Esta proposta xa fora presentada pola dirección do centro o ano pasado, a petición da AFA CPI San Vicente, e non obtivera resposta. Nesta ocasión, Indalecio Cabana sinalou que, por unha banda, o seu departamento terá que estudar a capacidade do comedor do colexio. Pola outra, a xestión do transporte escolar é competencia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, polo que terán que ser os técnicos deste departamento os que analicen a cuestión.

Finalmente, Pereira e González demandaron un mestre de pedagoxía terapéutica específico para os ciclos de Infantil e Primaria, ao que Cabana respondeu que o profesional asignado a Secundaria pode atender tamén os casos de nenos e nenas con necesidades especiais doutros cursos.

José Antonio Pereira e Mónica González agradecéronlle a Indalecio Cabana que os recibise no seu despacho da Coruña, así como o compromiso dunha pronta finalización dunhas obras tan necesarias, que supoñen un forte investimento no CPI San Vicente.