• O pregón correrá a cargo da artesá zoqueira Elena Ferro

  • Agrupacións de música tradicional e charangas animarán a xornada

  • Haberá mercado de artesanía, espazo infantil e postos de comida

20240317 Filloa verticalA Baña acollerá o domingo 17 de marzo a vixésima edición da Festa da Filloa da Pedra, un evento organizado polo Concello da Baña que terá como pregoeira á zoqueira Elena Ferro. O pavillón de San Vicenzo será o escenario principal desta celebración, que ofrecerá un variado programa de actividades para todas as idades, incluíndo música tradicional, exhibicións e mercado de artesanía e, por suposto, a degustación das deliciosas filloas da pedra típicas do municipio.

O pavillón de San Vicenzo abrirá as súas portas ás 9.30h para acoller un encontro anual que pon en valor un dos elementos máis representativos da gastronomía bañense: a filloa da pedra. Organizado pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, este ano contará cun pregón moi especial a cargo de Elena Ferro, unha destacada artesá dos zocos galegos, que compartirá a súa paixón polo oficio tradicional e a súa visión innovadora.

O programa está repleto de actividades para todas as idades e gustos. Desde a apertura de portas ás 9.30h, os asistentes poderán desfrutar da música tradicional coas actuacións dos Gaiteiros e Pandereteiras da Baña e coa charanga Os Celtas. Ás 12.00h, o grupo Río de Anxo deleitará ao público con ritmos galegos en San Vicenzo. A acción volverá ao pavillón ás 13.30h, co pregón de Elena Ferro.

A partir das 16.00h, a foliada continuará con máis música, incluíndo a actuación de CantoenCanto e os Gaiteiros da Baña, Cé Orquestra Pantasma, os ritmos contaxiosos dos Tabernícolas do Leiradal e a enerxía de Mekánika Rolling Band.

Ao longo do día, os asistentes poderán gozar dunha mostra de artesanía en vivo, actividades infantís, mercadiño de artesanía, exhibición do Club Petanca Negreira e, por suposto, a degustación das deliciosas filloas da pedra, que poderán acompañarse de racións de orella e chourizos, e que fan desta festa un evento único na nosa contorna. Haberá tamén polbeiro.