• O municipio fai parte do proxecto provincial Concello Dixital para impulsar a dixitalización das entidades locais

  • A Baña avanza tamén na mellora da seguridade das telecomunicacións

20240404 Concello dixital 1920O Concello da Baña segue avanzando con éxito no seu proceso de transformación dixital, unha iniciativa que busca modernizar a administración municipal e mellorar a atención á cidadanía. Os cambios realizados ao abeiro do proxecto provincial Concello Dixital buscan facer máis eficiente a xestión dos servizos públicos.

Neste sentido, activáronse novos procedementos de tramitación en liña e ampliouse o catálogo da Sede Electrónica, facilitando así o acceso aos servizos municipais por parte dos veciños e veciñas. Ademais, este proceso de transformación conta coa colaboración directa dos traballadores e traballadoras municipais, implicándoos activamente na implementación das novas ferramentas e procedementos.

Por outra banda, o Concello da Baña está a dar pasos importantes para mellorar a seguridade das súas telecomunicacións. Tralo acordo do Pleno celebrado en febreiro, o Concello adheriuse á Oficina Técnica de Ciberseguridade Provincial da Deputación da Coruña, transferindo á entidade provincial a seguridade das infraestruturas de telecomunicacións locais. A nova política de seguridade ten como obxectivo reforzar a protección dos sistemas e redes do concello ante posibles ciberataques.

Estas accións enmárcanse no proxecto Concello Dixital impulsado pola Deputación da Coruña, que ten como obxectivo acompañar as entidades locais no proceso de transformación cara á plena dixitalización. O Concello da Baña, a través da concellería de Contas, comunicación e novas tecnoloxías, reafirma así o seu compromiso coa modernización e a seguridade dixital, sumándose ás iniciativas da Deputación para fortalecer a dixitalización e a ciberseguridade nos concellos da provincia.