• As actuacións espallaranse polas distintas parroquias bañenses

20210701 cartel veran culturalO espectáculo de narración oral Tanto conta conta tanto de Tarabela Creativa inaugura este venres ao mediodía na área recreativa de Agra de Chans a programación do Verán Cultural 2021, que ofrecerá ata catorce citas en distintas parroquias da Baña ao longo dos meses de xullo e agosto. Ademais de contacontos, as propostas traen maxia, cine e moita música.

A película A illa das mentiras, baseada na traxedia do vapor Santa Isabel en Sálvora en 1921, abrirá as sesións de cinema este sábado 3 de xullo ás 21.00 horas no local social de San Vicenzo. Na véspera do Apóstolo, o sábado 24, as familias poderán gozar da proxeción de Pinocho tamén en San Vicenzo.

A música comezará a soar o domingo 11 en Troitosende con Blues do País. Repetirá actuación o domingo seguinte (18 de xullo) en Cabanas e, xa en agosto, serán os Campantes da Baña quen estean na Ermida o xoves 5. As tres actuacions comezarán ás 14.00 horas.

O sábado 7, Xoán Curiel presentará en Lañas, a partir das 19.30 horas, o seu espectáculo Ao encontro de Martín Códax. A música terá continuidade o martes 10 co polifacético Pulpiño Viascom, que sorprenderá no Barro cos seus instrumentos de rúa e o espectáculo O xouman a partir das 14.00 horas. Trala actuación do grupo de música tradicional Ghazafellos o domingo 15 de agosto pola Santa María en Ordoeste, Pulpiño volverá por partida dobre o xoves 19 e estará en Sanamede (13.00 horas) e Suevos (14.00 horas).

Musicreques, o venres 27 ao mediodía en Agra de Chans como colofón do campamento de conciliación; e Mallou, o sábado 28 en Marcelle, pecharán a programación de Verán Cultural 2021.

Antes de que iso ocorra, a cativada participante no campamento de xullo poderá gozar da actuación de maxia @temporal a cargo do Mago Charlangas o día 30 ao mediodía en Agra de Chans.