imprimir
Categoría: novas
Visitas: 352

 

 

“Abanca acaba co rural” ou “Queremos unha oficina, non un caixeiro” foron algunhas consignas pronunciadas hoxe pola veciñanza da Baña que se manifestou en San Vicenzo contra o peche da sucursal de Abanca, a única oficina bancaria do municipio. O alcalde socialista e os portavoces do PP e de CxG entregaron 2.500 sinaturas contra a decisión de Abanca de cerrar a oficina da Baña no mes de setembro. O vindeiro xoves, 2 de setembro, os concellos da Baña, Vimianzo e Zas, convocaron unha manifestación na Coruña contra o peche de oficinas da entidade bancaria.

A veciñanza da Baña manifestou esta mañá de xeito rotundo o seu rexeitamento contra o peche da única oficina bancaria do municipio. “Non ao peche”, “Cartillas fora” foron outras das consignas das máis de cen persoas que se concentraron hoxe convocadas polo Concello en protesta pola decisión de Abanca, entidade que se beneficiou de máis de 7.000 millóns de euros de cartos públicos investidos para rescatar as antigas caixas galegas. Houbo ata quen propuxo aos asistentes “retirar xuntos todos os cartos que temos en Abanca se pecha a oficina da Baña”.

O rexeitamento na Baña é tal que o Concello, a Asociación de empresarios A Baña Emprende e outros colectivos recolleron máis de 2.500 sinaturas contra o peche da oficina. Sinaturas que foron entregadas na propia oficina polos representantes dos tres grupos políticos presentes na Corporación, o alcalde José Antonio Pereira, Andrés García Cardeso (PP) e César Ramos (CxG). O Concello remitirá unha carta certificada á sede central de Abanca en Betanzos solicitando que se manteña aberta a oficina da Baña.

Bana Manifestacion contra peche ABanca web

Manifestación na Coruña o 2 de setembro

Ao final da manifestación, José Antonio Pereira agradeceulle ás persoas presentes o seu apoio e convidounas a participar o vindeiro xoves, 2 de setembro, na manifestación convocada polos concellos da Baña, Vimianzo e Zas diante da sede de Abanca na Coruña. O Concello da Baña farase cargo do desprazamento en autobús e pídelle as persoas interesadas que se anoten chamando ao teléfono do concello 981 886 501, ata o vindeiro 31 de agosto.

“Todos sabedes o que supón o peche da única oficina de Abanca no noso municipio, e que terá unha grande repercusión social e económica para o noso comercio e a pouca industria que temos”, dixo José Antonio Pereira. “Se temos que depender e desprazarnos a concellos limítrofes para facer xestión financeiras, moitas persoas aproveitarán para facer alí as súas compras”, engadiu. Para o alcalde, o peche de Abanca na Baña prexudicará de forma especial “aos maiores do municipio, máis de 700 persoas que non están familiarizados coas novas tecnoloxías”.

Acordo unánime da Corporación

O pleno da Baña aprobou por unanimidade o pasado 12 de agosto un manifesto institucional rexeitando o peche anunciado por Abanca. En coordinación cos concellos de Vimianzo e Zas (onde a entidade financeira tamén pechará oficinas) os tres alcaldes solicitáronlle unha reunión ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, posto que os tres rexedores cren que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financeira.

Tras reunirse a semana pasada con Alberto Varela, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias comprometeuse a impulsar unha enquisa entre os concellos para analizar como lles está afectando a concentración de oficinas bancarias logo de constatar que están abandonando maioritariamente os núcleos rurais deixando sen servizo á súa poboación.

Ademais destas dúas, e a recollidas de firmas entregadas hoxe, os tres alcaldes teñen en marcha outras medidas conxuntas entre as que figuran:

Estratexia para incrementar beneficios

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, incidiu o pasado día 13 nunha rolda de prensa conxunta que a decisión de Abanca de pechar as oficinas da Baña, de Baíñas (Vimianzo) e de Zas o vindeiro 8 de setembro obedece só ao interese de incrementar as súas ganancias. “Non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas. A única fin que ten é aumentar os beneficios da entidade a costa de prexudicar directamente 10.000 persoas nestes tres concellos e noutros limítrofes”, sinalou, e lembrou que Abanca gañou no primeiro trimestre deste ano 137,4 millóns de euros, un 8,2% máis que no mesmo período de 2020.

“É un atentado contra o rural”, manifestou nesa rolda de prensa o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, quen lembrou que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio.  “O peche conleva deixar de facer vida no noso concello. Non só os veciños xa non van poder facer xestións, senón que é un pau tamén para o comercio que temos. Ademais, moita da nosa poboación e moi maior e o día que vai cobrar a pensión aproveita para facer compras e outros trámites. Agora vai ter que desprazarse oito quilómetros para sacar cartos”, explicou.

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, subliñou o feito de que Abanca non comunicara a decisión. Foron os empregados das oficinas que van pechar os que empezaron a chamar aos veciños para informalos do peche. “Botamos moito de menos que non houbera un aviso e se establecera un diálogo. Súmenos na impotencia. Onde quedan o asesoramento e esa cercanía co cliente da que presumen na súa publicidade? A banca electrónica non o fai todo e hai quen non sabe manexarse coas tecnoloxías. Diminúen os horarios, pechan oficinas, botan empregados... trátase dun grave problema que afecta tamén outros concellos”, indicou.

En total son nove as oficinas que Abanca ten previsto pechar en Galicia neste vindeiro setembro. Ás da Baña, Baíñas e Zas únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra) San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).

Bana Manifestacion contra peche ABanca 2 web