imprimir
Categoría: novas
Visitas: 679

20221217 homenaxe Emilio andujar foto familia

As escolas vellas, sede da Escola de Música Municipal da Baña, chamaranse a partir de hoxe Escolas Emilio Andújar, en homenaxe ao que fora fundador nos anos oitenta da Banda Infantil da Baña. Con este acto simbólico e moi emotivo, o Concello da Baña quere lembrar e recoñecer a figura do falecido músico Emilio Constantino Andújar Riveiro, “verdadeiro artífice e impulsor do ensino municipal no noso municipio”, manifestou o alcalde, Andrés García Cardeso. Así o testemuña a placa que o Concello descubriu esta mañá na súa memoria na fachada do inmoble e na que pode lerse a seguinte inscrición: “Emilio Constantino Adújar Riveiro. Exemplar músico, director e precursor da educación musical no Concello da Baña”.

 García Cardeso subliñou que a homenaxe que “hoxe lle rendemos á Emilio Andújar é xusta e merecida”, dixo, o rexedor, quen destacou do falecido músico “tres valores fundamentais da súa persoa: era moi afable, respectuoso e moi responsable”, aseverou García Cardeso. O alcalde tamén recalcou que Andújar Riveiro encarnaba a tradición musical da comarca de Barcala, unha comarca “que deu e segue a dar moi bos músicos”.

Beatriz Cancela, ex alumna da Banda Infantil da Baña, musicóloga, doutora en Música pola Universidade de Oviedo e actualmente profesora de música en Boimorto, foi a encargada de facer unha emotiva lembranza de Emilio Andújar. Na súa intervención fixo un repaso pola biografía, tanto persoal como profesional, do homenaxeado resaltando a súa paixón pola música, polo ensino musical e o seu legado. Cancela fixo fincapé na importancia que tivo a creación da banda de música da Baña e a posterior escola na formación de moitas nenas e nenos do municipio.

 20221217 homenaxe emilio andujar publico

“Máis dun centro de rapaces e rapazas do concello formaron parte desta agrupación; unha agrupación que facilitou a un amplo sector dos integrantes o acceso á música e aos seus estudos oficiais”, dixo Beatriz Cancela. A ex alumna engadiu tamén que a banda permitiu a moitos nenos e nenas “visitar lugares que enriqueceron as súas experiencias vitais, ás veces inaccesibles, á moitos mozos e mozas do rural bañés dos anos 80 e 90”.

Durante o acto tamén falou o ex alcalde da Baña e ex profesor do Colexio de San Vicente, Paco Villaverde, quen tamén recoñeceu a labor de Andújar ao fronte da Banda Infantil da Baña e na aprendizaxe musical dos nenos e nenas do municipio na década dos 80 e 90.

En representación da familia, Antonio Casal Andújar, neto do falecido músico, agradeceu o recoñecemento e a homenaxe do Concello á figura do seu avó.

Homenaxe musical

Tras os discursos, e antes do descubrimento da placa, Rubén, Marcos, Miguel, Esteban, Darío e Gustavo, antigos integrantes da banda de música e ex alumnos do homenaxeado, interpretaron unhas pezas en memoria do mestre.  E a solista Noelia Rodríguez, acompañada ao piano por Ramón Leis, actual profesor na Escola de Música Municipal da Baña, interpretou a Negra sombra e o Himno Galego ante un público emocionado.

20221217 homenaxe emilio andujar ex integrantes banda

Tras o descubrimento da placa, o alcalde, Andrés García, acompañado polo tenente de alcalde, César Ramos Domínguez, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, agradecéronlle aos fillos e fillas do falecido músico a súa presenza entregándolles uns presentes. Tamén en nome do Concello, Lorena Trillo, entregoulle a Beatriz Cancela outro presente agradecéndolle a súa disertación sobre a figura de Emilio Andújar e o repaso pola historia e importancia da Banda Infantil da Baña.

O acto contou coa presenza de numerosos veciños e veciñas, familiares de Emilio Andújar, antigos alumnos e alumnas da escola de música e da extinta banda, ademais de representantes da Corporación municipal.

20221217 homenaxe emilio andujar hinmo galego

Emilio Andujar Riveiro

Emilio Andújar Riveiro naceu en 1920 na parroquia de Broño, en Negreira. Comezou a súa andaina no mundo da música, aos 14 anos, como músico afeccionado, nun tradicional trío de gaita, bombo e caixa. Logo pasaría a formar parte do Sexteto Bañés, tocando o bombo. O seu paso polo servizo militar permítelle ingresar na Banda Militar do Cuartel de Infantería da Coruña, onde adquire os coñecementos en solfexo, teoría, gaita e clarinete. Tras rematar o servizo, incorpórase ao Sindicato Nacional de Espectáculo e funda no 1949 a Orquestra Andújar en 1949. En 1974 organiza a orquestra Rioverde, que compaxina coa seu labor de taxista. Casa con Magdalena Pose e establece o seu domicilio en Ordoeste (A Baña).

20221217 ramon leis e noelia rodriguez homenaxe emilio andujar

No ano 1981, xa xubilado, Emilio Andújar pasaría a dar clases extraescolares de música no colexio da Baña e, froito dese traballo xurde a Banda Infantil da Baña (activa dende 1982 ata 2009), da que foi director. Froito da agrupación musical crease en 1998 a Escola de Música. Emilio Andújar pasaría a formar parte do cadro docente xunto cos músicos Rafael Arosa e Mario Martínez.

O entrañable músico e impulsor da ensinanza musical na Baña falecería en 2019, na aldea de Rial (Ordoeste) aos 98 anos.