imprimir
Categoría: novas
Visitas: 438

20231217 cartel nadal web completoO vindeiro domingo, 17 de decembro, o pavillón municipal de San Vicenzo acollerá a oitava edición do Mercadiño de Nadal da Baña. Dende as 12 do mediodía e ata as 8 da tarde, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha variada oferta de artesanía, produtos de alimentación e doces típicos desta época, nun ambiente festivo con música, maxia e mesmo coa agardada visita de Papá Noel. A xornada festiva dominical comezará ás 11.00 horas co festival de Nadal na Escola de Música Emilio Andújar.

Este encontro estase a converter nunha cita imprescindible na comarca. Ademais de ofrecer a oportunidade de mercar agasallos únicos e deliciosos produtos propios do Nadal, tamén conta cun amplo programa de actividades e espectáculos que busca entreter a toda a familia ao tempo que pon en valor o talento local.

A primeira das actuacións chegará á unha do mediodía da man dos gaiteiros da Escola de Música Tradicional (EMT) da Baña. Ás catro da tarde será a agrupación de pandeireteiras da mesma escola quen anime o ambiente no mercado. Ademais, no transcurso do Mercadiño terá lugar a presentación dun novo proxecto da EMT da Baña: CantoEncanto.

Seguindo coa promoción do talento local, ás catro e media da tarde comezará a exhibición e ximnasia rítmica e acrosport do alumnado destas actividades extraescolares do CPI San Vicente, grazas á colaboración de AFA Avania, a asociación de familias do centro bañense. Tamén do CPI San Vicente procede o grupo musical Willi Wonka e as Umpalumpas, que de seguro sorprenderá coa súa actuación, a partir das cinco da tarde. O Concello da Baña agradece a implicación do colexio na organización do Mercadiño de Nadal, que contará tamén cunha decoración elaborada polo alumnado e profesorado do centro.

Ademais da música e das exhibicións deportivas, a maxia tamén estará presente. O Mago Teto ofrecerá un espectáculo de ilusionismo para todos os públicos ás 17.30 horas. Pequenas grandes maxias, o que en palabras do autor é o seu espectáculo máis persoal despois de 29 anos percorrendo os camiños do mundo, chegará á Baña grazas á colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

E, como colofón á festa, Papá Noel atenderá os desexos de nenas e nenos. A súa chegada ao Mercadiño de Nadal da Baña tras unha longa viaxe dende o Polo Norte está prevista para as seis e media da tarde.

Empaquetado solidario

Ao igual que en edicións anteriores, no Mercadiño de Nadal da Baña haberá un posto de empaquetado solidario para que todas aquelas persoas que merquen nalgún dos postos poidan levar o seu agasallo ben preparado, ao tempo que colaboran cunha causa solidaria. Este ano, os cartos recadados destinaranse a colaborar coa Asociación Española contra o Cancro.

Festival de Nadal

Por outra banda, alumnado e profesorado da Escola de Música Emilio Andújar ofrecerá un concerto este domingo 17 de decembro, a partir das 11.00 horas. O festival de Nadal traerá sons propios destas datas á sede da escola municipal de música.