- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 76
-
A edición máis participativa ata o momento reuniu 55 parellas e obrigou a ampliar a competición desde o xoves ata a madrugada do domingo
-
A organización procurou que todas as parellas xogasen un mínimo de dous ou tres partidos, favorecendo unha maior participación
-
O alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, participaron na entrega de premios aos finalistas

O V Torneo de Pádel A Baña pechou esta pasada fin de semana cun balance moi positivo tanto no deportivo como no participativo. A cita, organizada polo Concello e disputada nas pistas de Lañas, reuniu 55 parellas e deixou un total de 78 partidos, desenvolvidos ao longo de catro xornadas, desde o xoves 15 ata pasada a medianoite do domingo 18 de outubro.
A elevada participación obrigou a ampliar o calendario inicialmente previsto e a adiantar o inicio da competición ao xoves. O esforzo organizativo permitiu encaixar unha programación moi intensa e, ao mesmo tempo, cumprir cun dos obxectivos marcados nesta edición: que todas as parellas puidesen disputar como mínimo dous ou tres partidos, garantindo así unha maior participación e máis tempo de xogo para as persoas inscritas.
O torneo desenvolveuse nun gran ambiente de deportividade, compañeirismo e convivencia, tanto dentro como fóra das pistas, confirmando o crecemento dunha cita que xa está plenamente consolidada no calendario deportivo municipal.
Na organización do torneo participou o técnico de Deportes da Baña, Adrián Vázquez, e tamén Daniel Guzmán, monitor de pádel das Escolas Deportivas Municipais da Baña, cuxo traballo resultou fundamental para a coordinación dos cadros, horarios e encontros ao longo das catro xornadas.
Así quedaron os resultados por categorías:
Iniciación masculina
1º posto: Beto e Pepiño
2º posto: Jon e José R.
3ª feminina
1º posto: Elena e Renata
2º posto: Alba e Nuria
2ª mixta
1º posto: Borja e Cristina
2º posto: Tito e Loreto
3ª masculina
1º posto: Jacobo e Julio
2º posto: Xoán e Nico
3ª mixta
1º posto: Cristina e Juancar
2º posto: Renata e Pablo I.
2ª masculina
1º posto: Daniel Guzmán e Víctor O.
2º posto: José E. e Enric G.
As parellas finalistas recibiron premios, mentres que todas as persoas participantes contaron tamén cun agasallo de benvida.

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, achegáronse ás pistas de Lañas e participaron na entrega de premios, acompañando os deportistas no peche dunha edición que volveu superar as cifras de participación de anos anteriores.
Desde o Concello da Baña queren agradecer o comportamento, a colaboración e a comprensión de todas as persoas participantes ante a complexidade organizativa que supuxo encaixar un número tan elevado de encontros, así como o traballo de todas as persoas implicadas na organización.
O éxito desta quinta edición reforza a aposta municipal pola promoción da actividade física, os hábitos de vida saudables e a convivencia a través do deporte, e consolida o Torneo de Pádel A Baña como unha das citas deportivas con maior capacidade de convocatoria do municipio.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1336
16-10-2026
Fanse públicas as plantillas das respostas do primeiro e segundo exercicio da fase de oposición do proceso selectivo por concurso-oposición dunha bolsa de persoal de atención (técnico/a) destinado á Escola Infantil Municipal do Concello da Baña en réxime de persoal laboral temporal.
As plantillas poden consultarse na sede electrónica, nesta ligazón, e nos documentos adxuntos.
1-9-2026
O Concello da Baña vén de aprobar a listaxe definitiva de persoas aspirantes, o nomeamento de tribunal e a data de exame, do expediente de convocatoria e proceso de selección por concurso-oposición dunha bolsa de emprego de persoal de atención técnica da Escola Infantil Municipal, en réxime de persoal laboral temporal.
A fase de oposición realizarase o vindeiro venres 11 de setembro de 2026 a partir das 10.00 horas no Pavillón Municipal de deportes San Vicenzo da Baña.
A listaxe definitiva completa pode consultarse na sede electrónica do Concello da Baña, nesta ligazón, e no documento adxunto a esta nova.
14-8-2026
O Concello da Baña vén de aprobar a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para a creación dunha bolsa de emprego de persoal de atención técnica da Escola Infantil Municipal, en réxime de persoal laboral temporal.
A convocatoria, publicada o pasado 3 de agosto no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, ten como finalidade garantir a adecuada prestación do servizo e posibilitar a posta en funcionamento da Escola Infantil Municipal no próximo curso escolar.
A lista provisional completa pode consultarse na sede electrónica do Concello da Baña, nesta ligazón, e no documento adxunto a esta nova.
3-8-2026
O Concello da Baña publicará nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego de persoal de atención (técnico/a) da Escola Infantil Municipal, en réxime de persoal laboral temporal.
Esta bolsa permitirá atender as necesidades do servizo e cubrir posibles baixas, acumulacións puntuais de tarefas ou outras circunstancias que requiran unha contratación inmediata. A convocatoria responde tamén á ampliación das instalacións e da capacidade da Escola Infantil Municipal de cara ao próximo curso escolar.
Co obxectivo de facilitar ás persoas interesadas a preparación da documentación e do temario, o Concello adianta as bases e a convocatoria a través da sede electrónica municipal.
O sistema de selección será o de concurso-oposición. Poderán participar as persoas que conten coa titulación de licenciatura en Pedagoxía ou Psicopedagoxía, mestrado coa especialidade en Educación Infantil ou equivalente, ou título de técnico/a superior en Educación Infantil ou equivalente, ademais dos demais requisitos recollidos nas bases.
O prazo para presentar as solicitudes será de sete días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOP da Coruña.
As persoas interesadas poden consultar as bases completas, a documentación necesaria e o temario na sede electrónica do Concello da Baña, nesta ligazón, e no arquivo adxunto a esta nova.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1025
- Esta quinta edición convértese na máis participativa desde a posta en marcha da competición organizada polo Concello
- O torneo tivo que adiantarse a este xoves para poder dar cabida a todos os partidos e prolongarase ata o domingo nas pistas de Lañas
- A terceira mixta será a categoría máis numerosa, con 15 parellas, seguida da terceira masculina, con 12
O V Torneo de Pádel A Baña celebra esta semana a edición con maior participación da súa historia. O prazo de inscrición vén de pechar cun total de 55 parellas, superando así o récord acadado en 2025 e facendo que a competición tivese que ampliarse a catro xornadas.
A alta participación obrigou a adiantar o inicio do torneo organizado polo Concello a hoxe, xoves 15 de outubro, unha xornada antes do previsto, para poder dar cabida a todos os partidos, un total de 69 máis os da fase final. A competición continuará durante o venres 16, o sábado 17 e o domingo 18 nas pistas de pádel de Lañas.
A categoría con maior número de inscricións será a terceira mixta, con 15 parellas, seguida da terceira masculina, con 12. A segunda masculina contará con 8 parellas, as mesmas que a categoría de iniciación, mentres que na segunda mixta e na terceira feminina competirán 6 parellas en cada unha, completando así as 55 parellas participantes.
En canto ao sistema de competición, houbo un cambio na normativa do torneo e as parellas de xogadores integraranse en varios grupos dentro da categoría. Os cadros de competición estruturaranse por partidos ao mellor de tres sets, con supertiebreak - a 10 puntos , no terceira set. Como é habitual, todas as persoas participantes recibirán un agasallo de benvida, habendo premios para as parellas finalistas das diferentes categorías.
Os horarios, na web municipal
O horario dos encontros e tamén a nova normativa xa están dispoñibles na web municipal, e poden consultarse nos documentos adxuntos (os do venres, sábado e domingo sufriron modificacións, polo que recomendamos mirar os horarios definitivos).
Desde o Concello da Baña agradecen a comprensión e a colaboración de todas as persoas participantes ante a complexidade organizativa que supuxo encaixar un número tan elevado de partidos, o que obrigou a ampliar a catro as xornadas de competición, e tamén a fantástica acollida que tivo a cita.
Con esta quinta edición do Torneo de Pádel, o Concello da Baña continúa apostando pola promoción da actividade física, os hábitos de vida saudables e a convivencia arredor do deporte, ao tempo que consolida esta competición como unha cita cada vez máis participativa e xa consolidada no calendario deportivo municipal.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 255
-
As obras ‘Trenzando a igualdade’ e ‘Barbeiro na casa’ reciben os dous premios do certame, dotados con 75 euros cada un
-
A entrega dos galardóns celebrarase o venres 30 de outubro, ás 10.00 horas, na Casa Consistorial

Isabel Romar Romar e Manuela Dacunha Vázquez son as gañadoras do Concurso de Fotografía Amateur pola Corresponsabilidade, Masculinidades Igualitarias, Coidados e Usos do Tempo, promovido polo Concello da Baña a través da Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía.
O certame, desenvolvido no marco do Plan Corresponsables 2026, busca sensibilizar a poboación sobre a repartición das responsabilidades domésticas e de coidado e fomentar a implicación dos homes nestas tarefas.
Na categoría A, de participación xeral, o xurado concedeu o premio a Isabel Romar Romar pola fotografía Trenzando a igualdade. Na categoría B, de participación local, resultou premiada Manuela Dacunha Vázquez coa obra Barbeiro na casa. Cada galardón está dotado con 75 euros.
O xurado técnico, integrado por profesionais dos centros escolares e do ámbito artístico e fotográfico, avaliou a calidade técnica, a orixinalidade, a composición e a adecuación das propostas ás bases da convocatoria.
A entrega dos premios terá lugar o venres 30 de outubro, ás 10.00 horas, na Casa Consistorial da Baña. As gañadoras dispoñen dun prazo de dez días para presentar a documentación requirida para tramitar o aboamento dos galardóns.
Segundo recollen as bases, as fotografías participantes, incluídas as premiadas, formarán parte dunha exposición pública con motivo do Día da Corresponsabilidade, o 23 de marzo de 2027. Así mesmo, a obra gañadora será a imaxe central da campaña municipal de concienciación vinculada a esta conmemoración.
O Concello da Baña felicita as premiadas e agradece a participación de todas as persoas que se sumaron ao concurso. Coas súas fotografías, contribuíron a facer visible a importancia de compartir as tarefas do fogar e os coidados e a promover a corresponsabilidade na vida cotiá.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 345
-
A contratación, cofinanciada pola Unión Europea e a Xunta de Galicia, permitirá un período de nove meses de experiencia profesional nun posto de peón forestal
-
A persoa contratada realizará desde hoxe, 13 de outubro, labores de prevención forestal mediante a limpeza de montes e camiños municipais

O Concello da Baña incorpora desde hoxe, 13 de outubro, unha persoa moza para desempeñar o posto de peón forestal durante os próximos nove meses, ao abeiro do programa de Garantía Xuvenil.
A contratación dá continuidade á participación do Concello neste tipo de programas de fomento do emprego xuvenil. Nesta ocasión, a persoa contratada desenvolverá labores de prevención forestal mediante a limpeza de montes e camiños do municipio da Baña, contribuíndo ao mantemento dos espazos rurais e á prevención de riscos asociados á acumulación de vexetación.
A contratación realízase ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2026, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da comunidade autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro.
Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro dos procedementos TR350E e TR349Z.
A iniciativa permite, por unha banda, facilitar á persoa contratada a adquisición de experiencia profesional nunha contorna real de traballo e, por outra, reforzar os labores municipais de conservación e prevención no rural.
O Concello da Baña continúa así promovendo oportunidades laborais para a mocidade ao tempo que reforza actuacións necesarias para o mantemento e a mellora dos servizos públicos municipais.

