imprimir
Categoría: novas
Visitas: 107

Brinacanadal

 

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, abre o prazo de inscrición nunha nova edición do BrincaNadal, o campamento municipal que facilita a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares de Nadal. O programa ofrece 20 prazas para nenos e nenas escolarizados de entre 3 e 13 anos, e as familias poderán presentar as súas solicitudes ata o 27 de novembro, incluído.

O campamento desenvolverase no local social de San Vicenzo durante os días laborais comprendidos entre o 22 de decembro de 2026 e o 7 de xaneiro de 2027, ambos os dous incluídos. O horario será de 08.00 a 15.00 horas.

As crianzas participarán en actividades lúdicas, educativas e culturais adaptadas ás súas idades, coas que se promoverán valores como a solidariedade, a confianza, a cooperación e o respecto persoal e colectivo. Para determinadas propostas tamén se poderán utilizar outras instalacións municipais, como a axencia de lectura ou o pavillón.

Inscricións e adxudicación das prazas

As solicitudes deberán estar asinadas pola nai, pai ou persoa titora legal e presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na sede electrónica municipal ou a través dos demais medios previstos nas bases.

A documentación inclúe a ficha normalizada de inscrición cos seus anexos, a tarxeta sanitaria e, de ser o caso, o informe médico que acredite a necesidade dalgún tratamento especial. Para acreditar a necesidade de conciliación por motivos laborais, deberá achegarse un documento da empresa que indique o horario de traballo das persoas proxenitoras ou titoras.

Na adxudicación das prazas terán prioridade as crianzas empadroadas que cumpran as condicións recollidas nas bases e acrediten a necesidade de conciliación, así como os fillos e fillas do persoal que presta servizo no Concello nas mesmas circunstancias. A continuación atenderanse as solicitudes destes colectivos que non acrediten esa necesidade e, por último, as de menores non empadroados. Os casos de emerxencia social acreditados polos Servizos Sociais municipais terán preferencia de acceso ao programa.

A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase nas oficinas municipais e na web do Concello, cun prazo de tres días hábiles para presentar reclamacións. As solicitudes rexistradas fóra de prazo pasarán á listaxe de agarda.

Prezos e pagamento

Para as familias empadroadas, as cotas serán de 25 euros polo primeiro fillo ou filla participante, 20 euros polo segundo e 15 euros polo terceiro. No caso das persoas non empadroadas, os importes serán de 50, 40 e 25 euros, respectivamente.

O pagamento deberá realizarse nun dos números de contas seguintes das que é titular o Concello da Baña (ES92 2080 0326 1731 1000 0035 (ABANCA) ou ES26 0238 8191 8806 6000 1061 (SANTANDER)) nos sete días naturais seguintes á publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas. Unha vez aboada a cota, as familias deberán presentar o xustificante correspondente segundo o procedemento indicado nas bases. O formulario de achega de documentación pode descargarse premendo neste enlace.  

O BrincaNadal dá continuidade á aposta do Concello da Baña por adaptar os servizos municipais ás necesidades das familias e apoiar os coidados tamén durante os períodos non lectivos.