imprimir
Categoría: novas
Visitas: 55

 

 

A Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade unha moción do grupo socialista reclamándolle á Xunta que inclúa nos orzamentos autonómicos de 2027 as partidas necesarias para executar catro obras imprescindibles que son de competencia autonómica. O Pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción do PP sobre o 25N para que a loita contra a violencia machista non retroceda nin o máis mínimo.

O alcalde, José Antonio Pereira, defendeu a moción do PSdeG asegurando que nos últimos anos os orzamentos da Xunta marxinan á Baña, ao non incluír ningunha partida territorializada para acometer infraestruturas que son competencia do Goberno galego. Neste senso lembrou as reiteradas peticións dende o Concello para acometer obras importantes para o municipio, “que son pospostas polos diferentes conselleiros, e non se executan”.

Nos orzamentos para 2027, presentados o pasado luns no Parlamento, a Xunta “volve deixar á Baña á marxe dos investimentos territorializados”, dixo José Antonio Pereira. “Ningunha das actuacións que o Concello precisa e que son competencia da Xunta aparece recollida de maneira expresa nestes orzamentos”.

Na moción aprobada por unanimidade, ínstase a Xunta a incorporar nos orzamentos de 2027 partidas específicas para executar, polo menos, catro actuacións. Unha delas é a segunda fase dos colectores da EDAR de Barcala, mediante a construción de colectores de saneamento conxuntos para A Baña e Negreira a través da estrada AC-546, co obxectivo de conducir o saneamento cara á depuradora de Negreira, de acordo co proxecto elaborado por Augas de Galicia.

A execución do saneamento e dunha depuradora na parroquia de Troitosende e a construción dunha senda peonil e a mellora do saneamento no Seilán son outras das peticións. O Concello da Baña tamén reclama que a Xunta habilite nos orzamentos de 2027 unha partida específica para a urbanización do polígono industrial da Baña.

A tenente de alcalde, Mónica González, apoiou a proposta do alcalde, “porque dende a Xunta estannos deixando ao marxe en moitas cousas”, e lembrou que o BNG xa presentou no Parlamento unha emenda aos orzamentos.

Dende o PP tamén votaron a favor da iniciativa, despois de que Andrés García Cardeso animara ao alcalde a seguir reclamando obras para o municipio de xeito insistente.

Moción do 25

A Corporación tamén aprobou por unanimidade a moción presentada polo PP con motivo do Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. Na proposta, defendida por Patricia Lois, pídeselle ao concello que reforce a detección temperá, a prevención das violencias contra as mulleres, e implantar programa de formación, ademais doutras medidas. 

Ao Goberno de España reclámaselle, entre outras, unha lei orgánica integral contra a trata de seres humanos, reforzar o sistema VioGén e incrementar os medios humanos, materiais e tecnolóxicos das unidades especializadas da Policía Nacional e Garda Civil. A moción pídelle á Xunta consolidar e estender o servizo dos CIM móbiles nos concellos onde non teñan Centro de Información á Muller e impulsar medidas contra o a coso e a violencia dixital, entre outros aspectos.

Dende o BNG, Mónica González invitou a facer unha reflexión sobre a violencia de xénero e a unha maior implicación de todos os sectores, “empezando pola educación desde as primeiras etapas”, como se fai no Concello da Baña.

Vanesa Gil expresou o apoio do grupo socialista a esta moción, porque a “violencia contra as mulleres continúa sendo unha das manifestacións máis graves de desigualdade estrutural entre mulleres e homes”.

Diante do panorama nacional, con abundancia de discursos negacionistas e o retroceso das políticas de igualdade, o grupo socialistas da Baña votou a favor da proposta “cun si rotundo para que o rexeitamento da violencia machista non retroceda nin o máis mínimo”, afirmou Vanesa Gil.

 

20261125 Banha pleno novembro 2