• Entre as actividades que desenvolven atópanse exercicios para fomentar o benestar corporal, o coidado do horto e diversos obradoiros //

  • Combaten a abafante calor destes días na piscina e con xogos de auga //

Máis de medio cento de rapazas e rapaces da Baña participan nestes días no campamento urbano de conciliación que o Concello pon en marcha durante as vacacións escolares nas instalacións de Agra de Chans. Exercicios de benestar corporal, traballos no horto e en distintos obradoiros foron algunhas das moitas actividades que desenvolveron os pequenos, que están a combater a vaga de calor con baños na piscina municipal e con xogos de auga.

Nenas e nenos participantes comezaron o campamento de verán da Baña elixindo nome, canción e lema para identificar o seu grupo e fóronse familiarizando nos primeiros días coa piscina e co horto escolar, ademais de facer unha plantación de herbas aromáticas na área recreativa de Agra de Chans.

Entre as rutinas diarias destaca o programa Actívate desenvolvido a primeira hora da mañá e co cal, por medio de exercicios musicais, mindfulness básico e ioga, incorporan hábitos para fomentar a conciencia corporal e o benestar físico. Asimesmo, están a traballar con outros conceptos integrados na axenda 2030 como a sosteniblidade, a saúde ou a igualdade de xénero.

As actividades complétanse con obradoiros, entre eles o que desenvolveron con Vella Escola centrado na creación de camisetas, rap e beat boxing. E, para loitar contra a abafante calor destes días, nada mellor que divertidos xogos de auga.

  • O Concello oferta un total de 18 prazas para rapaces e rapazas de 8 a 16 anos

  • O prazo para anotarse finaliza o venres, 15 de xullo

  • O programa inclúe actividades de piragüismo, camiñadas, visitas culturais e actividades na praia, entre outras

 

20220826 Bana campamento xuvenilO Concello da Baña vén de abrir o prazo de inscrición para participar no Campamento Xuvenil 2022, que se desenvolverá  no lugar de Espiñeira (Boiro) do 26 de agosto ao 2 de setembro. A actividade, organizada pola Concellaría de Cultura, Educación, Muller, Igualdade e Normalización Lingüística, está dirixida á menores de 8 a 16 anos do municipio. En total, o Concello oferta 18 prazas. As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o venres 15 de xullo para formalizar a súa inscrición. 

As actividades que se levarán a cabo no transcurso do campamento serán de índole educativa e cultural. Terán por obxecto fomentar valores como a solidariedade, a confianza, a cooperación,  o respecto persoal e colectivo. Así, están programadas actividades de  piragüismo, camiñadas, visitas culturais e actividades na praia, entre outras.

O prezo do Campamento de Verán 2022 para as persoas censadas na Baña  é de 100 euros no caso de que só participe un menor da unidade familiar; 75 € no caso do segundo\a irmán\á e 50€, o terceiro\a fillo\a. Para as persoas non censadas, as contías a abonar serán de 150 €, 112,5 € e 75 €, respectivamente. Naqueles casos nos que a unidade familiar, empadroada na Baña, non conte cuns ingresos iguais ou superiores a dúas veces o Iprem (597,02 euros), e tras a emisión do informe pertinente, a contía a pagar será 40€ se só participa un ou unha fillo\a; 30 € e 25 €, no caso do segundo\a e terceiro\a irmán\á, respectivamente. A contía inclúe a estadía, a comida e o transporte.

Segundo as bases que regulan o Campamento Xuvenil 2022, aprobadas polo Concello, as solicitudes deberán ir asinadas polo pai, nai ou titor\a legal. Ademais de cubrir a folla de inscrición, as persoas solicitantes deberán aportar unha fotocopia do DNI do\a menor, a fotocopia do documento de identidade da persoa titular da conta; a tarxeta sanitaria, e, de ser o caso, o informe médico que acredite calquera tipo de tratamento especial.

Unha vez cumprimentada a ficha de inscrición, esta debe presentarse, xunto co resto da documentación, ben no rexistro do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou ben por sede electrónica.

No baremo das prazas terán prioridade os menores de 8 a 16 anos cuxa unidade familiar estea empadroada na súa totalidade no municipio. En segundo lugar, os menores que sexan fillos\as do persoal que presta servizo no Concello da Baña e despois as crianzas censadas no municipio.

A listaxe de persoas admitidas no Campamento de Verán 2022 publicarase tanto na páxina web do Concello como nas oficinas municipais. E, de non existir ningunha reclamación, elevarase a definitiva, é dicir, que as prazas quedarán oficialmente concedidas.

No caso de que as inscricións presentadas en prazo superen as prazas ofertadas, o Concello procederá a un sorteo público. Os\as  solicitantes que queden sen praza pasarán a formar parte dunha listaxe de agarda. Todas as inscricións presentadas fóra de prazo pasarán tamén a formar parte da listaxe de agarda pero a continuación das presentadas dentro do prazo.

As cotas pagaranse unha vez que se saiba que a persoa solicitante conta con praza, logo da publicación da listaxe definitiva de admitidos\as e nun período máximo de 7 días. O pagamento farase na conta que o Concello da Baña ten habilitada no banco Santander ES26 0238 8191 8806 6000 1061.

As persoas interesadas poden consultar a bases e tamén descargar a ficha de inscrición no documento adxunto.

A listaxe de rapazas e rapaces admitidos pode consultarse picando nesta ligazón

  • Cancións de Beethoven, Vivaldi, Queen, Sabina, Luar na Lubre, Camilo, Aitana ou ACDC  emocionaron ao público

  • O alcalde, Andrés García Cardeso, fíxase como obxectivo para o vindeiro curso duplicar a vintena de alumnos que se formaron este ano

20220704 Festival fin curso escola musica Bana 34

Queen e ACDC abriron e pecharon onte un emotivo festiva de fin de curso da Escola municipal de música da Baña no que público presente acabou aplaudindo de pé ao alumnado de percusión. Durante unha hora, no auditorio das escolas vellas lembrouse a Beethoven e Vivaldi, pero tamén a Sabina, Lugar na Lubre, Camilo ou Aitana, todos eles interpretados pola vintena de alumnos de todas as idades que neste curso se formaron na escola bañense.

Ramón Leis, director e profesor de piano; Moncho Ces, de vento metal; e Juan Leis, percusión, clarinete e saxofón, tiveron como obxectivo “que pequenos e maiores se divertisen e gozasen aprendendo música”. Tal vez por iso conseguiron que Héctor (saxo) e Sonia (clarinete) acudisen dende Negreira ata a Escola de música da Baña acompañados polos seus fillos e onte se animasen a subir por primeira vez a un escenario e tocar en público.

20220704 Festival fin curso escola musica Bana 31

Despois de que Moisés rematase o concerto na batería cun dos temas míticos de ACDC, o alcalde, Andrés García Cardeso, agradeceu a alumnado e familias o esforzo para “acudir neste curso complicado ata a Escola de música da Baña”. “Queremos darlle un impulso grande a escola”, explicou o alcalde, que se marca como  “obxectivo duplicar a vintena alumnos actuais para o vindeiro curso”, sen descartar nun futuro próximo superar as 75 matrículas que chegou a ter o centro bañense.

Antes de abandonar o auditorio, a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, entregoulles unha bolsa de lambetadas a cada neno e nena presentes no concerto co que a Escola municipal de música da Baña rematou o curso 2021-2022.

A Escola Municipal de Música da Baña conta con financiación da Deputación Provincial da Coruña. O pasado mes de abril, o BOP publicaba a resolución pola que se lle concedía ao Concello da Baña unha subvención de 10.000 euros ao aveiro da convocatoria do programa de subvención a concellos e entidades locais para o mantemento de conservatorios, escolas de música e escola de danza municipais durante o ano 2022.

20220704 Festival fin curso escola musica Bana 7

  • O alcalde, a xefa de estudos, representantes das familias e da Corporación reuníronse onte con Mobilidade e a empresa

  • Xunta e Monbus comprometéronse a solucionar todas as deficiencias e a reestruturar algunhas rutas para optimizar  recursos

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; a xefa de estudos do CPI San Vicente, representantes das familias e da Corporación municipal reuníronse onte na coruña co xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, José Antonio Álvarez Vidal; e da empresa Monbus para solicitarlle solucións as múltiples deficiencias do transporte escolar no municipio. 

Dende A Baña reclamáronlle á Xunta e a empresa que adopten as medidas necesarias para que no vindeiro curso non se volvan producir as numerosas incidencias que teñen acaecido este ano, dende que Monbus resultou adxudicataria do transporte escolar no municipio.

O alcalde e a comunidade educativa lembroulles á Xunta e empresa os constantes retrasos na recollida de alumnado, que ten chegado tarde moitos días ao colexio, e incluso houbo días que o autobús non apareceu. A falta de medidas de seguridade (como cintos), ou autobuses en mal estado foron outras da deficiencias que pasaron no curso que acaba de rematar.

Por parte do Concello asistiron á reunión o alcalde; a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, e o portavoz socialista, José Antonio Pereira.

Por parte da Xunta e da empresa comprometéronse a arranxar todas as deficiencias trasladadas e a reestruturar algunhas rutas para optimizar os recursos e que o alumnado chegue a tempo ao colexio.

20190620 Cacharela San Xoan

O Concello da Baña informa de que este ano os particulares non precisarán solicitar autorización municipal para facer as tradicionais cacharelas de San Xoán, se estas se fan en recintos privados.

Só terán que solicitar autorización aquelas asociacións veciñas ou colectivos que vaian facer as cacharelas ocupando a vía pública. Nestes casos, a pesoa responsable terá que presentar unha declaración responsable, segundo o modelo que se atopa na sede electrónica (neste enlace) e presentalo despois no rexistro do Concello ou na propia sede electrónica antes das 14 horas do xoves 23 de xuño de 2022. En caso de dúbida, poden solicitar máis información nas oficinas municipais, chamando ao teléfono 981 886 501.

O modelo de declaración responsable para presentar tamén se pode descargar no arquivo adxunto.