• A finalidade deste programa é promocionar a cultura e o folclore popular

  • As actuacións adxudicaranse por orde de entrada no rexistro

As asociacións de veciños da Baña xa poden solicitarlle ao Concello a actuación de grupos de gaiteiros para as súas celebracións. A través do programa Gaiteiros polas parroquias, o Concello financiará ata oito actuacións, que se concederán por orde de presentación no rexistro. Con esta acción a concellería de Cultura busca promocionar a cultura e o folclore popular a través das festas parroquiais.

A convocatoria está aberta ata o 15 de decembro de 2023 para todas aquelas asociacións de veciños con sede no Concello da Baña. A petición deberán presentala con quince días de antelación á celebración da festa e poderán facelo a través da solicitude xeral na sede electrónica e de forma presencial ou telemática no rexistro municipal. O Concello asignaralle a cada asociación unha única actuación ao ano.

Para as asociacións, a actuación será totalmente gratuíta. Segundo as bases deste programa, o grupo de gaiteiros tocará durante a misa, a procesión e na sesión vermú; xa que logo, o pasarrúas ou alborada contémplase como unha contratación á parte e directamente cos gaiteiros.

As bases reguladoras do programa de solicitude de Gaiteiros polas parroquias, promovido pola concellería de Cultura da Baña, poden consultarse no arquivo adxunto.

  • Actuarán tamén Axio Moura, Mekanika Rolling Band e grupos da Escola de Música e de pandereteiras e gaiteiros bañenses //

  • O actor Víctor Fábregas encargarse da lectura do pregón //

  • O programa inclúe ademais xogos populares e un espectáculo de lume //

A Baña viaxará no tempo uns cantos séculos atrás para volver á época prerromana o sábado 13 de maio, día no que celebrará no Castro a segunda edición da Festa Castrexa cun programa no que haberá moita música, xogos, espectáculo de lume e un concurso de clans no que poderán participar todos aqueles grupos que se disfracen en consonancia coa temática. O actor Víctor Fábregas, que formou parte do popular dúo Os Tonechos e percorre Galicia no programa de viaxes da TVG Sen Código Postal, será o encargado do pregón.

A II Festa Castrexa da Baña comezará pasado o mediodía coa actuación dos gaiteiros Axio Mouro, que prepararán o ambiente para a lectura do pregón. Despois da intervención de Víctor Fábregas, a música volverá ao lugar do Castro coa sesión vermú e o grupo Malvela.

Os integrantes da Escola Municipal de Música abrirán o programa vespertino, no que figuran o concurso de clans, a batalla castrexo-romana e os xogos populares, ademais das actuacións das pandereteiras e dos gaiteiros da Baña.

Un dos pratos fortes da xornada chegará xa á noitiña co concerto da cantautora de folk Sés. Despois, as persoas asistentes poderán gozar de A lenda das meigas, un espectáculo que ten como gran protagonista o lume e no que se misturan técnicas de danza con malabarismos e humor. Dende a medianoite, o desenfadado repertorio da charanga Mekanika Rolling Band despedirá a celebración para deixar un gran sabor de boca.

cartel festa castrexa

Concurso de clans

O concurso de clans está aberto a todas aquelas persoas que acudan á festa vestidas á moda castrexa e porten un estandarte en representación do seu clan. Para participar, deberán cubrir o formulario de inscrición e presentalo telematicamente na sede electrónica do Concello da Baña ou no Rexistro Xeral. A data límite é o luns 8 de maio.

Haberá tres premios para o clan mellor caracterizado (cun mesmo motivo e elaboración artesanal), para o que presente o mellor vehículo móbil (relacionado coa época, como un tear de liño, unha palloza, un carro, un útil de metalurxia...) e para a mellor teatralización (valorarase a representación dalgunha escena da cultura castrexa). Un mesmo grupo pode participar en varias categorías e os menores deberán achegar unha autorización asinada por un titor. 

As bases do concurso, o formulario de inscrición e a autorización para menores están dispoñibles nos arquivos adxuntos. 

Oito mulleres son as protagonistas deste documental que foi presentado hoxe e no que tamén interveñen as Pandeireteiras da Baña e integrantes do equipo de igualdade do CPI San Vicente

O alcalde e a concelleira de Igualdade destacaron a necesidade de seguir fomentando a igualdade real de oportunidades e resaltar o papel da muller

  

 

O Concello da Baña quere renderlle unha homenaxe ás mulleres que se animaron a emprender no rural, motivo polo que editou o vídeo A Baña, moito feito, moito por facer’, no que oito veciñas do municipio trasladan as súas experiencias, opinións e recomendacións para crear unha sociedade máis igualitaria e poñen en valor o papel da muller na sociedade en xeral, e no rural en particular. O documental foi estrado esta mañá nun acto ao que acudiron varias das protagonistas, o alcalde, Andrés García Cardeso; a concelleira de Muller e Igualdade, Lorena Trillo, representantes da Corporación municipal e veciñanza da Baña.

20230311 Banha 8M video Moito feito Moito por Facer 11

“A muller rural debería ter un papel protagonista na evolución e no cambio do rural cara adiante”. “O noso papel no rural vai seguir sendo fundamental, nas familias, nas aldeas”. “Somos a base de toda a sociedade, evitamos despoboamento, fomentamos o emprego ”. “Poder, vida, creación”. “Somos as impulsoras de moitos ámbitos da sociedade”, son algunhas das afirmacións que se poden escoitar neste documental.

Ana Riveiro, perito agrícola, especializada en explotacións agrarias; Mónica Tomé, secretaria da Asociación das Filloas da Pedra da Baña; Ana Martínez, xerente da casa rural A Ribeira do Tambre; Sonia París, xerente do supermercado Spar; Rocío Picado, xerente do fogar residencial e do centro de día do Seilán; Ana Belén Veito, experta en pedagoxías activas; Tania Rodríguez, xogadora do Amarella de fútbol sala e Mar Sueiro, directora do CPI San Vicente. No documental tamén interveñen integrantes do Equipo de Igualdade do CPI San Vicente e as Pandereteiras da Baña.

20230311 Banha 8M video Moito feito Moito por Facer 1

Despois da estrea do vídeo, as protagonistas presentes no acto participaron nunha mesa redonda a que tamén se sumaron os irmáns María e Nicolás Santiago Gómez, veciños de Ceilán e que forman parte do equipo de igualdade do colexio público da Baña, na que compartiron opinións e experiencias sobre temática de igualdade e o papel da muller no rural. “A muller ten un papel protagonista pqra que o rural medre e evitar o despoboamento”, indicou Mar Sueiro, mentres que Ana Riveiro recoñeceu que aínda que hai un “maior empoderamento da muller, debemos seguir educando en igualdade. Eu sigo detectando aspectos preocupantes na xuventude, que parece que está retrocedendo en algúns aspectos”.

Pola súa banda, Nicolás Santiago Gómez, que segue a formar parte do equipo de igualdade do CPI San Vicente aínda que está estudando Bacharelato en Negreira, animou aos homes a “formar parte do equipo de igualdade de igualdade para seguir avanzando”, dixo.

20230311 Banha 8M video Moito feito Moito por Facer 12

Para rematar o acto, o alcalde, Andrés García Cardeso, reiterou o agradecemento de todas as mulleres participantes e resaltou a importancia da edición deste vídeo, producido por A Revolta, “para seguir visibilizando o papel da muller rural”. Andrés García Cardeso coincidiu coa opinión das protagonistas ao afirmar que “onde empeza o xerme se todo e na educación xa dentro da familia. Os homes temos que involucrarnos máis pola igualdade”, asegurou.

20230311 Banha 8M video Moito feito Moito por Facer 15

  • Máis dunha vintena de municipios de Galicia e Portugal comprométense a preservar o patrimonio cultural e natural da ruta e dalo a coñecer //

  • A Baña estivo representada no encontro polo tenente de alcalde, César Ramos //

Representantes dunha vintena de municipios galegos e portugueses, entre os que se encontraba o tenente de alcalde bañense César Ramos, asinaron esta mañá en Melgaço un acordo de colaboración coa Asociación Vía Mariana Luso Galaica para promocionar e velar por esta ruta de peregrinación que, ao longo de máis de 400 quilómetros, une os antigos santuarios de devoción mariana entre as localidades de Braga e Muxía.

O acordo asinado hoxe recolle o compromiso por parte de institucións e concellos por preservar o patrimonio cultural e natural da Vía Mariana, ademais de dalo a coñecer e de coidar do seu perfecto estado. En concreto, fíxanse “a promoción e divulgación da vía con todos os seus valores ante todas as instancias posibles”; favorecer a “acollida do peregrino” con instalacións municipais, parroquiais, veciñais ou privadas; “respectar e facer respectar o patrimonio material e inmaterial” vinculado ao itinerario; e contribuír ao “mantemento físico e a sinalización da ruta” coa fin de facilitar o tránsito seguro dos camiñantes. Un dos grandes obxectivos da Asociación Vía Mariana Luso Galaica é o recoñecemento desta ruta de peregrinaxe como Itinerario Cultural Europeo.

  • Fixéronse cos primeiros premios de comparsas e carrozas, dotado cada un deles con 900 euros  //
  • A música, o deporte e o espazo inspiraron á maioría das agrupacións participantes //

As máis rutilantes estrelas do espectáculo achegáronse este sábado á Baña para participando no concurso de Entroido. Beyoncé, Michael Jackson, Madonna, John Travolta e Olivia Newton-John ou Shakira e Bizarrap deleitaron ao público congregado en San Vicenzo, onde non faltou tampouco a música e o baile! das pandeiretas bañenses.

Peta peta pandeireta w

Foron a música e as súas coreografías, o deporte e os espazo as principais temáticas de inspiración das agrupacións participantes nunha tarde chea de humor e aplaudidas representacións, que erixiron como gañadoras á comparsa 𝐒𝒖𝒑𝒆𝒓𝒃𝒐𝒘𝒍 e á carroza 𝑮𝒓𝒆𝒂𝒔𝒆. De Negreira as dúas e con moitos compoñentes da Baña, levou cada unha un premio de 900 euros.

grease1 w

Pero houbo máis premios. Vai a continuación a lista completa:
Comparsas
1. Superbowl (900 euros)
2. A Baña espacial (400 euros)
3. Os galácticos de Portomouro (150 euros)

galacticos de portomouro w

Carrozas
1. Grease (900 euros)
2. Peta, peta, pandeireta (400 euros)
3. Niqratar (150 euros)
Niqratar3 w

Grupo
1. Hago flash y aparezco a tu lado (150 euros)

hago flash y aparezco a tu lado w

Individual infantil
1. Pippi Calzaslargas (100 euros)

pippi w

Parella
1. Antón e Farruco (100 euros)
anton e farruco2 w

Formaron o xurado o alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela; a concelleira de Santa Comba Cristina Fajín e a edila de Negreira Mar García. Acompañáronos na entrega de premios o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o tenente alcalde, César Ramos; e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo.

premio9 web

A festa, que se iniciou antes do desfile coa charanga Os Celtas, continuou despois no campo da festa coa disco móbil CDC. E, para quentar o corpo, puxeron o chocolate que acompañou os churros ás rapazas e rapaces do CPI San Vicente, que continúan a recadar cartos para a excursion de fin de curso. Os máis peques puideron gozar cos inchables.