- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 865
Poderán participar persoas adultas e mozas a partir dos tres anos
As clases desenvolveranse polas tardes ao longo do curso escolar
O Concello da Baña abre o prazo de inscrición na Escola municipal de teatro para o curso 2024-2025. As clases desenvolveranse en horario de tarde coincidindo co calendario escolar e poderán participar tanto persoas mozas, a partir de 3 anos, como adultas.
A Escola municipal de teatro da Baña iniciará o curso 2024-25 neste mes de setembro coa finalidade de ofrecerlle á veciñanza a posibilidade de adquirir nocións básicas e medias de artes escénicas.
A formación está dirixida a toda a poboación, dende os 3 anos, e se fixarán grupos e horarios unha vez formalizadas as inscricións. O curso terá unha duración de dez meses, en paralelo ao calendario escolar no que atinxe a vacacións e festivos.
O prazo para anotarse é de dez días hábiles a partir do 12 de setembro. Aquelas solicitudes que se presenten fóra de prazo pasarán a unha listaxe de agarda, coa que se cubrirán as posibles vacantes por orde de presentación.
Os prezos determinaranse de forma exacta no momento da aprobación da listaxe provisional de solicitantes admitidos e os pagamentos faranse de xeito trimestral: un primeiro cargo realizarase transcorridos os primeiros tres meses de curso, outro cando pasen os tres meses seguintes e o último aboarase a final de curso e corresponderase cos catro últimos meses.
As bases e o formulario de solicitude, xunto á orde de domiciliación de recibos e ás autorizacións de imaxe, poden descargarse no arquivo adxunto. A matrícula tamén se pode cubrir en liña dende a sede electrónica do Concello da Baña (neste enlace)
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1116
-
A participación está aberta a toda a cidadanía, a partir dos 3 anos
-
Ofértanse vento madeira, vento metal, batería e percusión, guitarra e canto, ademais de solfexo como complementario a todas as demais
-
O prazo para anotarse é de dez días hábiles e requírese un mínimo de cinco alumnos para impartir a maioría dos instrumentos
O Concello da Baña abre mañá , mércores 11 de setembro, o prazo de matrícula para todas aquelas persoas que desexen formarse na Escola Municipal de Música Emilio Andújar durante o curso 2024-2025. O servizo vai dirixido á poboación en xeral a partir dos 3 anos de idade, se ben hai prioridade para as persoas empadroadas na Baña. As clases desenvolveranse en horario de tarde, coincidindo co calendario escolar anual.
A Escola Municipal de Música Emilio Andújar oferta para o curso 2024-2025 as modalidades de vento madeira, vento metal, batería e percusión, guitarra e canto. A estas materias hai que sumarlle solfexo, especialidade que está incluída e que é complementaria a calquera das anteriores. As especialidades que se impartirán este curso, ademais de solfexo, son: percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra, acordeón e canto.
Nas bases reguladoras do servizo, publicadas na sede electrónica do Concello, establécese un número mínimo de cinco alumnos inscritos en cada especialidade para que esta poida ser impartida (agás en piano, acordeón e solfexo, que se darán con independencia do número de alumnos apuntados).
O prazo de inscrición é de 10 días hábiles a contar desde o 11 de setembro. No caso de quedar prazas vacantes, poderase solicitar a alta con posterioridade a estas datas nas especialidades abertas. Aquelas especialidades que no momento da aprobación da lista definitiva de admitidos non reúnan o número mínimo de 5 persoas inscritas non serán obxecto de admisión de solicitudes fóra de prazo. As solicitudes de menores de idade deben de ir asinadas polo pai, nai, titor ou representante legal.
Para inscribirse é preciso presentar a seguinte documentación:
- Ficha de inscrición
- Impreso cuberto da orde de domiciliación de recibos
- Autorización de captación de imaxe e son
- Autorización para usar o número de teléfono
- Copia do documento de identidade da persoa usuaria
- Copia do documento de identidade da persoa titular da conta
- De ser o caso, informe médico que acredite calquera tipo de tratamento especial
Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a lista provisional de persoas admitidas e darase un prazo de 10 días para presentar alegacións. Os horarios das distintas especialidades seranlles comunicados polos mestres das mesmas ás persoas usuarias e ás familias unha vez realizadas as inscricións e publicada a lista definitiva de admitidos. O formulario de inscrición, cos anexos, pode descargarse nos documentos adxuntos, así como as bases reguladoras da Escola Municipal de Música da Baña.
Podes facer a matrícula en liña dende a Sede Electrónica da Baña (neste enlace).
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 975
9 de agosto de 2024
Faise pública a listaxe definitiva de rapazas e rapaces admitidos no campamento de verán de conciliación organizado polo Concello da Baña, que se desenvolverá en Forcarei do 26 de agosto ao 4 de setembro. Ábrese agora un prazo de 7 días naturais para efectuar o pagamento de acordo coas cotas establecidas nas bases.
A listaxe e as cotas poden consultarse en documento adxunto ou premendo nesta ligazón.
Esta actividade está financiada con cargo aos fondos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, no marco do Plan Corresponsables para o exercicio 2024.
5 de agosto de 2024
Faise pública a listaxe provisional de rapazas e rapaces admitidos no campamento de verán de conciliación organizado polo Concello da Baña, que se desenvolverá en Forcarei do 26 de agosto ao 4 de setembro. Ábrese agora un prazo de 7 días naturais para efectuar o pagamento de acordo coas cotas establecidas nas bases, e que se detallan no documento segundo participante.
A listaxe e as cotas poden consultarse en documento adxunto ou premendo nesta ligazón.
29 de xullo de 2024
O Concello da Baña organiza un campamento de dez días en Forcarei para menores de entre 8 e 16 anos
-
Desenvolverase no campamento xuvenil Pontemaril entre o 26 de agosto e o 4 de setembro
-
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres 2 de agosto
O Concello da Baña organiza un campamento en Forcarei do 26 de agosto ao 4 de setembro para menores de entre 8 e 16 anos. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres 2 de agosto.
Coa finalidade de facilitar a conciliación familiar e laboral durante as vacacións escolares e ofrecerlle alternativas de lecer á rapazada, o Concello da Baña promove un campamento de dez días de duración na localidade pontevedresa de Forcarei. Este campamento levarase a cabo dende o luns 26 de agosto ata o mércores 4 de setembro e poderán participar no mesmo rapazas e rapaces de entre 8 e 16 anos.
O campamento terá un prezo xeral de 140 euros. No caso de irmáns, o segundo pagará 105 euros o terceiro 70 euros. As familias con rendas inferiores a dúas veces o IPREM contarán con bonificacións e pagarán 40 euros por un fillo, 30 euros polo segundo e 25 polo terceiro.
O prezo inclúe aloxamento no campamento xuvenil Pontemaril de Forcarei, manutención e actividades. A rapazada estará en todo momento baixo a supervisión de monitores. Os traslados de inicio e final do campamento correrán por conta dos participantes.
As solicitudes formalizaranse coa presentación no rexistro da Baña, preferiblemente por sede electrónica. A solicitude incluirá a ficha de inscrición debidamente cuberta, así como os anexos médico e de autorización de imaxes. Estes documentos acompañaranse do DNI do menor ou do Libro de Familia, así como da tarxeta sanitaria.
Terán preferencia as nenas e nenos de familias empadroadas na Baña e os menores que sexan fillos de persoal municipal.
Pode solicitarse máis información no departamento municipal de Cultura chamando ao teléfono do Concello da Baña 981 886 501.
As bases, a ficha de inscrición e os anexos poden descargarse no documento adxunto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 1190
O acto celebrouse este sábado na ESMU Emilio Andújar e contou coa presenza de numerosos veciños e veciñas, autoridades locais e antigos membros da agrupación ||
“A Banda de Música Infantil da Baña foi unha escola de vida para moitos nenos e nenas”, dixo a autora Beatriz Cancela ||
“Neste proxecto amateur resultaron cruciais a implicación do colexio e do Concello da Baña e a dos seus directores, Emilio Andújar e Mario Martínez”, resaltou a autora ||
A concelleira Mónica González destacou a “disposición e implicación das familias e dos nenos e nenas que formaron parte da banda" ||

O eco das notas musicais que un día enchían as rúas da Baña volveu soar este sábado, 7 de setembro, coa presentación do libro A banda de música infantil da Baña 1982-2007 a cargo da súa autora, Beatriz Cancela. O acto, que tivo lugar na Escola Municipal de Música Emilio Andújar, congregou a numerosos veciños, veciñas e autoridades locais, entre elas o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, Mónica González.
Escrita pola recoñecida musicóloga Beatriz Cancela Montes, a obra revive os 25 anos de traxectoria dunha agrupación que marcou unha época na vida cultural do municipio, sendo esencial na formación musical de moitos mozos e mozas entre 1982 e 2007. Durante a súa intervención, Cancela, quen tamén foi alumna da banda, fixo un percorrido polas etapas máis destacadas da agrupación, resaltando o legado que deixou na comunidade e a súa contribución á educación musical de ducias de nenos e nenas da Baña.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, sinalou durante o acto que "a Banda Infantil non só foi un proxecto musical, senón un proxecto de futuro para moitos mozos e mozas do noso concello". Pola súa banda, a concelleira Mónica González, destacou "o papel esencial que tivo esta banda para manter viva a tradición musical na Baña e para ofrecerlles novas oportunidades educativas á mocidade". González Blanco resaltou que “ademais das institucións, na historia da Banda Infantil da Baña hai que loar a disposición e implicación das familias do alumnado da banda”.
Na presentación, organizada pola Concellería de Acción social, cultural e servizos a cidadanía, participaron, ademais da propia autora, Antonio Casal Andújar (neto no promotor da banda, Emilio Andújar); Mario Martínez, ex alumno e segundo director da Banda Infantil da Baña; o ex alcalde Francisco Villaverde, e a directora do CPI San Vicente, Mar Sueiro. A propia Mar Sueiro lanzoulles un reto as persoas asistentes que formaron parte da Banda Infantil da Baña: organizar unha xuntanza de ex integrantes da banda “que se podería celebrar o vindeiro 11 de maio no colexio da Baña, onde naceu a agrupación o 12 de maio de 1982”.
Beatriz Cancela, destacada musicóloga santiaguesa, que en 2009 recibiu o I Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán, expresou o seu agradecemento por formar parte deste proxecto e destacou a figura de Emilio Andújar, fundador da banda e da escola de música, cuxo nome levan agora as escolas vellas desde 2022. Andújar foi lembrado con cariño durante a presentación como o home que, co seu esforzo, abriulles as portas do mundo da música a unha nova xeración de rapaces e rapazas.
Beatriz Cancela destacou que es libro é “unha homenaxe a unha agrupación amateur. A Banda Infantil da Baña foi unha proposta na que resultaron cruciais a intervención de varios actores: o colexio e o Concello da Baña, Emilio Andújar, fundador e director dende 1982 ata 1993, e Mario Martínez”, que dirixiu a banda dende 1994 ata 2007.
“Este libro recolle unha dobre motivación”, indicou a autora. Por unha banda, está a experiencia vital, xa que Beatriz Cancela foi integrante da banda dende pequena durante 15 anos e, por outra, a labor investigadora e estudosa da música. “Esta banda é popular e puiden acceder aos datos, xa que toda a actividade da banda quedou rexistrada: as saídas, as actuacións e a súa traxectoria”, sinala
A xornada foi tamén unha oportunidade para o reencontro de antigos músicos e músicas, que compartiron lembranzas e anécdotas sobre os seus anos na Banda Infantil da Baña. Moitos destacaron como a agrupación lles permitiu acceder á música, viaxar e vivir experiencias que marcaron as súas vidas, en especial para a mocidade do rural bañense dos anos 80 e 90. O acto serviu para poñer en valor o impacto desta banda na comunidade e o legado de Emilio Andújar, quen traballou para facer da música un patrimonio vivo da Baña. “Andújar nunca se desvinculou da Banda Infantil e os pais fixeron unha grande labor”, concluíu Beatriz Cancela.
Ao rematar a presentación, regalóuselle un libro a cada unha das persoas que formaron parte da Banda Infantil da Baña, xunto cunha tarxeta personalizada. Mónica González agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña, que imprimiu o libro.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 710
O Día da Patria Galega, ou Día Nacional de Galicia, lévase celebrando dende o seu establecemento como día nacional en 1919 por parte das Irmandades da Fala.
Na Baña, a través dos fondos conservados no arquivo municipal, sábese que se conmemorou, xunto coa bandeira e o himno, en actos de afirmación galeguista na parroquia de Ordoeste nos anos trinta do século XX.
O 25 de xullo de 1948, exiliado na Arxentina, Daniel R. Castelao pronunciou o discurso Alba de Gloria no Teatro Arxentino, como colofón das Xornadas Galegas que organizara o Centro Galego de Bos Aires, causando un forte impacto na audiencia.
A recreación do discurso foi producida para a exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia", inaugurada na igrexa de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) o 7 de novembro de 2018. Nela, tentouse reproducir o ambiente da primeira lectura de Alba de Gloria e a emoción das súas palabras. Poñédevos cómodos e gozade dunha das mellores pezas de oratoria en lingua galega.
Alba de gloria, discurso de Castelao



