O Concello da Baña dirixiu o pasado luns un escrito ás consellerías de Educación e de Mobilidade para que se solucione inmediatamente o recorrente problema do transporte escolar ao CPI San Vicente. Despois de semanas acumulando queixas, na mañá do pasado luns o autobús que traslada ao alumnado non se presentou ao servizo, obrigando aos usuarios e usuarias a desprazarse por medios particulares.

O luns 16 de maio, o autobús que traslada a parte do alumnado ao CPI San Vicente non apareceu á hora fixada e deixou sen transporte aos nenos e nenas que dependen deste servizo para acudir ás clases. Inmediatamente despois de coñecer esta situación, o Concello da Baña tentou sen éxito recoller información telefónica sobre o sucedido por parte da empresa adxudicataria, Monbus. Ao non conseguir comunicarse deste xeito, o alcalde, José Andrés García Cardeso, dirixiu un escrito tanto á Consellería de Educación como á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta para pedir explicacións sobre unha ausencia que obrigou a que moitas familias tivesen que desprazarse para levar aos estudantes ao centro, co conseguinte trastorno na conciliación.

A xuízo do Concello, é inxustificable tanto o abandono do servizo por parte da empresa como a falta de explicacións en tempo e forma. García Cardeso recorda que Monbus acumula queixas nos últimos meses debido a retrasos recorrentes, que impiden ao alumnado asistir con normalidade ás clases das primeiras horas. Tamén se reportou a utilización de autobuses vellos e en mal estado, con deficiencias de seguridade e mesmo goteiras.

A través do escrito dirixido a Educación e a Mobilidade, o Concello insta á Xunta a tomar cartas no asunto e a actuar con decisión para que estas situacións non se volvan repetir. O alcalde recorda que este servizo está suxeito a un contrato de concesión administrativa que, con faltas coma a vivida o pasado luns, non se está a cumprir.

  • O nomeamento aprobarase en pleno extraordinario o sábado 14 de maio

  • A colocación dunha placa conmemorativa na casa da cultura, un xantar de irmandade e unha presentación literaria completan a xornada

20220509 Avelino Pousa Antelo na Bana

O pleno do Concello da Baña nomeará a Avelino Pousa Antelo fillo predilecto nun acto que se celebrará o próximo sábado, 14 de maio. O intelectual, escritor e mestre recibirá deste xeito unha merecida homenaxe póstuma da veciñanza do lugar que o veu nacer hai 108 anos, un recoñecemento que se prolongará coa colocación dunha placa conmemorativa na casa da cultura, cun xantar de irmandade e cunha presentación literaria.

Pousa Antelo (A Baña, 1914 - Teo 2012) foi un dos intelectuais máis activos na Galicia do século XX. O seu traballo como mestre e como dinamizador do rural loce a carón da súa talla intelectual e do seu labor en favor da cultura galega. A Baña quere honrar o seu percorrido vital co nomeamento de fillo predilecto, por acordo plenario o próximo sábado 14 ás doce da mañá.

Despois da cerimonia no salón de plenos, na casa da cultura descubrirase unha placa conmemorativa dedicada a Pousa Antelo. Intervirán no acto Quico Domínguez (representante da Fundación Penzol); Miguel Anxo Seixas Seoane (Fundación Castelao); Xosé R. Fandiño (Fundación Padroado Pedrón de Ouro); Amancio Liñares (historiador e escritor, autor de traballos e libros sobre a figura do homenaxeado); César Ramos (concelleiro da Baña); un representante do Concello de Teo, no que Pousa Antelo viviu os seus últimos anos; o cantor Xosé Luís Rivas 'Mini'; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Carme Varela, filóloga e escritora; e un familiar do celebrado intelectual. O músico Emilio Lois acompañará o acto coas súas pezas e interpretará o himno galego.

Para despois deste acto está prevista a celebración dun xantar de irmandade. Xa pola tarde, a escola vella de Barcala acollerá a presentación do libro As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega (Ed. Valentín Arias / Amancio Liñares), na que se recollen as súas intervencións nas ondas. Participará o alcalde da Baña Andrés García; o portavoz socialista e exalcalde José Antonio Pereira; Ángeles e Nora Pousa, fillas do homenaxeado; familiares de Valentín Arias; o poeta Xoán Xosé Fernández Abella e o editor Amancio Liñares. 

 

O Concello da Baña decidiu suspender durante uns días a actividade no Punto de Atención á Infancia (PAI) despois de que se confirmaran que varias persoas (menores e monitoras) deron positivo en COVID-19 e hai máis con síntomas compatibles.
Ante esta situación, o Concello prefire extremar as medidas de precaución e pechar as instalacións durante uns días.
 
20220504 PAI Bana copia

20220505 Homenaxe Jose Manuel Pose Antelo web

20220505 Homenaxe Jose Manuel Pose Antelo5O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, presidiron onte, xoves 5 de maio, a homenaxe que o Concello da Baña lle rendeu ao profesor José Manuel Pose Antelo, un dos primeiros bañenses que chegou ao doutoramento e a converterse en profesor da universidade. No acto organizado polo Concello da Baña participaron tamén Amancio Liñares (catedrático de Xeografía e Historia en Secundaria e ex alumno de Pose) e Jesús Balboa (doutor de Historia na USC).

Á homenaxe celebrada na casa da cultura asistiron familiares do finado, representantes do Colexio Peleteiro (onde deu clases), colegas de profesión, compañeiros da Asociación cultural Eiroa, membros da Corporación e veciños e veciñas da Baña.

Neste emotivo acto para honrar a memoria do profesor Pose Antelo ao que asistiron máis de medio cento de persoas, leuse unha carta da compañeira de profesión Herminia Pernas, que non puido desprazarse ata A Baña.

Ao rematar, descubriuse un busto que foi doado pola familia en recordo de Pose Antelo e que se pode ver no acceso ao salón de actos da casa de cultura.

20220420 Encontro europeo Hungria web

WhatsApp Image 2022 04 20 at 11.50.46 AM

A concelleira de Cultura da Baña, Lorena Trillo, está a participar en Hungría nun encontro de traballo do proxecto europeo da Rede de Cidades. A xuntanza, impulsada polo programa Europa para a Cidadanía, reúne a representantes de trece países.

Trillo López resaltou a importancia deste tipo de encontros que "favorecen o intercambio de ideas e proxectos entre cidadáns de diferentes países para construír un futuro mellor". A concelleira bañesa pronunciou unha conferencia sobre a paz en Europa, na que falou do proceso de integración, dos tratados e da ampliación da Unión Europea.

Así mesmo, Lorena Trillo reuniuse con alcaldes e representantes de sete municipios europeos: Rait Pihelgas, deputado director da Asociacion de Cidades e Municipios de Estonia; Filippo Currenti, alcalde de Gallodoro en Italia; Mutide Priede, secretaria xeral da Asociación de Gobernos Locais de Letonia; Roberto Schilirò, presidente do consello da Unión dos municipios da área de Naxos e Taormina (Italia); Bazan Tibor, alcalde de Hévízgyörk (Hungría); John Boxall, alcalde de Vittoriosa (Malta) e Georgi Yordanov Georgiev, alcalde de Lukovit (Bulgaria).

O encontro de tres días de duración, que finaliza mañá xoves 21 de abril, serviu tamén para coñecer os costumes e tradicións de Hungría e visitar algúns dos lugares máis emblemáticos de Hévízgyörk.