O concurso de Entroido organizado polo Concello da Baña reuniu o Sábado de Piñata na Praza do Concello, en San Vicenzo, a multitude de persoas. A vistosa comparsa dos Xigantes venecianos foi a gañadora en dúas categorías, comparsa e carroza, mentres que os galardóns individuais recaeron na Pequena domadora e o leonciño, en infantil, e no Carro romano, en adulto. En total, o Concello da Baña repartiu preto de 1.700 euros en premios.
O desfile concentrouse nas rúas Xacinto Rodríguez, Praza do Concello e rúa Tedelle. Xa no polideportivo, houbo animación para os máis pequenos mentres o público agardaba polo veredicto do xurado, que lle outorgou o galardón principal das categorías de comparsa e carroza a Os xigantes venecianos. Os segundos clasificados na modalidade de comparsas foron Os habitantes das fragas, mentres que Os robotitos acadaron a terceira posición, e Os xubilados pola Baña foron cuartos. Na categoría de carrozas, A Baña en obrasquedou en segundo lugar, seguidos por Canta Landeira e Os esquimós. Finalmente, os premiados polo mellor disfrace individual foron A Pequena domadora e o leonciño, en infantil, e O carro romano, en adulto.
Podes ver unha ampla selección de fotos do desfile na páxina oficial do Concello da Baña en Facebook (preme aquí)