• O alcalde afirma que “utilizaremos todas as armas ao noso alcance” para que non se instalen máis parques eólicos

  • As asociacións veciñais O Outeiro e A Fonte Seca piden a moratoria na tramitación de todos os proxectos ata que se adapte a lei a situación actual

  • “Deixannos sen futuro e sen auga” aseguran Carme Varela e Cándido Iglesias

  • O xoves haberá un pleno extraordinaria ás 20.00 horas

 

20220627 Bana rexeita parques eolicos Fonte Seca O Outeiro 9

O alcalde da Baña e representantes das asociacións veciñais O Outeiro, de San Mamede de Monte, e A Fonte Seca solicitáronlle  esta tarde a Xunta de Galicia que paralice a tramitación do parque eólico de Troitomil e dos demais parques que se queren implantar na comarca “ata que se adapte a lei a situación actual”. Nunha rolda de prensa ante varias ducias de veciños e veciñas, Andrés García Cardeso, Carme Varela e Cándido Iglesias pediron poñer fin “ao asedio e ao expolio eólico” que está a sufrir o municipio. “Utilizaremos todas as ferramentas que temos ao noso alcalce”, afirmou o alcalde. 

O Concello da Baña pon a disposición da veciñanza a un equipo técnico para axudarlle a presentar alegacións contra a declaración de utilidade pública do parque de Troitomil (o anuncio foi publicado no DOG o día 16). O vindeiro xoves celebrarase un pleno extraordinario no que a Corporación volverá reclamar de novo a paralización de todos os proxectos de parques eólicos. A sesión comezará ás 20.00 horas.

20220627 Bana rexeita parques eolicos Fonte Seca O Outeiro 3

Carme Varela, da Asociación Veciñal O Outeiro, asegurou que os seis parques eólicos que se están a tramitar na Baña (300 en Galicia) “deixannos sen futuro e anulan totalmente o PXOM”, e pediu unha moratoria na tramitación de todos os proxectos “ata que se modifique a lei para adaptala a situación actual. Antes os muíños tiñan 70 metros de alto, e agora 200”, asegurou.

No mesmo sentido se pronunciou o vicepresidente da Asociación A Fonte Seca, Cándido Iglesias, quen asegurou que o parque eólico de Troitomil é “a base dunha pirámide” doutros moitos parques que van ocupar case todo o territorio. “Vannos deixar sen auga”, asegurou, e pediulle ao Concello que se persone contra a tramitación destes miniparques e, incluso, que presente un contencioso.

O alcalde, Andrés García Cardeso, coincidiu cos representantes veciñais ao asegurar que se están tramitando como individuais parques eólicos que, en conxunto, conforman un gran complexo que ocupará gran parte do municipio. O alcalde leu unha carta que lle vai remitir á veciñanza e que recolle as actuacións que vai emprender o Concello. “Pedimos que se tramiten os proxectos completos, e non partilos en pequenos parques”, dixo, antes de anunciarlle a toda a veciñanza que o Concello porá a un equipo técnico ata o 1 de agosto a disposición das persoas interesadas para que poidan presentar as alegacións que estimen necesarias contra o parque eólico de Toitomil.

A continuación reproducimos íntegra a carta que lle vai enviar o alcalde á veciñanza (pactada coas dúas asociacións) e que consta de doce puntos:

20220627 Bana rexeita parques eolicos Fonte Seca O Outeiro 1

O pasado 16 de xuño de 2022, saíu publicado no Diario Oficial de Galicia e en La Voz de Galicia a información pública da declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil polo que lle queremos transmitir a nosa preocupación así como o rexeitamento público e total á implantación e tramitación de todos os parques eólicos iniciados.

Por todo isto, temos previsto:

  1. Demandar formalmente a paralización do proceso de declaración de interese público do parque mentres a Consellería de Industria non dea contestacións ás anteriores alegacións e ás seguintes solicitudes presentadas e pendentes de aceptar. Pediremos tamén amparo á Valedora do Pobo.
  2. Solicitar unha reunión informativa, aberta á cidadanía, na que sexa o secretario do Concello o que nos informe dos pasos dados e do percorrido que temos por diante. É importante que sexa un técnico.
  3. Presentar unha demanda de paralización da declaración de utilidade pública pola alteración significativa sobre o PXOM, xa que de facto é unha alteración total sobre boa parte dos terreos e das construcións xa existentes.
  4. Enviar o Concello unha solicitude de alegacións ás expropiacións da rede viaria.
  5. Mandar unha solicitude de traslado á Deputación da Coruña para que faga o mesmo.
  6. Profundar na alegación contra a partición dos parques. Hai novas sentenzas e hai que insistir en que non ter en conta que esas sentenzas sentan xurisprudencia, podería xerar demandas contra o funcionariado que as asinen.
  7. Incidir en que a totalidade das infraestruturas do parque, incluídas as de evacuación da enerxía xerada, deberán estar incluídas para a súa consulta pública e avaliación global no presente documento de inicio e non noutros proxectos independentes que lle impiden á cidadanía a avaliación dos impactos ambientais globais do conxunto das infraestruturas do proxecto industrial.
  8. Solicitarlle a Medio Rural documentación que acredite todos os incendios habidos nese monte durante os últimos 35 anos.
  9. Insistir en que o Concello non ten capacidade para abastecer de auga potable a poboación afectada e, polo tanto, tratándose dun ben básico, faise inviable a declaración de utilidade pública xa que hai risco severo de que as obras afecten os mananciais, o que supón unha afección moi severa e prexuízos significativos para os recursos hídricos e a vulneración flagrante da Directiva marco da auga (DMA). 

Ademais non existe un estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas e a non afección dos acuíferos. A mercantil promotora obvia as captacións de auga para o uso humano e agrogandeiro e os mananciais e fontes que hai na poligonal do parque eólico e no traxecto da liña de evacuación.

  1. Insistir en que hai unha forte alteración social e que polo tanto se demanda a paralización desta declaración de utilidade pública.
  2. Solicitar unha reunión no Parlamento de Galicia co vicepresidente e co conselleiro de Industria, Francisco Conde para que o grupo de goberno vaia da man dos colectivos veciñais e trasladarlle a repulsa ao proxecto eólico de Troitomil.
  3. Solicitar unha reunión con Valentín Formoso, presidente da Deputación, para que presente alegacións pola estrada O Seilán-Lañas e para que lle  mostre o seu apoio ao Concello da Baña.

Co fin de colaborar coas persoas afectadas, o Concello da Baña ponse ao servizo da veciñanza, ata o 1 de agosto, para axudar a tramitar os escritos de alegacións coa finalidade de paralizar a implantación deste parque eólico de Troitomil nesta información pública e nos demais de Barrosino e Vilartoxo.