-
Os achegas diríxense á incorporación de traballadores por conta allea, á formación e ao emprego con apoio
-
Incentívase a ocupación de mozos, mulleres, desempregados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión
-
Inclúense as contratacións formalizadas entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021
Dende mañá, 27 de xullo, e ata o 30 de setembro, estará aberto o prazo para que as empresas poidan solicitar os incentivos do Plan Galicia emprega destinadas á contratación por conta allea, á formación e ao emprego con apoio. As bases reguladoras polas cales se rexerán as axudas que favorezan a inserción laboral de persoas desempregadas na empresa ordinaria publícanse hoxe no Diario Oficial de Galicia.
As achegas do Plan Galicia emprega desenvólvense ao abeiro de dous programas diferentes. O primeiro deles, centrado na contratación por conta allea e a formación, inclúe catro tipos de axudas:
- Incentivos á contratación indefinida inicial. Para a incorporación de persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou risco de exclusión social.
- Incentivos á contratación temporal. Para a incorporación de persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou risco de exclusión social.
- Incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos. Só no caso de persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.
- Incentivos á formación. Dirixidos ás persoas que, grazas a esta convocatoria, foron contratadas de xeito indefinido dende o inicio ou de forma temporal.
O segundo dos programas é o de emprego con apoio, polo que preparadores laborais especializados desenvolven no posto de traballo un conxunto de actividades destinadas a orientar e acompañar as persoas traballadoras con discapacidade ou en risco de exclusion.
As solicitudes deberán presentarse ata o 30 de setembro por medios telemáticos na sede electrónica da Xunta cunha petición diferente por cada un dos dous programas. Poderán beneficiarse das achegas aquelas empresas ordinarias que fixesen contratacións entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.
As empresas interesadas poden solicitar máis información na Axencia de Desenvolmento Local do Concello da Baña.