- uníronse con Alberto Varela en Santiago na busca de apoios para evitar o peche de oficinas nos tres municipios
- Os rexedores insistiron na necesidade de evitar “a toda costa” estes peches “inxustos”
O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, comprometeuse esta mañá en Santiago nunha reunión coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, a impulsar unha enquisa entre os concellos para analizar como lles está afectando a concentración de oficinas bancarias logo de constatar que están abandonando maioritariamente os núcleos rurais deixando sen servizo á súa poboación.
A reunión tivo lugar na sede da Fegamp e nela tamén participou o tenente de alcaldesa de Vimianzo, Víctor Muíño. Respondeu a unha solicitude dos propios rexedores co obxectivo de buscar apoio para evitar o peche das oficinas de Abanca en Zas, Baíñas (Vimianzo) e A Baña, peche que vai prexudicar moitas veciñas e veciños do rural dos tres municipios.
Entenden o peche, previsto para o 8 de setembro e que afecta directamente a unhas 10.000 persoas, como un total abandono do rural por parte dunha entidade que se debe, en gran medida, a esta poboación, xa que está fundada en Galicia e o territorio está conformado caracteristicamente de xeito disperso abondando precisamente os núcleos rurais.
É por iso que os alcaldes consideran “unha contrariedade” ir en contra do propio espírito do que sempre presumiu Abanca de estar ao carón das persoas cando van deixar abandonados e abandonadas a moitas veciñas e veciños que “levan toda a vida confiando a súa economía á entidade”, apuntan.
Alberto Varela, presidente da Fegamp, compartiu cos rexedores a constación por parte da federación dun aumento da inquedanza entre os concellos nos últimos meses ante unha política financieira de peches e recortes horarios que provoca dificultades na veciñanza para acceder a un servizo esencial, ademais de influír negativamente no futuro das localidaes. Compromteuse, xa que logo, a facer un mapa da situación actual e unha retrospectiva do último ano, “xa que nos últimos meses os avisos de peche estanse a intensificar e producir de forma súbita sen ningún tipo de consenso cos consistorios”.
Oficina rendible
Ao remate da reunión, o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, destacou que desta reunión saíse a iniciativa conxunta de enviar un comunicado a todos os concellos de Galicia para coñecer con exactitude cantas sucursais pecharon e cantos municipios e veciños se viron prexudicados: "Desde hai un ano, o número de localidades afectadas por estes peches non para de aumentar. É inadmisible que cada día se deixe o rural con menos servizos mentres se venden iniciativas para a súa revitalización". O caso da Baña é, ao seu xuízo, "inxustificable. Cónstanos que a oficina é rendible para Abanca. Hai uns oito meses tivo unha remodelación, o local físico é propiedade do banco e o persoal vai ser trasladado ao concello limítrofe. Todo isto desconcértanos, non ten ningún sentido”.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo remarcar “que non é unha problemática exclusiva aos nosos municipios, senón que afecta a toda a comunidade galega. Son moitas as persoas afectadas e non podemos permitir que a situación siga adiante. Temos que conxuntarnos para reverter a situación”, declarou.
Pola súa banda, Manuel Muíño, alcalde de Zas, sinalou que unha vez que saibamos cantos concellos hai afectados por estes peches coñeceremos a magnitude deste problema que afecta a toda Galicia. “Hai miles de galegos e galegas afectadas por esta folla de ruta que seguro que non se detén aquí, senón que entre os plans de Abanca está seguir pechando entidades e diminuir así os servizos que se lle prestan á veciñanza”, indicou Muíño.