Os núcleos bañeses de Lañas e Nantón poderán contar con banda larga de internet, cunha velocidade simétrica de 100 megas antes de 2020 grazas ao Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia, que quere levar a núcleos de menos de 300 habitantes conexión axeitadas ao século XXI.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, comunicoulle esta mañá a boa nova ao alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, a quen lle solicitou colaboración para poder levar a cabo as obras necesarias. O rexedor recorda que dende o concello veñen insistindo e facendo xestións para que “todos os núcleos do municipio poidan contar cunha conexión a internet axeitada aos tempos nos que vivimos”. Cardeso recorda que a cobertura no municipio da Baña ten moitas carencias, especialmente en Lañas e Nantón, “por eso entendo que dende a Xunta queren empezar por estas dúas zonas a mellorar a cobertura de internet”, aclara.
Na carta que remitiu hoxe ao Concello da Baña, Mar Pereira recorda que entre 2018 e 2020 a empresa Telefónica de España SA, como beneficiaria dunha subvención da Xunta de Galicia de 14,2 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), despregará redes ultrarrápidas en núcleos de toda Galicia, que posibilitarán servizos de acceso a Internet de máis de 100 megas simétricos mediante fibra óptica. No caso da Baña, os primeiros núcleos beneficiados serán os de Lañas e Nantón.
O pasado 22 de marzo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou despois do Consello da Xunta que o Plan de Banda Larga facilitará o acceso a internet de 100 megas a máis de 74.000 galegos que viven en 181 concellos. Feijóo sinalou entón que esta iniciativa da Xunta de Galicia para garantir á rede en núcleos de menos de 300 habitantes compleméntase coa que ten en marcha o Goberno de España, centrada en núcleos de maior tamaño e coa que se mobilizarán 21 millóns para dotar de conexión de fibra óptica a 258.000 galegos máis.