• Contará con catro modalidades: dúas probas competitivas de 26 e 16 quilómetros respectivamente, unha andaina e un pequetrail

  • Haberá trofeos para os homes e mulleres mellor clasificados en tres categorías e camisetas e agasallos para todos os participantes

  • O prazo para inscribirse, en liña na páxina www.galitiming.com, remata o martes 27 de setembro

As atletas bañenses Rosalía Moraig e Aitana Capeáns presentaron hoxe, na compaña do seu adestrador no Club Atletismo Negreira, José Manuel García Estévez, unha nova edición do Trail da Baña, que se desenvolverá o domingo 2 de outubro. A presentación desenvolveuse na Praza do Concello, punto de saída e meta da proba, que contará con dous itinerarios competitivos, unha andaina e un trail para a cativada. O prazo de inscricións remata o vindeiro martes, 27 de setembro.

Organizado polo Concello da Baña en colaboración co club Seixos das sendas enxebres e a asociación A Baña Emprende, o Trail foi presentado a primeira hora da tarde en San Vicenzo coa asistencia do alcalde, Andrés García Cardeso, e o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción de Vida Activa e Deporte, César Ramos. A marchadora Alba Pérez, campiona galega de 5.000 metros desculpou a súa ausencia por coincidirlle a presentación coas clases na facultade, pero si confirmou que tomará a saída no Trail, onde exercerá como madriña xunto ás súas compañeiras, a tamén marchadora Rosalía Moraig e a lanzadora de peso Aitana Capeáns, e o seu adestrador.

20220922 presentacion trail baña salon plenos web

O Trail da Baña iniciarase ás 9.45 horas coas dúas probas competitivas: un trail de 26 quilómetros, cun desnivel aproximado de 780 metros, e un minitrail de 16 Km. e un desnivel de 500 metros. En cada unha das modalidades, haberá trofeos para as tres primeiras e os tres primeiros clasificados en tres categorías: maiores de 18 anos, de 40 anos en adiante e de 55 anos en adiante.

Quince minutos máis tarde da saída do trail, ás dez, comezarán a andaina e o pequetrail. A andaina terá un percorrido aproximado de 16 quilómetros, mentres que o pequetrail se correrá sobre un circuíto circular de ao redor de un quilómetro no que nenas e nenos cubrirán distintas distancias segundo a súa idade. Os máis pequenos poderán ir na compaña dunha persoa adulta.

As probas de trail e a andaina contará con tres puntos de avituallamento de sólidos e líquidos durante o percorrido. O pequetrail ofrecerá abastecemento na saída e na meta. As inscricións, que teñen que realizarse en liña na páxina www.galitiming.com, teñen un prezo de 15 euros para a modalidade de trail, 12€ para o minitrail, 10€ para a andaina e 5€ para o pequetrail. O prazo para anotarse remata este martes 27 de setembro.

Todas as persoas participantes no Trail da Baña, en calquera das súas catro modalidades, recibirán de agasallo unha camiseta técnica e serán obsequiadas na liña de meta cun detalliño natural e ecolóxico para promocionar a sustentabilidade e a conciencia ambiental por mor da colaboración entre o Concello da Baña e Inés Castro Floristas, de Santa Comba. As cativas e cativos que corran o Pequetrail levarán tamén cadansúa medalla.

Hábitos saudables e paraxes naturais

César Ramos, concelleiro de Promoción de Vida Activa e Deporte da Baña, agradeceulles ás atletas bañenses a súa implicación no Trail. “É un orgullo contar con estas deportistas que tan bos resultados están acadando grazas ao labor tamén encomiable do seu adestrador”, sinalou. Ademais de animalas “a seguir esforzándose para perseguir máis éxitos”, o tenente de alcalde recordou que dende o Concello da Baña estase apostando non só polo deporte senón tamén pola vida activa e, neste sentido, recordou que “estas probas deportivas serven para fomentar hábitos saudables e tamén para difundir o noso patrimonio paisaxístico e incentivar o turismo natural, polo que animamos á xente a participar”.