
O Concello da Baña continúa avanzando nas súas políticas de sostibilidade coa posta en marcha de dous centros de compostaxe comunitaria no núcleo urbano de San Vicenzo da Baña. Trátase dunha nova fase do proxecto municipal iniciado coa entrega de composteiros individuais, que contou cunha ampla acollida por parte da veciñanza.
Estes espazos estarán abertos a todas as persoas interesadas en participar e permitirán transformar os restos orgánicos dos fogares en abono natural. O obxectivo é reducir a xeración de lixo e, ao mesmo tempo, obter un recurso de valor para mellorar as zonas verdes municipais.
O Concello subliña que o éxito da iniciativa dependerá da colaboración da cidadanía, á que anima a sumarse para avanzar cara a un municipio máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
Nas próximas semanas organizaranse xornadas informativas e obradoiros prácticos co fin de explicar o funcionamento dos centros de compostaxe comunitaria e resolver posibles dúbidas das persoas usuarias.
Con este novo paso, A Baña consolida o seu compromiso co fomento da economía circular e a redución de residuos, reforzando o papel activo da veciñanza na construción dun futuro máis ecolóxico.