-
O programa oferta 20 prazas dirixidas a crianzas de entre 3 e 13 anos para os días 30 e 31 de marzo, e o 1 e 6 de abril
-
As persoas interesadas teñen ata o vindeiro 20 de marzo para formalizar a súa solicitude no Rexistro do Concello

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía, pon en marcha unha nova edición do servizo de conciliación de Semana Santa. Esta iniciativa ten como obxectivo principal ofrecer ás crianzas un espazo de carácter lúdico, social e educativo, facilitando ao mesmo tempo a conciliación da vida laboral e familiar dos seus proxenitores ou titores legais durante o período de vacacións escolares.
O servizo desenvolverase no Local Social de San Vicenzo da Baña en horario de 8.00 a 15.00 horas. As actividades realizaranse os días 30 e 31 de marzo, e o 1 e 6 de abril, coincidindo coas datas non lectivas da Semana Santa. O programa conta cun total de 20 prazas para menores escolarizados con idades comprendidas entre os 3 e os 13 anos.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 20 de marzo. As inscricións deberán realizarse no Rexistro do Concello achegando a seguinte documentación: solicitude e ficha de inscrición debidamente cumprimentada; xustificante bancario do pago das taxas correspondentes; certificado de empresa que xustifique a necesidade de conciliación por motivos laborais; e tarxeta sanitaria do menor e, de ser o caso, informe médico para tratamentos especiais.
Para a adxudicación das prazas, o Concello establece unha orde de prioridade que favorece, en primeiro lugar, ás unidades familiares empadroadas no municipio, seguido dos fillos/as do persoal municipal e, finalmente, crianzas non censadas.
As taxas para participar no servizo están estipuladas en función do empadroamento e do número de participantes por familia. Así, para a cativada censada o custo é de 15 € para o primeiro fillo/a e 10 € para o segundo e sucesivos; para as non censadas 30 € para o primeiro fillo/a e 15 € para o segundo e sucesivos.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co departamento de Servizos Sociais do Concello no teléfono 981 88 65 01.