O próximo 7 de novembro a Comisión Europea pon en marcha unha nova edición da iniciativa DiscoverEU que outorgará billetes gratuítos para viaxar gratis por Europa.
DiscoverEU é un proxecto da UE destinado a axudar ás persoas mozas de 18 anos a viaxar e coñecer os países que forman a Unión Europea. A maior parte da viaxe debe facerse en ferrocarril, aínda que para dar o maior acceso posible a todos os lugares, os bonos de viaxe tamén incluirán modos de transporte alternativos como autobuses ou transbordadores. En casos excepcionais, e cando non existan outros medios de transporte, autorizaranse as viaxes en avión.
As viaxes deberán realizarse entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2020 e todos deberán ter unha duración mínima de 1 día e máxima de 30 días, e deberán comezar nun país que sexa Estado membro da Unión Europea.
Para poder ser admitido é necesario ter nacido entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2001, ambos inclusive, así como ter a nacionalidade dun dos estados membros da Unión Europea no momento da decisión de adxudicación.
Todos os candidatos que sexan elixidos para participar nesta iniciativa converteranse en embaixadores de viaxe de DiscoverEU, polo que deberán contar as súas experiencias de viaxe a través de redes sociais como Instagram, Facebook ou Twitter, utilizando a etiqueta #DiscoverEU
Esta iniciativa permite engadir ata catro amigos ao grupo de viaxe e combinar plans de viaxe con outros participantes do programa.
Se estás interesado/a en formar parte desta nova convocatoria de DiscoverEU, poderás inscribirte entre o 7 e o 28 de novembro de 2019, a través do formulario de candidatura online que estará dispoñible na páxina web oficial de DiscoverEU a partir desa data.
Para máis información, consulta a páxina de DiscoverEU.